20191018

Máis grande que todo o concello de Ribadeo


Como se da jangada de pedra se tratase, unha superficie de 260 km2 de xeo desprendeuse estes días da Antártida, como se pode ver na animación da Axencia europea do Espazo, desprendéndose dende a capa de xeo da parte inferior. Un 'anaco' de dúas veces e media todo o concello de Ribadeo.
De sempre, de xeito estacional, véñense desprendendo enormes bloques de xeo das zonas polares: iso son os iceberg, logo, nada extraordinario. O que é extraordinario é o aumento do número e tamaño destes desprendementos nos últimos anos. Accións que non só son un mecanismo da Terra para manter a temperatura (en certo xeito, parello ó noso suor), senón que significan un aumento do nivel do mar (se o xeo está sobre terra firme, fenómeno que se mide xa en decímetros, non en centímetros), unha diminución do albedo (e polo tanto, unha maior captación de calor pola superficie terrestre, o que implica un maior quecemento) ou unha variación nas correntes mariñas (ó variar a temperatura da auga, fenómeno que está a facer perigar a importante para nós corrente do Golfo)
Aínda hai pouco atopeime con xente que lle botaba en cara a Greta Thunberg o viaxar en avión ó cumio da ONU e así contaminar en contra do que defende (viaxou en barco precisamente para contaminar menos) entre outras mentiras que xustificarían o que esas persoas non cambien o seu xeito de vida polo clima. E é que a inercia non é só un concepto físico, senón tamén social e psicolóxico. Algo, o 'dereito a non cambiar' contra toda evidencia da conveniencia ou/e necesidade de facelo que se defende mesmo con mentiras, contadas a un mesmo tanto como ós mais.

Ningún comentario: