20190922
Pedindo
Unha nova de onte titulábase 'PSA pide costes más baixos e empregos máis flexibles para que Vigo logre nuevos modelos'. E nunha entradilla: 'Hai que conseguir en Galicia custes que compitan cos de Portugal e Marrocos'.
coido que se entende o proceso: O desenvolvemento da empresa pasa por baixar os salarios de xeito indefinidio (en canto un lugar os baixe, será outro o que está en disposición de baixalos tamén, e así ata... ). O da flexibilidade tamén é un eufemismo que se entende ben: que a empresa poida facer cos traballadores o que e cando lle de a gana, sen cortapisas.
É evidente que empresas e donos viven no mesmo planeta que os traballadores desas empresas e o resto da xente, pero non no mesmo mundo. Normalmente, a situación preséntase coas esixencias das empresas presionando ós traballadores para que presionen á sociedade de diferentes xeitos, facéndoos rehéns do emprego, e non de xeito directo como neste caso fai o director da fábrica viguesa. Pero queda claro que en xeral son só diferentes estratexias nas que o obxectivo é o dun único vencedor, propietarios e directivos da empresa correspondente, pois a outro nivel, a empresa só é un instrumento -esta vez, inhumano- para conseguir ese obxectivo.
É unha vella lección aprendida que tende a esquecerse ou deixarse de lado de xeito voluntario cando a xente se ve implicada de xeito directo. E resulta que quen máis implicado se ve de xeito continuado son precisamente os rectores das empresas -que non esquecen a lección, senón que a aproveitan- que por iso mesmo implican ós rectores da xente, ós políticos- nas súas empresas, sexa a través das portas xiratorias ou das prebendas que rematamos pagando entre todos con sobrecuste.
A bó seguro, seguiremos a ter ocasións de comprobar se a lección está esquecida, aprendida de memoria ou sabemos aplicala dun xeito creativo para saír ben parados.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario