20191218

Polas pensións


O autobús vai enchéndose: Ribadeo, Barreiros, Vilanova, Mondoñedo... aínda non son as sete e media e as prazas están todas ocupadas. Esta xente madruga. Ó traballo? En certo xeito si: ó traballo de defender os seus dereitos despois dunha vida laboral que xa ten rematado.
Vellos coñecidos a través dos anos, de toda unha vida, aumentan o seu círculo de amizades na loita común, transversal a traverso de desenvolvementos laborais moi diversos, sexo diferente ou idades nunha gama limitada, aínda que extensa.
Amence mentres as conversas cruzadas contemplan o futuro, o presente e o pasado: negro na imaxinación do que ven, gris como o día desapacible que amence e de cores de todo tipo e matiz na ilusión verquida sobre unha vida enteira.
A xeración que viu a inflexión da historia, dende os tempos duros social e económicamente da ditadura á esperanza da democracia e á actualidade de golpes sen control, con guante branco pero non por iso menos duros a medio prazo, volve a loitar.
Aínda que á volta á loita é dalgúns. A falta de participación coméntase e critícase camiño da manifestación en Santiago ou mesmo alí: máis de 700 000 maiores de 65 anos, é dicir, tres cuartos de millón de galegos afectados directamente pola idade, son representados na loita por unhas 500 persoas que marchan do Toural ó Parlamento. 1 de cada 1500. Hai moitos e motas que por diversas razóns non poden estar alí, mais o ‘Que loiten por min...’ pronunciado dun ou outro xeito, con esas ou outras verbas que veñen dicir o mesmo está na mente de moita xente. Algo parello a aquelo de ‘ande eu quente...’, mais neste caso máis ben hai xa friaxe que calor para moitas persoas en estado de necesidade. Quizáis quen vai no autobús, de media, non é quen máis necesita protestar polas súas condicións particulares: os loitadores e loitadoras foron loitando tamén para mellorar xa no seu día a día anterior, e son por iso conscientes de que é necesario facelo, é necesario defender os dereitos de todos, dos afectados que non van ás manifestacións ós que se verán afectados no futuro mentres notan no presente a afección de contratos-lixo.
E é que Modepen, a plataforma dos pensionistas, é transversal. Incide nas pensións, pero sendo conscientes de que antes houbo -hai- unha vida de traballo que dignificar, que uns traballadores que se afaigan a ser maltratados non teñen futuro tampouco como pensionistas. Ven claro que se se quere futuro, non se poden descoidar cousas como o coidado da Terra, como tamén o teñen claro e o están amosando os máis novos. Non, non é unha manifestación ‘clasista’, senón interclasista, multietaria ou feminista no sentido da conscienca do longo camiño por recorrer para igualdade e das oportunidades que representa esa comunidade. Por riba de partidos -que xa non ningunean o movemento do mesmo xeito que ó comezo-, de ideas sobre cousas concretas, a comunidade vai aumentado a camaradería. E a todas luces, despois de xa moito tempo de mobilizacións, está claro que continuará no futuro, pero tamén na aglutinación de máis xente e no aumento da súa influencia, seguindo unha traxectoria que atopa eco noutros paises. E trabando conexión e aproveitando sinerxias con outros movementos que sobrepasan o nivel local, como os ambientalistas, feministas ou altermundistas: outro mundo é posible, outra vellez, tamén.
--
 Escrito presentado no Parlamento e algunha foto:





 







Ningún comentario: