Cidade horizontal.
O BOE do 25 de xuño de 2002 publica o Real Decreto 591/2002 de 24 de xuño, polo que se concede o título de Marqués da Ría de Ribadeo, con Grandeza de España, a Don Leopoldo Calvo-Sotelo e Bustelo. Os seus restos mortais repousan desde o 5 de maio do 2008 no cemiterio de Ribadeo, de onde era a súa nai. Debemos lembrar que Calvo-Sotelo non perdoaba as súas vacacións estivais en Ribadeo e as súas singraduras no seu bote -Juanín- de vela latina ata Augas Santas, debéndose a el e á súa familia a celebridade que adquiriu tal areal.
Estar en Ribadeo é lembrarme dos médicos amigos. Manolo Moreda que foi compañeiro de bachillerato e posteriormente reencontrámonos en Madrid. O seu pai Xusto Moreda era un magnífico cirurxán que xunto a Cabanela en Mondoñedo, dispuxeron daqueles sanatorios cirúrxicos onde se atendían cadros graves, evitando as terribles condicións terrestres para chegar ata Lugo. Por certo. A miña sorpresa foi mayúscula. Somos requiridos tres Mosquera. Inspectores Médicos e Directores de Hospitais, polo INP central en Madrid. Pregúntasenos se é necesario construír o Hospital da Costa. Evidente que coincidimos os tres. Era necesario e urxente. Pero tiñan serias dúbidas, xa que un ilustre galeno da Mariña -veraneante- con altos cargos en Lugo, afirmaba que cos sanatorios lucenses era máis que suficiente, a máis diso manter o costume para acudir á cidade das Murallas para que fosen atendidos todos os asuntos e moi en especial aqueles relacionados coa saúde.
Os Moreda foron os sucesores daqueles galenos que exercían a ciencia e arte en 1900. Amado Pérez, Marcelino Vior, José Díaz, Manuel Branco, Antonio Fernández, Modesto Lage e Juan do Rego.
Na cidade que dá nome a Ría onde se atopan a mar e o río que nace en Fonteo e separa Galicia do Occidente de Asturias, chaman a atención dous edificios moi próximos un do outro. O primeiro, Pazo do Marqués de Sargadelos e Conde de Orbaiceta, na actualidade casa do Concello; e a Torre dos Moreno. Unha casa de Indianos construída en 1915 e que representa o éxito duns emigrantes ao Novo Mundo.
Todos os anos coa chegada do verán Ribadeo viste aos seus veciños e visitantes con aquelas elegantes roupas de liño branco con chapeus e pamelas, que recordan tempos de emigración alén do mundo. Un amigo, na sobremesa de tal efeméride, sorpréndeme cunha fermosa e romántica teoría. "Os emigrantes eran como aqueles cabaleiros que se puxeron a buscar o Santo Grial, e cuxos segredos desvela Joseph Campbell -investigador estadounidense- na súa Historia do Grial". "Aos galegos e astures chegoulles o mito de como facerse rico e cambiar o destino, razóns para emprender a viaxe. Algúns o conseguen e déixannos a pegada do seu éxito. Outros quedan no anonimato ou nesas longas listas de pasaxeiros para aqueles barcos nos que a travesía facíase interminable, entre o hacinamiento e o temor ao descoñecido".
Ningún comentario:
Publicar un comentario