'Eran os mellores tempos, eran os peores tempos'. Así comeza a 'Historia de dúas cidades' de Dickens. E así podería comezar a nosa historia actual camiño dunhas novas (e)leccións o 10 de novembro.
E é que hai xente para quen 'as cousas' marchan ben. E para a que non, nin moito menos e diríase que cada vez en maior cantidade. No mesmo mundo, e con tanta diferencia. Quizás aí está a clave: o aumento das diferencias, e con elas, o aumento da falta de empatía, poñerse en lugar do outro ou da falta de colaboración, ou o aumento do 'primeiro eu, despois eu, e logo xa veremos se eu', ou do 'facer isto, a quen perxudica?' entrepechando os ollos ó mesmo tempo para non ver máis que o que convén.
O caso é que estamos de novo en período electoral, máis cartos gastados e os partidos botando contas sobre votos e escanos en troques de facelo sobre necesidades e benestar. Desviando a atención con Cataluña -ou con Franco- mentres o tecido industrial continúa a desfacerse, as pensións pasan a entenderse como un préstamo caritativo, pódente despedir se faltas aínda que sexa de xeito xustificado, as violacións quedan en abuso ou segue a corromperse o sustento vital que é a Terra, despois de que a corrupción campe na sociedade.
Vexo na propaganda electoral que chega ó correo -si, segue a chegar propaganda dalgúns partidos porque alguén se esqueceu / non quixo moverse para que non chegara papel mollado- a palabra España -ou Galiza- destaca nos sobres, mais boto en falta verbas como persoas, ou aínda cidadáns, ou comunidade. Outros, sinxelamente din 'vota': para que ir máis aló? Conta con nós... refírse a eles, non a nós. Pero o non plus ultra lévao o que resalta a bandeira -constitucional, iso si- como encarnando as esencia se que se quite o demais, que non importa.
Iso, polo exterior: os sobres non van dirixidos a min. E isto si é literal e figurado, ambalasdúas cousas ó tempo. Literal, porque non aparezo como destinatario, e figurado porque nos sobres aparece claro a verba 'propaganda', e iso é o que menos necesito, propaganda, que traten de dirixirme con teatro lonxe da representación real que é a vida. En realidade, algún si vai dirixido a min: 'electores residentes en' é un título xenérico que aforra cartos no envío e ó tempo sáltase a legalidade a destra e sinistra ó facer chegar os sobres a quen pediu que non se lle enviaran.
Votar? Mentres que non nos organicemos para facer un remake real do 'Ensaio sobre a lucidez' de Saramago, non quedará outra que facer uso desa partícula de liberdade que aínda temos a nivel político. Partícula de liberdade se non está xa perdida entre fake news, mentiras, promesas que non se pensa en cumprir, ocultación do negro dun tapado co negro do outro, ou sinxelamente, clientelismo, caciquismo ou intereses particulares contra o ben común, 'inconfesables'...
Aprenderemos a (e)lección ou deixaremos que nos apliquen o dito 'a letra coa sangue entra'?
--
Comentario posterior
Sobre as eleccións de novembro de 2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario