20191130

Escudos de Armas do Concello de Ribadeo

Onte presentouse o libro Escudos de Armas do Concello de Ribadeo: heráldica, xenealoxía e nobiliaria.O salón de actos da Casa do Mar de Ribedo acolleu ó público que desfrutou das palabras de Pancho como adianto á lectura do libro.
Alí saíron ordeadas a xénese da heráldica ou parte da historia ribadense, e non só relacionada coa heráldica, ata o máis recente citado, o expurgo de 3000 kg de documentos do xulgado de Ribadeo con destino a papel do BOE, Gaceta de Madrid, dende os máis antigos, como a cita no diploma do rei Silo (773) e o Monasterio de Esperautano na Graña (928). A visita a Ribadeo de San Francisco de Asís no 1214 previa á fundación do convento de San Francisco e, despois, do de Santa Clara, das clarisas, a orde franciscana de mulleres, ou a visita de Fernando III entre ambos eventos, manifestando a importancia do Ribadeo de comezos do século XIII, despois de que haxa documentos testemuñando que no 1128 Ribadeo tiña xa 21 parroquias. Así, non é raro que mantivese sé episcopal ou que o rei Fernando II rescate a vila para a súa dpendencia: a importancia da xeración de recursos para as institucións que reportaba o comercio como o do sal nun porto salientable en todo o Cantábrico, daba pé á loita polo seu aproveitamento. E mesmo poido darse o caso dun destino de moita máis sona na actualidade. Deixo a continuación algunha foto e as miñas palabras de introdución.
O autor, asinando o libro.

Foto de Celia Castro do comezo do acto.
Un momento da charla. foto de Goyi Gómez.

Boas tardes.
Sras, sres, benvidos. Estamos aquí hoxe para presentar o libro Escudos de Armas do Concello de Ribadeo: heráldica, xenealoxía e nobiliaria, de Francisco José Campos Dorado. É dicir, traducindo e achegando o anterior, para recibir unha obra froito do amor, pola súa e nosa terra, de Pancho, ribadense en exercicio das súas funcións.
Tanto a súa propia historia como a que presenta no libro debe contalas el, que é quen mellor se coñece. De calquera xeito, quixera roubar un pouco de tempo aportando algunha pincelada relacionada con ambos aspectos.
En primeiro lugar, salientar unha información básica: Pancho é apaixoado, nótaselle ó falar, no seu traballo, nas súas ideas, nas posturas que mantén ou en que ás veces cóstalle controlar esa paixón en concreto, por Ribadeo, unha paixón continuada dende hai moito tempo.
Ribadeo. E o mar. Pasou moitos anos artellando unha obra inédita de milleiros de páxinas que xa me deixou asombrado cando aínda faltaban máis de 15 anos para que a considerara rematada. O dicionario bilingüe -en inglés e castelán- de termos mariñeiros é unha obra inédita polo momento. Polo momento, pois esperemos que algún día deixe de selo: sería unha mágoa o tempo, verbas, imaxes, aprendizaxe de técnicas por parte de Pancho, os coñecementos empregados, como para que tal obra quede varada na memoria dun ordenador.
A esa paixón que desenvolveu polo dicionario tivo necesidade de darlle carpetazo, considerándoo rematado, aínda que sempre se lle poda engadir algo máis. É dicir, ó ver a labor non inesgotada, senón inesgotable, pero o dicionario publicable, vorcou a súa actividade cara outra cousa.
Esa obra, resultado da súa vida e atracción polo mar, leva tamén a conexión con Ribadeo, onde comezou a súa singladura. E a súa volta estable a Ribadeo, poñéndose ó pouco á cabeza da Asociación O Tesón, fixo dirixir os seus pasos ó recoñecemento de todo o que hai en Ribadeo, á súa difusión e por suposto, á súa recuperación, despois de ver como estaba -e en parte segue a estar- o patrimonio ribadense. Así rematou centrándose no significado que ten para ese patrimonio o que os escudos están aí precisamente para significar.
A máis de estudos como os de José María Rodríguez, a quen tería encantado este libro, que eu coñeza, só ten un precedente nun vídeo realizado no ano 1997 por Laureano Busto e Paco Rivas, La heráldica de Ribadeo, aínda visible hoxe en youtube. Presenta en 26 minutos dez escudos de Ribadeo. Mais se tivera que cualificar ambos traballos polo tempo de visionado e lectura, aínda sendo conservador a relación estaría por riba de 20 a 1. Iso pode dar unha idea do que avanzou Pancho co traballo que agora temos entre mans.
Neste tema, pode dicirse que Pancho comezou dende cero. A súa formación non foi enfocada á historia, senón á técnica. Mais, de novo, a paixón. Removeu ceo e terra, falou con uns e con outros, procurou documentación histórica, familiarizouse co arquivo de Mondoñedo, púxose ó día e exprimiu as fontes documentais para que confesaran, rebuscando e contrastando datos en todo tipo de documentos a medida que el mesmo se ía formando na materia. E foi construíndo. Naturalmente, o mesmo que hai fontes erróneas, Pancho pode ter erros, e de feito, dende que os artigos comezaron a ser publicados, recibiu máis información e puido profundizar máis nalgunhas cousas ou mesmo rectificar nalgún caso, como recoñece no mesmo libro. Así vense de xeito natural as notas a posteriori que completan o corpo principal e o perfilan, ou as que indican posibilidades aínda non insertándose directamente nel.
Iso é o que se nos presenta hoxe aquí, unha obra que coido hai que considerar magna no sentido de profunda, documentada e ben tratada, e ó tempo un inicio para a posta en valor -esa expresión tan en boga- do que é a historia de Ribadeo. Un percorrido que Pancho, seguro, seguirá compañando.

Ningún comentario: