20200129

Fitur comeza en Ribadeo

A comezos de Febreiro 2020, en Ribadeo

  Si, si, xa sei: FITUR celébrase en Madrid, non en Ribadeo. Oficialmente. Pero o que en Madrid vai amosarse na feira internacional do turismo é cociñado antes nos respectivos lugares de orixe, sexan empresas ou localidades. E non só iso, senón que ten un impacto posterior noutros lugares diferentes da orixe -para iso se fai- pero tamén ten un impacto previo. Máis aínda, o impacto posterior buscado en canto a atracción turística (ben cantidade de xente, ben balance económico, etc) é só unha das facetas nas que se deixa sentir o efecto.
  Collo Ribadeo como exemplo, por telo máis a man, pero o método, sistémico, é algo común, aínda que en Ribadeo poda ter algunha significación especial en cousas concretas (hai cousas que aquí se fan mellor que a media)
  Toda actividade induce outras. Mais o que se está a dar -e moito- é que as actividades se autoalimenten, é dicir, teñan unha ‘autoinducción’ de tal xeito que só por facerse sexan promocionadas polos propios promotores como éxito: autopromoción independente dos obxectivos, da súa consecución, o xeito de realizar a actividade ou a existencia dunha medición obxectiva de parámetros para analizar. Debido a ese efecto, moitas actividades non se poden considerar ‘independentes’, non xa de outras do mesmo nivel ou asociadas directamente, senón de cousas como a parafernlia que as rodea. Así, No caso de Fitur, existe un efecto transferencia de actividade e ‘posta no foco de atención’ de Madrid a Ribadeo. As actividades de Fitur, que son en sí propaganda de lugares, experiencias, etc, teñen un efecto en Ribadeo, pois faise propaganda delas -das propias actividades- en Ribadeo. E, xa en Ribadeo, hai outra transferencia tamén, pois a propaganda das actividades realizadas en Madrid serve de promoción para os ‘emisarios’ aló enviados, de tódolos cortes políticos. Ía dicir tamén económicos, pero esta faceta coido que é diferente para considerar, habendo a posibilidade de loitas comerciais, mesmo internas nos grupos ou asociacións, a máis de que as responsabilidades asociadas son diferentes que no caso de responsabilidade pública.
  Coido que se podería dicir moito máis, pero que se pode entender mellor cunha referencia, aínda que poda dar unha visión parcial: hai anos tentei representar o impacto dunha campaña levada por Ribadeo a Fitur, “Ribadeoxqsi”, tildada de éxito. Para iso, puxen a etiqueta da campaña no buscador en sucesivos días, dende a celebración de Fitur 2015 durante dous meses, e reflectín os resultados nun artigo, “Medindo resultados de campañas de propaganda”. Resume: o éxito anunciado non impediu unha realidade na que a repercusión da campaña en Google (ó fin, estamos a falar dunha etiqueta de promoción de Ribadeo) nunca acadou nin o 1% de resultados da procura do nome do alcalde. Como non era un sistema deseñado de antemán para medición, senón algo a posteriori, collido ó paso, os resultados só poden tratarse como indicativos. Aínda así, coido que cabe dicir que a campaña, realizada en Madrid, tivo tanto impacto en Ribadeo, onde saíu máis dunha vez nos medios...

Ningún comentario: