Nota
de prensa da Plataforma Pro Residencia de Maiores de Ribadeo
Posta
en funcionamento da residencia de maiores
Unha
volta anunciada a posta en marcha da residencia, que nos produce unha
fonda alegría, na Plataforma Pro Residencia de Maiores de Ribadeo
somos conscientes de que unha vez posta en funcionamento, quedan
moitas cousas por facer. A posta en marcha é sinxelamente un paso
máis que apoiamos -importante, pero un paso máis- encamiñado a que
os nosos maiores teñan calidade de vida na súa vellez. Pero non por
iso podemos esquecer as reivindicacións en forma de alegacións que temos feito hai pouco máis de medio ano, ou sinxelamente que a
concesión a unha empresa grande, Clece, que ten ramas de actividade
dende centros hospitalarios a hoteis, ou dende a área sociosanitaria
(145 residencias 'xestionadas') á financieira, pasando por centros
de ocio entre outros sectores, necesita dun contrapeso social en
Ribadeo.
Este
venres ás 5 da tarde comeza a encherse cos oito primeiros ocupantes,
ós que se irán incorporando as próximas semanas o resto de
admitidos polo momento, e logo, ata a cabida das instalacións. Iso
implica unha nova época no que vai variar o sentido que tiña ata o
de agora a Plataforma Pro Residencia. Pos iso, hai cousa de mes e
medio, todos os grupos que se presentaban ás municipais en Ribadeo,
recibiron da parte da plataforma unha mensaxe:
"Dende a Plataforma Pro Residencia de Maiores de Ribadeo
levamos tempo pensando en seguir aportando o noso gran de area no
futuro da residencia. Por iso, e detectando que xa de xeito case
inmediato sería desexable facer cambios -que foron aprazados polo
momento- e que un punto débil xeralizado en todas as residencias é
o seguemento público do coidado dos nosos maiores, como un primeiro
paso, decidimos constituír unha asociación. Asociación que poda
axudar e ó tempo, conectar sociedade e funcionamento da residencia.
Non temos présa, pero tampouco queremos esperar, polo que adxuntamos
un borrador de estatutos co que comezar a recibir ideas e manter a
residencia como suxeito de reflexión e de acción de todos.
Incluídos os partidos políticos que actúan ou teñen pensado
actuar no eido municipal, a quenes vai dirixida de xeito específico
esta carta.
Naturalmente, no documento que enviamos, todo é revisable, dende
o nome, que esperamos se quede curto por ser adicado no seu momento a
algo con máis entidade que a asociación, ós fins, que poden
cambiar mesmo en función da etapa pola que pase a residencia, polo
que estimamos deberan contemplar unha gama ampla de opcións.
Como Plataforma, só lembrar a loita que levou á constitución
dunha comisión municipal e logo á construción da residencia, que
representa un capital social que non queremos desperdiciar, senón
compartir e coidar en ben de todos. E aquí estamos, a seguir
escoitando e participando na medida do desexable."
Ata
o momento, en ningún caso se recibiu máis resposta que algún
agradecemento. Non obstante, cremos que este momento é,
precisamente, o que marca o punto de saída para que a sociedade
enteira, todo Ribadeo, acolla como súa a misión de que a residencia
teña o mellor funcionamento posible. Así o esperamos e faremos o
que estea nas nosas mans para que así sea.
Ribadeo,
12 de xuño de 2019
Corrección: se ben no se incorporou a ningún programa electoral, o día 1 e 2 de maio, o representante de En Marea enviou dous correos electrónicos con propostas relativas, dos que extraio:
Do correo do día 1: "suxerencias: 1.- No art 13, ap 3: Un máximo de oito anos no canto de
"indefinidamente". Non creo que sexa moi importante para este tipo de
asociacións, pero cecais sexa mais estético.
2.- Revisar a lingoaxe de xénero. 3.- Non sei se tedes xa constituida a
comisión xestora, pero entendo que sería desexable que algunhas persoas
identificabeis figurasen ao pe da proposta. Non por min naturalmente,
so por unha custión de imaxen. Tampouco estaría
mal engadir prazos aproximados se o tedes pensado.
"
Do día 2: "a título de suxerencia e ampliar a discusión. ¿Non pensáchedes na
oportunidade de revitalizar as AAVV con este motivo?. Se non recordo mal
a comisión promotora da Residencia da 3ª naceu da coordinadora
das AAVV, (...) Agora
semella que esa coordinadora está moi parada como seguramente a maioría
das AAVV. Montar unha nova asociación e mantela activa supón un traballo
e un esforzo que en certo modo sustitue á coordinadora
de AAVV e os seus membros mais activos van ser as mesmas persoas que
proceden das AAVV. ¿Non sería mais operativo e amplificador que esas
persoas, se estivesen de acordo, movesen o tema nas suas AV, mantendo e
impulsando a coordinadora? Pola outra tamén vexo
como positivo da nova AV que pode incorporar a familiares dos usuarios e
mais xente e non necesariamente estaría en contra das antigas AV."
--
Adxuntamos copia do convite ao acto da posta en funcionamento da
Residencia de persoas maiores de Ribadeo, co que facemos extensivo o
convite recibido coa aclaración de que é un acto público, e polo tanto
pode ir quen queira:
2 comentarios:
Coido que sería moi bo o vixiar moi de preto a os de CLECE, sei do que falo.
Vale. Datos? Consellos máis polo miúdo?
Publicar un comentario