Lic CC-by-sa 3.0 de David Sebastian Liuzzo (Obra derivada: Alexandre Vigo), collida de https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:800px-EU_location_GAL.png. |
Despois de ver as novas destes días sobre o terrorismo galego (ler por exemplo "¿Existe Resistencia Galega o es un bulo de Gobierno?" en eldiario.es), venme á cabeza a pregunta de se se me podería considerar de Resistencia Galega, máis aló de se existe, que parece que non. O que si coido que se me pode considerar, como a moita outra xente, é un resistente galego.
Resistente por seguir vivo e mal que ben, practicando a nosa lingua e procurando o ben da nosa terra e da nosa sociedade. Resistente por querer e aprezar cada corredoira e cada monte, transitada dende hai moito e presente na vida de moita xente antes de chegar a nós. Resistente por tentar ensinar que o desenvolvemento comeza por nós mesmos, abríndonos e aprendendo do mundo, e non na explotación dun mundo que non só non é só noso senón que tamén nos ten permitido vivir grazas a que non o estabamos expoliando. Resistente por ter claro que a terriña é só a parte máis achegada a min da Terra, á que por iso teño máis oportunidades de manifestarlle amor que, poñamos, a Suazilandia. Resistente por cousas así, coido que sinxelas, que veñen dadas de xeito natural, que non son exclusivas miñas, nin en termos xerais, nosas, aínda que as vivamos con certas características pola convencia coa nosa lingua, a nosa paisaxe, a nosa terra, os nosos amigos, a nosa sociedade.
Que eu saiba, non hai unha data de nacemento da resistencia galega. Considerar como tal o comezo dos irmandiños coido que extrapolar a partir de algo ben diferente. Un nacemento ós poucos, si. A medida que se ía configurando o país e os agravios á xente por parte de quen non só quería ter poder, senón máis poder. Algo que de diferente xeito se ten dado arredor de todo o mundo, mesmo contaminado con ansias supremacistas dun ou outro signo, escollendo uns ou outros enemigos ou apoiando e encumbrando líderes locais que coller como un símbolo máis, como forzamento á aglutinación dunha 'nacionalidade'. É dicir, dun illamento que contrapoñer a outros e que leva ó desprestixio do nacionalismo (dos 'outros' nacionalismos, claro!)
Como resultado, como resistente galego, si, formo parte da resistencia galega. Non me fai falta un carnet ou inscrición, xefe ou estrutura de funcionamento, nin tampouco recoñecemento. E ti?
1 comentario:
Moi boa e certeira reflexión. Eu tamén son resistente.
Publicar un comentario