20190816

As catedrais e o mar

O mar fixo, o mar desfai.
De novo, un derrumbe nas Catedrais. Normal. Os cantís da costa derrúmbanse. O ataque do mar forma covas, artella arcos e tamén os destrúe. Parece que non se lembran os prognósticos que sinalan que é abondo probable que o aspecto dos arcos sexa ben diferente nun par de décadas, coa caída dalgún deles.
Hai uns poucos anos (2017), Malta perdeu a súa atracción estrela, a ventá azul. daquela preguntábame se Ribadeo estaba preparado para a perda das catedrais. Ó ver a nova do desprendemento de onte, que se suma ó da primavera pasada e tamén a moitos outros, como o que houbo hai pouco tempo entre as Catedrais e Arealonga, ou mesmo no interior da ría ou en zonas nas que non dá o mar, como o desprendemento na Atalaia ou á beira do porto, asáltanme varios pensamentos. Algúns deles: é realmente noticia? Que ingrediente ten para que o sexa? É noticia a prevención como tal ou só as loitas arredor dela? A prevención debe reducirse a carteis que estragan precisamente o que queren coidar ou debe abranguer alternativas ás Catedrais? Por que non se une en ningún momento a nova co aumento do nivel do mar que propicia unha maior erosión e conectado con outros fenómenos máis vitais?
Hai tempo, máis dun decenio, que dende O Tesón se pedía unha definición do Ribadeo que queremos. Segue sen facerse, e mentres o pobo se vai acomodando a remolque ó turismo que chega, segue sen haber esa definición. Mentres, Ribadeo vai deixando de ser ribadense e as protestas por iso van en aumento. Só queda dicir 'continuará'

Ningún comentario: