20190704

Nós seguimos a ser emigrantes

Nós tamén fomos emigrantes. Ese é o título da exposición inaugurada o outro día na oficina de turismo. Fotos de axencia que recorren a emigración española dende 1941, ano no que se enviaron traballadores ás fábricas alemás en plena guerra mundial, ata finais da ditadura.
Coido que hai un pouco desorde na presentación, mais pode seguirse ben. Unha foto da igrexa pedindo para os emigrados, cando eran os emigrados os que estaban enviando partidas de cartos que repercutían en España, chámame a atención. Ou que se presenten como emigrantes sen máis os de 1941 cedidos por Franco a Hitler (coido que non se debe dicir por España a Alemaña) en viaxes organizados polo goberno, recibidos nas fábricas tamén de xeito organizado e con saúdo fascista, e logo escamoteados pola ditadura para non afear o historial.
Pero máis que o que comento arriba e outras cousas parellas, chámanme a atención dúas cousas.
A primeira, o propio título, 'Nós tamén fomos emigrantes', como se na actualidade os nosos fillos non estiveran polo mundo adiante como emigrados, como se tivera sido cousa doutra época, como se houbera que recurrir ó folclore da emigración para pedir un pouco de piedade para os inmigrantes. A mentalidade que se foi tentando construír dende as alturas é así, e así se presentan hoxe moitos casos que teñen dificultade en distinguir entre emigración e inmigración, dúas palabras simétricas cun significado nas frases que é moi diferente.
A segunda, na nota do concello, a foto que reproduzo.
Certamente, o alcalde naceu na emigración, pero coido que a foto como tal, para remarcar un tema sensible como a emigración, non é afortunada. Nin aínda que sexa a presentación da exposición o pistoletazo de saída para o Ribadeo Indiano, perdendo un contrapunto á idea que se espalla no R.I. de emigración = éxito, ou da presentación da emigración como unha constante en Galicia dende hai tempo, e ben máis par acó da época dos indianos.

Ningún comentario: