20160604

Unha de indianos. Por Eduardo Gutiérrez

(Texto publicado en A Gaceta Ribadense o 10 de xullo de 2015, p. 3)
Unha de indianos
As idealizacións e as mistificacións que acompañan moitas veces os fenómenos de todo tipo, e desde logo a historia, tamén forman parte do fenómeno indiano, cuxos contornos son moitas veces neboentos, xa sen entrar a considerar algunhas aportacións puramente aproximativas e pouco rigorosas, que sen dúbida han corrixirse e mellorarse... Naturalmente, isto nada ten a ver coas festivas xornadas indianas que estes días se celebran, e que foron quen de convocar unanimidades e adesións realmente inéditas, neste lugar onde o mundo se chama Ribadeo.
Onde pouco está feito, conviña -por quen está chamado a facelo- investigar o destino real das remesas enviadas polos emigrantes, un aspecto decisivamente importante tendo en conta, ademais, que Ribadeo contaba con dúas casas de banca, Bengoechea e Casas. Obviamente todo o capital enviado non sería para construír ou mellorar domicilios, como ao que se ve alguén deu a entender por medio de letreiros equívocos, salferidos a eito, polo casco urbano. Parece claro que nén aquí, nen en Galicia polo xeral, as cantidades enviadas tiveran como destino prioritario proxectos industriais transformadores, ainda que si contribuiron a crear decisivas dotacións de todo tipo, especialmente educativas e, no noso concello, un deseño inédito de ensino agrario vencellado a unha alternativa de transformación agrícola elaborada polo enxeñeiro Henrique Suárez Couto.
Con todo, a sona da enorme fortuna de algúns indianos -- nomeadamente os irmáns Moreno Ulloa, Ramón González ou Pedro Murias --, alimentaron durante moitos anos a identificación dos americanos como administradores do corno da fortuna, un fenómeno que chega até épocas relativamente recentes. A comezos dos anos cincuenta do pasado século, o Concello diríxese aos herdeiros dos irmáns Moreno Ulloa en percura de axuda económica para os gastos que ocasionaría o Instituto Laboral, recentemente concedido. O alicerce éra claro: os filántropos encargaran proxectos para construir un Instituto de Segundo ensino. Naturalmente pasaran moitos anos, mesmo desde a morte dos irmáns Moreno, a comezos dos anos vinte o maior, e ao remate da década, o máis novo. En cartas que asinan Alberto Martínez, José de Pontes e a viúva de Fernández Moreno, a resposta foi diáfana: non podían atender a petición, dado o "decrecimiento' da herencia, aparte das dificultades "da vida actual". A ubicación definitiva do concedido Centro de ensino, construíndo un novo edificio, daría varias voltas. Nestas mesmas datas estaban moi adiantadas as negociacións con Isabel Martínez Pasárón, para a adquisición 'do edificio coñecido como A Residencia, derrubado hai tempo para construir as vivendas sociais do Parque. Non obstante si que fructificaron algunhas das peticións feitas a un filántropo hoxe case esquecido, Amador Fernández, que costeou a construoción dun novo grupo escolar ubicado no que foran as Cocheiras da Casa de Casas, daquela xa edificio municipal. Ampliando o edificio orixinal construiuse o actual Centro de Servizos Sociais, na rua Ibáñez.
Moitas das importantes realizacións levadas a cabo polos indianos enriquecidos, contaron con atrancos de diversa etioloxía, polo común residenciados en sectores retardatarios ou francamente retrógrados. Algunhas proposicións non chegaron á callar. Serva como exemplo o caso qxe relata Alberto Vilanova sobre Antonio Rodríguez del Busto (1848 - 1926). Desexando este contribuiur á mellora da vila, dirixiuse aos seus paisanos en demana da obra mais necesaria e urxente para a prosperidade da vila. Ao mesmo tempo suxería que se reunisen cunha serie de persoas competentes, coñecidos seus. Ocorreu que unicamente se evacuaron consultas co párroco da vila, quen solicitou que Rodríguez del Busto sufragara o soldo dun capelán para o cárcere. Non o sabemos, pero quizais os nomes evocados para a consulta non eran da simpatía de determinadas forzas vivas, un asunto sumamente suxerente, tendo en conta a existencia dunhas liñas xenealóxicas con aboenza en materia, de cobizas e cutrerías. Mais polo de agora, isto non toca.

Ningún comentario: