20190323

Nota de prensa Por Nuestro Faro: Resposta do Concello á resolucion da valedora


Como lembrarán os lectores que sigan o periplo, o día 4 de marzo recibimos a resolución da Valedora do Pobo na que esixía ao concello de Ribadeo que nos dese resposta a unha pregunta formulada o 10 de setembro de 2018 sobre a concesión da licencia de actividade para os apartamentos da Illa Pancha. O motivo concreto da pregunta era a situación da fosa séptica, cuxo proxecto de legalización se publicou o 24 de agosto de 2018, despois de executar a obra en Abril de 2017.
Xa temos publicado abondosa información sobre o tema e non nos imos repetir. So suliñar que nos vimos obrigados a recurrir á Valedora do Pobo, en aplicación da Lei de Transparencia, ao non recibir resposta algunha do Sr. Alcalde de Ribadeo.
Agora, seis meses despois de iniciado o proceso, concretamente o día 15/3/2019 recibimos un escrito do concello que nos ofrece a posibilidade de consultar o expediente devandito durante os próximos 30 días.
Folgan comentarios, porque ter que agardar medio ano para que os veciños teñan que facer un traballo que non lles corresponde para recibir unha información que se houbese resolto en cinco minutos da unha idea moi clara da calidade da democracia municipal que impera en Ribadeo.
Iremos ver ese expediente e daremos conta dos resultados. Pero non podemos negar que levaremos a mosca detrás da orella, porque as experiencias vividas ao longo de cinco anos longos de ocultación e manipulación de información por parte do concello e ontras institucións e entidades non convidan a ser moi optimistas. E sempre lembraremos aquelas declaracións do Sr. Alcalde ao diario El Pais en abril de 2015: “UN PREMIO PARA RIBADEO”, segundo a valoración do noso mandatario por aquelas datas.

Ningún comentario: