A propagación da mentira como moda. Coido que esa frase pode ser o resume dun dos fenómenos máis perigosos que está a vivir a sociedade nos tempos que corren. A invasión das fake news, as falsas novas, é un feito. Sempre as houbo, pero a magnitude actual e a credibilidade que se lles está a dar teñen unha magnitude excepcional que xa se ten volto normal, ó estar sendo aceptadas en bloque, sen crítica -en parte, xa cansados de mirar con lupa un aluvión de noticias incontrolable xa de por si-.
Coido que calquera pode ter a man exemplos de todo tipo e todo signo (aínda que en diferente número, dependendo do 'signo'), pero por se acaso, adxunto unha foto que me atopei xa varias veces nas redes sociais. A última, onte, a comezos desta nova campaña electoral onde os emigrantes ou Cataluña levan as de ganar como temas fronte á corrupción ou a participación cidadá:
A foto, que xa non é deste ano, é abondo clara, e ven acompañada, neste caso, dun comentario: "Musulmanes
echando la comida, que les da caritas y cruz roja, al contenedor de la
basura, mientras tanto hay Españoles, pasando hambre y viviendo en la
calle." Nestes momentos, e só de onde o estou a ver, foi compartida 183 000 veces, e nese muro, foi obsequiada con 6200 emoticonos e 133 comentarios. Certamente, tería que pasar cun 'sen comentarios' pola evidencia de que na foto non se ven musulmáns, a máis doutras consideracións (por exemplo, non botan moitas veces os supermercados alimentos caducados ó lixo?, non podería ser este un caso así?)
De calquera xeito, co perigo que que ten, non foi esa a foto que me trouxo a escribir isto. Foi un subtítulo dunha nova, tamén de onte: "Pero, como en ocasiones anteriores, un tuit de Donald Trump ha cambiado la dirección de los mercados al alza". Aparece na cabeceira do resume diario de 'elEconomista.es', e continúa a nova sen darlle máis importancia a que o 'home máis poderoso do mundo' poda cambiar as bolsas mundiais cunha frase escrita nunha rede social, sen apoio de feitos. A ter en conta esto último, pois as reviravoltas e contradicións constantes de cousas escritas por Trump xa forman parte da historia. E, ademáis, como magnate, a xogada de comprar/vender accións antes de emitir un tuit que cambia a dirección do mercado é unha acción que ven en resalte no 'Manual do magnate trampulleiro'. Que afecta á economía mundial? Xa estamos tan afeitos a que nos leven de acó acolá, sen que nin nos deixen queixarnos, que que un tuit sen accións xustificativas poda facer mover máis cartos que o que supón o peche das industrias nAs Pontes ou San Cibrao non nos fai nin pensar na necesidade dun cambio de sistema sociopolítico económico. Pode ser que socioloxía -xa non digamos sociopolítica- sexa unha palabra demasiado longa para un tuit... e por iso non se vexa a súa importancia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario