Neste blog o 18 de decembro de 2017 e en La Comarca del Eo do 23 de decembro escribía sobre o escudo de armas que se atopa dentro desta xoia de Capela da Ponte de Arante, un verdadeiro tesouro histórico ó que como non se lle poña un pronto remedio contra as humidades das paredes -antes de que chegue o inverno- acabaranselle destruíndo esas magníficas pinturas interiores do século XVI, do ano 1516 para ser máis precisos, inigualables en toda a Galiza; ese fresco mural da parede Sur, exvoto mariñeiro cos seus barcos e lendas, esa pintura da dereita que mostra a Asunción, a Coroación de María e o Descendemento da Cruz, o escudo de armas dos Osorio e de don Pero Pardo de Aguiar, a conservación rigorosa desa pintura do espléndido esqueleto da morte viva, ese retablo policromado... E os veciños galegos desta zona teremos que lamentarnos dentro de moi pouco tempo da súa perda irrecuperable, e teremos que seguir tragando quina ante a total incompetencia das autoridades de patrimonio cuxo presuposto para estas cousas non existe, pois din que dependen das arbitrariedades da nefasta Administración do ben común autonómico, chamada Xunta de Galiza, ou do libre albedrío dun bispado cuxo interese polos bens patrimoniais de carácter público que ten confiados brilla pola súa ausencia, ou a corporación municipal de Ribadeo co alcalde a cabeza, que deberan estar involucrados na posta en valor desta magnífica herdanza tan prezada do Camiño de Santiago.
Política desastrosa, maligna e repugnante aparte, a Capela da Ponte presenta unha serie de marcas lapidarias interesantísimas pola súa cronoloxía, presumiblemente de factura moi anterior aos documentos máis antigos da capela que datan do ano 1514, onde a denominan Ermida de Nosa Señora Santa María da Ponte, ou os do ano 1561 onde se coñece como Ermida de Nosa Señora Santa María das Virtudes.1
Baixo o noso criterio cremos que a data máis próxima da construción primixenia sería de finais do século XII ou do século XIII, dous ou tres séculos máis antiga do que a diplomática antedita lle atribúe. Vexamos por que.
As marcas lapidarias son signos na cantería que se facían no medievo para revelarlle a unha persoa iniciada no mundo (hermético) da aprendizaxe arquitectónica as relacións xeométricas que o construtor utilizara para facer as proporcións da obra (signos de besta). Estes signos forman parte das chamadas “marcas de canteiro” que se poden atopar algunhas veces nas pedras dos muros, nos fustes das columnas, nas dovelas dos arcos, nas xambas e linteis de portas e fiestras das igrexas románicas, as cales poden representar a firma do canteiro que labrou o bloque; unha marca de amarre para o transporte; unha marca da ensamblaxe; unha marca de asento da pedra: leito, sobreleito ou paramento, etc.
Pero esta simboloxía tamén pode deberse a unha marca persoal do Mestre de Obra ou da Escola ou Orde a quen pertencía el ou o patrocinador que a financiaba. Neste apartado é onde nós centramos a nosa hipóteses da antigüidade da Capela, pois en realidade as marcas das que falaremos non son marcas de canteiro ó estilo, senón emblemas da Orde que a financiou ou a mandou facer. Con moi pouco marxe á dubida, a capela foi feita por ou para os cruzados da Orde do Temple, ou sexa para os cabaleiros templarios.
A Orde do Temple foi fundada a finais do século XI por Godofredo de Bouillón e outros cabaleiros implicados na I Cruzada, con sede na abadía do Monte Sión de Xerusalén, polo que tamén se cre que interviu na súa fundación a Orde secreta do Priorado de Sión. A primeira cruzada culmina coa conquista de Xerusalén no ano 1099, e Hugo de Payns e nove cabaleiros fundan a Orde cando se presentan ante Balduino I de Xerusalén co desexo de “empeñar as súas vidas na protección dos peregrinos” que atravesen territorios perigosos para chegar aos lugares de adoración;2 pero non se constitúen na Orde Templaria de Europa até 1128, e que sería suprimida polo rei de Francia Filipe IV “o Fermoso” en 1312.
Na Capela da Virxe das Virtudes da Ponte de Arante hai ao menos cinco cruces templarias, e dous escudos de armas dos cruzados en dúas das súas fachadas a día de hoxe. Realmente unha moi grande cantidade de símbolos para unha capela de tan reducidas dimensións. Non sabemos as que puideron ser destruídas nas remodelacións da capela. Si, destruídas totalmente pola ignorancia dos responsables das obras por non saber nada do que tiñan entre as mans, pois incluso nunha época de peste tiveron a ben calear por enriba as pinturas que hoxe contemplamos con admiración e que se están destruíndo irreparablemente pola desidia de quen debera conservalas como ouro en pano: a Igrexa, a Xunta de Galicia a corporación municipal de Ribadeo, ou as tres institucións en conxunto, e que deben ser denunciadas por nós, os veciños deste municipio de Ribadeo pois sentímonos abandonados, incluso apreciámonos marxinados e con un inaceptable agravio comparativo cando vemos eses dispendios de centos de millóns de euros dilapidados nun Gaiás ó que chaman “cidade da cultura” (será da cultura baleira de contidos case todo o ano), e aquí con un presuposto ridículo en comparación se poderían conservar estas antigas e fantásticas pinturas do medievo, simplemente con tirar ou derrubar a escaleira que da ó Vendaval pola que se sube a campá da espadaña e que introduce un río de humidade na parede cada vez que chove, pero temos estas Administracións inzadas de desidia e incompetencia que “saben de toda a vida” que por estas terras de Galiza non chove nunca ou moi pouco... Menuda tropa!!
A cantidade de cruces templarias que hai nesta Capela dan fe da gran importancia que tiña para a Orde do Temple este punto estratéxico no Camiño Norte de Santiago, e que tamén tantos beneficios traía para os veciños deste tan antigo tramo do Camiño Francés: Ribadeo, Ove, Cubelas, A Ponte, S. Xusto de Cabarcos, Lourenzá e Mondoñedo, pois os templarios servían de guías, de gardacostas e de banqueiros aos peregrinos que requirían os seus servizos. As capelas templarias eran un lugar de oración, de aprendizaxe, de diálogo, de descanso e facían tamén a función de sucursal bancaria, pois os peregrinos do século XII ata comezos do XIV -cando existía a Orde- levaban consigo o diñeiro en metálico, en moedas que pesaban e ocupaban moito espazo o que era evidencia de riqueza e motivo dabondo para ser roubados. Para que o peregrino tivera seguros os cartos durante todo o Camiño, os templarios cambiábanlle as moedas por un documento en pergamiño que acreditaba un depósito de capital –inventores dos primeiros talóns bancarios- que podía ser retirado total ou parcialmente, a cambio dunha porcentaxe ou interés, en calquera das “sucursais bancarias” do Temple ao longo de todo o Camiño. Estas sucursais eran as capelas templarias. Sería interesante buscar a cripta onde os templarios mantiñan estes fondos en depósito. Si se atopara esa “caixa forte” chea de reais, de maravedís, de onzas, de óbolos de vellón... veríamos como aparecerían todas estas autoridades zascandileando entrevistas a todo trapo e facéndose fotos. Pero iso é outra historia.
Nesta Capela da Virxe das Virtudes, as marcas das cruces templarias e escudos dos cruzados poden verse:
1) na parede Leste, gravadas de fronte no contraforte Nordeste, unha cruz templaria acompañada do símbolo da semente da vida.
2) No lateral Norleste deste contraforte un escudo dos cruzados.
3) No contraforte Surleste outro escudo dos cruzados.
4) Na porta Sur dúas cruces templarias pintadas da cor vermella (A) e unha cruz templaria sinxelamente gravada na pedra (B).
5) Unha cruz templaria pintada da cor vermella, medio borrada, nun contraforte da parede Sur e o seu pé un pequeniño debuxo xeométrico que parece querer mostrarnos de como se fai a cruz templaria a partires de catro círculos (non representada aquí).
Ademais destas cruces templarias e dos escudos de cruzados, ai outra cruz gravada na pedra, en forma de Sagrada Forma na fachada Oeste, á sinistra segundo se entra pola porta principal do templo.
Por outra banda, existe na cara do Levante a pegada dunha cruz do calvario, que se define así por estar fincada sobre un montículo, de grandes dimensións respecto daquelas gravadas na pedra, pero de bastante máis recente factura, pois recorda aquelas sinxelas cruces de madeira ou de mármore que se poñían como recordo dunha Santa Misión ou dun Congreso Eucarístico dalgunha Semana Santa.
Pero quizais fora posta como lembranza daquela Batalla da Ponte de Arante que se desenrolou contra as forzas francesas de Napoleón ó mando do xeneral Fournier, onde tivo especial relevancia a actuación guerrilleira dos veciños, dende o 25 de Xaneiro de 1809, cando se negaron a dar pan, carne, viño, palla, cebada e leña aos invasores, e neste lugar da Ponte o día 29 de Xaneiro o mando de D. Melchor Díaz de la Rocha, douscentos veciños entraron en combate cos franceses. A partires do 5 de Febreiro as forzas inimigas retiráronse da pelexa, quedando no campo de batalla máis de cincuenta mortos. Hoxe celébranse neste Santuario de Nosa Señora das Virtudes da Ponte actos de homenaxe daqueles feitos, cunha procesión o luns de Pentecostés de cada ano, festa coñecida como A Romaría das Cruces, onde se reúnen os veciños das parroquias de Arante, Ove, Cedofeita, Cubelas, Balboa, Sante e Vidal para honrar e bandear os seus respectivos pendóns parroquiais. Nesta mesma procesión, e costume bendicir ós campos e cantar rogativas para pregar por unha boa colleita.
Pero volvendo o tema dos motivos ornamentais que se ven por todas as fachadas, quixera rematar dicindo que na vetusta porta Norte do Santuario, as impostas do arco de medio punto rebaixado, teñen adornos xeométricos con distinto motivo, quizais por ser de época máis remota que a porta, pois parecen pezas de cornixas que foron aproveitadas para facer as impostas, xa que están moi ciceladas para facerlles as curvaturas das beiras do arranque do intradós.
A imposta da esquerda ten un adorno en faixa simple con forma de cordón e a imposta da dereita mostra uns ocos cadrados labrados en líña.
Quixera deixar aquí unha suxestión aos organizadores da Romaría das Cruces, pois despois de asistir algúns anos a tal evento histórico, vexo que despois dos actos da procesión e do saúdo dos pendóns totalmente en silencio, notamos que lle falta algo a ese cerimonial cívico-relixioso e é a solemnidade grave e formal dunha lembranza esencial aos cincuenta mortos que alí houbo, tanto propios como dos inimigos, cincuenta mortos polos que podería prenderse un lume nun pebeteiro ou queimar incenso... acompañando o acto cunhas evocadoras palabras ou co rezo dunha oración. Este ano despois da celebración dixéronse algunhas verbas e entregáronse uns premios, pero falta un acto emotivo que faga fincapé na relevancia do motivo da romaría, pois aínda que sexa un acto festivo, ninguén de nós fai festa polos defuntos propios nin polos dos estraños.
Creo que as Autoridades Competentes neste caso -con mando tan provisional e ocasional-, deberan de traballar a reo todo o tempo que lles toca vivir na administración, para conservar esta magnifica xoia da Capela da Ponte que nos foi legada. Pero seguramente todo será segundo o taxe o xastre politiqueiro da quenda, e nós seguiremos estando obrigados a denunciar publicamente tanta falta de interese, desidia e incompetencia administrativa.
Hai por estas terras costeiras de Galiza, asociacións chamadas templarias cuxas igrexas datan do século XVIII e XIX, e nós que temos varias dos séculos XII, XIII e XIV temos todo medio arruinado. Non hai dereito.
--
Notas:
1. Santuario de Nosa Señora da Ponte, Arante, D. José María Fernández Fernández, Arquiveiro Diocesano de Mondoñedo, 1986, páx.7-8 // Cadernos de Investigación IES Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo, Nº6 2005, Limiar de D. José Ferreiro González, Cura Párroco de Arante.
2. Más Allá, monográfico Nº52 / Ano XIX “El misterioso origen del Temple” páx.6.
Ningún comentario:
Publicar un comentario