-Artigo preparado para o libro das festas do Carme 2019-
Chegan as Festas Patronais de Santa María do Campo, e unha morea de recordos de xuventude amontóanse na miña mente querendo saír todos xuntos pero paseniñamente van fluíndo en bastante boa orde cronolóxica. Cando éramos rapaces, na miña xuventude, anos 60 do pasado século, adoitábamos facer longos paseos despois de comer, naquelas preciosas tardes da primavera e do verano, tratando de perdernos por camiños pouco transitados, procurando descubrir naqueles mil recunchos máis escondidos ao Ribadeo máis enxebre e “profundo”, que tan ben soubo retratar Suso Peña nas súas magníficas instantáneas do Ribadeo Urbano, que logo transformaba coas súas marabillosas mans nesas series de extraordinarios debuxos de paisaxes formados polos tellados de Ribadeo... ¡Suso canto nos amosaches coa túa mirada máxica!
Chegan as Festas Patronais de Santa María do Campo, e unha morea de recordos de xuventude amontóanse na miña mente querendo saír todos xuntos pero paseniñamente van fluíndo en bastante boa orde cronolóxica. Cando éramos rapaces, na miña xuventude, anos 60 do pasado século, adoitábamos facer longos paseos despois de comer, naquelas preciosas tardes da primavera e do verano, tratando de perdernos por camiños pouco transitados, procurando descubrir naqueles mil recunchos máis escondidos ao Ribadeo máis enxebre e “profundo”, que tan ben soubo retratar Suso Peña nas súas magníficas instantáneas do Ribadeo Urbano, que logo transformaba coas súas marabillosas mans nesas series de extraordinarios debuxos de paisaxes formados polos tellados de Ribadeo... ¡Suso canto nos amosaches coa túa mirada máxica!
Recordo que nun daqueles paseos subimos desde Porcillán á Rúa San Miguel, por un estreito camiño case intransitable, cuberto de silvas e ortigas, que transformaba o paseo nunha pequena aventura. Hoxe aquel camiño está máis despexado, pavimentado de alcatrán e leva o nome de Rúa da Muralla.
Por aquel camiño, podíamos ver a parte de atrás do chamado “Cuartel Vello” (foto 1, arriba), que realmente é a Casa-Torre Sierra Pambley, construída no ano 1701 polo leonés D. Francisco Sierra Pambley, un destacado filántropo e protector da ensinanza, con grandes propiedades en Zamora e León. O edificio ten forma de torre ameada con carácter de fortaleza, pero parece ser que a súa finalidade foi sinxelamente o de darlle unha personalidade señorial. D. Francisco por testamento outorgado o 28 de Setembro de 1713, fundou na vila de Ribadeo unha escola de ler, escribir, contar, doutrina, gramática e demais ciencia, como se estila nos colexios da Compañía de Xesus” (Manuel Vázquez Seijas, Fortalezas de Lugo y su Provincia, Tomo II, páx. 291).
Non sería de estrañar que a residencia dos xesuítas profesores de dita escola, ou incluso o propio colexio fundado por D. Francisco, fora a casa coñecida como Cacabelos de Abaixo, hoxe o Bar Amodiño, que ten gravada a data do ano 1759 no lintel dunha xanela, así como a simboloxía IHS dos xesuítas, da que eu facía referencia cando relataba o Escudo da Casa de Cristos (tamén en La Comarca del Eo, 14-Xuño-2016).
Pero volvendo os recunchos do paseo, descubrimos que baixo esta casa torre de Sierra Pambley, hai unha propiedade privada protexida por un muro alto, que no seu interior presenta unha columnata de quince ou dezaseis columnas (foto 1 arriba e foto 2, abaixo), cada unha cun fuste de máis de 50 cm de diámetro, por 160 cm de altura (grosso modo, pois non as medín).
Non sabíamos para que eran aquelas columnas, nin para que tipo de edificio foran construídas. As columnas constan dun plinto ou pedestal cadrado, de onde arranca un fuste cilíndrico feito con pedras superpostas, como as dunha parede, e lucidas con morteiro forte que as fai moi sólidas. Algunhas teñen un ensanchamento central ou convexidade, tecnicamente chamada éntasis, que contrarresta a ilusión óptica de concavidade que se produciría si fora columna de fuste recto. Na parte alta rematan cun capitel cadrado formado por un equino e un ábaco cadrados, que descansan sobre un collarino moldurado.
¿Que estrutura soportaban estas columnas? Segundo se dicía por aqueles tempos, estas columnas soportaron unha especie de xardín flotante, cuxas flores caían en cascada pola fronte de forma que facían unha especie de toldo para resgardar do sol un pequeno paseo en sombra, como un claustro, onde poder ler, charlar ou meditar nas plácidas tardes do verano.
Pero lonxe de todas aquelas elucubracións, fai poucos anos, Luís Penzol (q.e.p.d.), díxome que esa horta agora era da súa familia e que polo que el tiña entendido, fora unha propiedade dedicada a cortes para o gando vacún, especialmente para manter aloxados aos grandes bois de tiro que traían os carros dos arrieiros maragatos, entre outros, que transportaban cara a meseta as mercadorías que desembarcaban os barcos no porto de Porcillán. As columnas ao largo da finca soportaban un tellado que abeiraba os presebes do gando e o resto da finca era para almacenar herba e palla. Aquel comentario foi para min, unha grande explicación, pois descubríame outro anaco da historia incomprensible dos tantos recunchos que Ribadeo ten agochados por aí. De todas maneiras as columnas teñen unha dimensión considerable para ser soporte das vigas dun simple tellado, polo que moi ben puido ser, como dixo Luis Penzol, unha estabulación aberta para bois, pero ¿cantos séculos ten a columnata?. ¿A obra foi feita desde un principio pensando no gando ou este foi un destino que tivo na súa última fase?
A partir daquel comentario, veume a memoria aquel antigo nome de rúa das Angustias, hoxe rúa Antonio Otero, e tomou para min outra dimensión, un novo significado pois ese nome de Angustias, puidera ser a denominación que lle puxo a xente do pobo debido a ese grandísimo esforzo de sufrimento, cheo de bufidos agónicos que se oían na rúa, tanto dos homes como dos animais, cando tiñan que remontar a pendente tan pronunciada da costa de Porcillán ata a Porta da Auga, coas zorras de arrastre ou carros baixos nos que se transportaban grandes pesos. Non é raro que alcumes populares se consoliden como nomes propios de certos paraxes, tal como ocorreu coa denominación da Ponte dos Suspiros de Venecia debido os suspiros dos namorados que pasan nas góndolas por debaixo e dos suspiros dos condenados cargados de cadeas que pasaban por el.
Outro elemento relevante da horta é un “milleiro” que hai sobre unha columna da hoxe entrada única (foto 3, abaixo). Esta sinal estaba posta polos camiños reais para, como o seu nome indica, sinalar as millas dun percorrido, tal e como hoxe marcan os fitos quilométricos. É unha sinal, cuxa forma de pináculo se remonta ós tempos das vías romanas. ¿Porqué está aquí?. Iso é outra historia que de momento tamén se nos mantén oculta.
Felices Festas da Patrona e desfrutade todo o que poidades sen facer dano, que todo queda aquí.
Ningún comentario:
Publicar un comentario