20191215

A idade dos alcaldes de Ribadeo: Alcaldía de Ribadeo e idade

    No seu momento, esquecín poñer ó día un gráfico curioso: o das idades dos alcaldes de Ribadeo. Aproveito agora para actualizalo de xeito parcial.

    Os dez alcaldes de Ribadeo na época democrática están ordeados por data de acceso ó cargo, aínda que os hai que estiveron só uns poucos días (a maioría dos tos sen cubrir).
    O gráfico é indicativo: a xente, evidente, aumenta de idade co tempo, pero polo que parece, a idade media dos alcaldes españois non cesa de aumentar dende o advenimento da etapa democrática. E en Ribadeo, despois de ter o alcalde máis novo no 2007, vaise incorporando á tendencia xeral.
    A ter en conta que houbo un tempo -a primeira tempada- no que a alcaldía foi abondo menos continuísta que na actualidade; de feito, o actual mandato completará 16 anos co mesmo alcalde en Ribadeo, máis dun tercio do período dende os tempos da ditadura.
    Unha nota: os anos están calculados restando ó ano da táboa o ano de nacemento, polo que pode haber nalgún momento un ano de variación, o mesmo que pasa cando dicimos que alguén ten, poñamos por caso, 45 anos, cando lle falta un día para cumprir os 46.
    E unha lista ata a actualidade:
    1979 - Mario Meira, substituído uns meses por M. Fojo, de Cubelas, e rematando o mandato Antonio Martínez
    1983 - Jaime Vidaurrázaga uns meses mentras non se resolveu unha disputa de votos impugnados en Vilaframil. Logo, José Ramón Cociña, que tivo que deixalo por incompatibilidade coa Deputación Provincial, rematando o mandato José Luis Trashorras Méndez.
    1987 e 1991 - Eduardo Gutiérrez Fernández
    1995 e 1999 - José Carlos Rodríguez Andina
    2003 - Balbino Eugenio Pérez Vacas.
    2007, 2011, 2015, 2019 - Fernando Suárez Barcia 

--

Versión anterior (2017)

Ningún comentario: