Preparándose ás portas do concello de Ribadeo. Foto de Suso Fernández |
Hai máis de dous anos que os pensionistas veñen organizando actividades mensuais para lembrar que existen e que deben ser tratados con dignidade. Actividades de lembranza de feitos e situacións, así como lúdicas, de xuntanza e entrelazamento de amizade, entremistúrnse con outras reivindicativas duns dereitos que son seus. Que son nosos, de todos, como sociedade. Algo que está moi claro: unha consigna común, que pode parecer lateral ó movemento pensionista é ‘non hai pan para tanto chourizo’, vese acompañada por peticións dun salario digno para a xente nova, cunha relación evidente, a unión do traballo asalariado coas pensións que xenera e mantén, xunto coa non menos evidente do mal que lle fai a toda a sociedade a corrupción.
Non é necesario insistir nesa relación entre salarios e pensións, farto estudada e ó tempo, ocultada na procura da división de protestas e illamento de protestantes (quen queira profundizar, pode ver moitos artigos sobre o tema, por exemplo no blog de Vicenç Navarro, entre outros moitos). Nembargantes, o que se constata, a pesares desa tentativa de división, é un medre mes a mes das actividades de protesta dos pensionistas. Remato de mirar en Ribadeando fotos de diversas convocatorias anteriores. Por exemplo, en febreiro de 2018, unha foto de Suso Fernández rexistra 20 persoas nas escaleiras do concello de Ribadeo, ás que habería que sumar a el mesmo como fotógrafo. E ó alcalde, que non sei se volveu a asistir unha vez visto que non era unha protesta pasaxeira para saír nos medios, senón algo construído con paciencia para conseguir un obxectivo: unhas pensións públicas e dignas. Dous anos despois, con altos nos veráns e baixos co mal tempo, este mes os congregados triplicaban a cantidade. E as forzas non flaquean, coa conciencia de que mal que ben, non só se está a conseguir parar o desmantelamento do sistema público de pensións, senón que mesmo pouco a pouco están sendo algo máis equitativas, aínda que o poder adquisitivo medio retroceda.
As concentracións, marchas e outras actividades dos pensionistas están a deixarse sentir por toda Europa, nun movemento que acada un reflexo mesmo a nivel mundial, pero sobre todo que amosa dúas características. Unha, o lento aumento do convencemento da sociedade sobre todas as teses defendidas. Outra, que é un movemento que se engarza en toda a sociedade, atravesándoa finamente pero tamén necesariamente. Resultado o primeiro que da ánimos ó tempo que se constata o moito que queda de mobilización social: non é de onte que alguén se pregunte cántos pensionistas hai en Ribadeo para que asistan 60, incluídas algunhas persoas que non o son pero que están concienciadas e poden asistir ás veces. E engarce na sociedade que fai que o movemento non sexa algo illado, senón que se relacione con outros, que sirva tamén de vector de concienciación en canto ó cambio climático ou á destrución do tecido industrial. E é que como se está a amosar, estar xubilado non implica delegar as funcións que nos fai persoa, senón máis ben ser máis consciente delas e exercelas como unha necesidade cotiá.
Ningún comentario:
Publicar un comentario