Remato de ver unha gráfica por enésima vez. Por primeira vez decateime dun detalle dun dato que representa.
A gráfica, as partes por millón de dióxido de carbono na atmosfera,
recollidas nun observatorio limpo de alta montaña nunha illa no medio do
Pacífico: Mauna Loa, nas illas Hawaii. A recollida dese dato faise
dende o ano 1958, e, se collemos como referencia os máximos anuais
(poderíamos coller outra referencia, a variación é desprezable), en 1958
representaba unha concentración de 317 ppm, e en 2019, de 414 ppm. É
dicir, en 61 anos, un aumento de máis dun 30 %. Aínda máis, a referencia
da era pre industrial, por outros estudos, leva a 280 ppm. É dicir, un
50 % máis que ó que estabamos afeitos os humanos ata hai cousa de 200
anos.
Que significa? Pois básicamente, que o efecto invernadoiro
causado polo dióxido de carbono leva aumentado un tercio dende mediados
do século pasado, e a metade máis dende a era pre industrial. Tendo en
conta que o efecto invernadoiro normal permite que nós vivamos sobre a
superficie da Terra ó favorecer un aumento da temperatura media de máis
de 30 ºC, se só contara o dióxido de carbono para este efecto, a
temperatura dispararíase máis de 15 ºC de media, facendo o planeta
inhabitable.
É para botarse a tremer. Se non materializado ese
aumento é por varias razóns. Unha, que ata o momento houbo mecanismos
naturais que capturaron parte do aumento da produción de dióxido de
carbono, evitando que chegara a concentracións aínda máis altas que as
referidas. Efectos que están comezando a desaparecer, como a captura
polo mar, cada vez máis ácido debido ó aumento da cantidade dióxido de
carbono capturado, e máis quente, o que dificulta a absorción de dito
gas. Outra, a inercia da Terra a quencer, que fai que leve retraso no
quencemento aínda que este sexa evidente hoxe por hoxe. A terceira, que
por sorte o dióxido de carbono no é o único gas de efecto invernadoiro,
senón que o metano ou mesmo o vapor de auga, entre outros compostos,
tamén contribúen a dito efecto. Claro que, en relación a isto, polo
momento, o metano tampouco está controlado, e o vapor de auga tende
aumentar co aumento da temperatura, o que non representa moito consolo.
Collendo un vello refrán, a deus rogando e co mazo dando,
encomendémonos, crucemos os dedos e traballemos a favor do control que o
noso planeta intenta manter. Polo de agora, en contra das nosas actuais
accións contaminantes. Pero cedendo cada día un pouco máis fronte ós
nosos ataques á nosa fonte de vida.
20190917
Atacando á Terra. Unha chamada (máis) de atención
Etiquetas:
Medio
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario