20190513

A humidade corroe

Vivimos nunha zona húmida. Estamos afeitos á humidade, e a dispor de auga en abundancia. Sabemos que é un privilexio ter á nosa disposición na natureza unha cantidade de auga moi superior á que dispoñen noutros lugares. Pero tamén sabemos que a auga pode ser mala. Non só a maior humidade favorece reuma ou artrite, non só aumenta a posibilidade de inundacións. Non só hai que coidar a contaminación existente na maioría das nosas fontes. Non, ás veces aparece o rastro desa maior cantidade de auga en sitios nos que non se espera. Iso pasa coa humidade observada nas pinturas da capela da Virxe das Virtudes de A Ponte de Arante. Hai anos que Emilio Piñeiroa difunde os frescos que se atoparon alí, e agora, despois de que a festa que dentro de pouco se celebrará no lugar teña sido declarada de interese, ten que dar a voz de alarma sobre o estado das pinturas debido á humidade.
Na foto, de Emilio, vese como os bancos están retirados, colocados así polo Obradoiro do Camiño para facilitar as visitas. e como a humidade avanza polo muro. A capela está restaurada -obsérvese o coidado do teito- pero viuse claro xa dende pouco despois da restauración que ía ser difícil o mantela. Situada xunto á confluencia do Rego de Lexoso e do Rego de Arante, onde se forma o Río Grande, nunha zona baixa, que no 2010 sufriu o destrozo total da ponte xunto a ela pola riada de xuño daquel ano, a zona... é húmida.
O barrio de A Ponte, en Arante, coa capela e a ponte actual, á vista no Sigpac
E como se vai amañar? Polo momento, despois da promesa dunha 'intervención rápida' xa hai tempo, está sen trazas de amaño. Polo tanto, o primeiro paso sería prestarlle máis atención...

Ningún comentario: