20200327

Ogallá sobrepasemos a China dentro de catro días!


   Hoxe é día 27 de marzo, venres. Ogallá non sobrepasemos a China en número de infectados. E, de facelo, ogallá que tardemos catro días e non tres, que é  o camiño que levamos: significaría que o número de contaxios diarios comeza a conterse, que xa estamos preto do pico...
   Ogallá puideramos dicir o mesmo co número de mortes. Pero non podemos. Xa hai varios días que España conta con máis mortos por coronavirus que China, seguindo as cifras oficiais dos dous países, que non teñen por que estar redactadas cos mesmos criterios. Tampouco ten os mesmos criterios ese cómputo que no caso de Francia ou Alemaña (que tampouco coinciden entre si).
   E iso lévanos á cooperación. A cooperación a nivel político vai abondo máis atrasada que a nivel científico, ou a nivel cidadá. A este último, estamos asistindo á fabricación de mascarillas en moitos lugares, pequenos talleres, que van perfeccionando a produción co material que contan. Ou á produción, de xeito colaborativo e a partir de software libre, de aparellos para axuda á respiración, que antes da crise non había empresas en España que os produxeran na súa totalidade. A nivel científico, inciativas como as de Computación en malla con Software Libre contra o COVID-19, pon a traballar os ordenadores de quenes queiran para poñer as bases dunha vacuna. A nivel político, para atopar un acordo para proseguir o estado de illamento que temos hai que agardar á media noite despois de tirarse pedras. Iso, entre outras actividades que amosan que non se trata tanto de acordos construtivos como de 'e eu máis' (e máis mediático) ou de posturas autodestrutivas: o de auto vai porque a política é -ou debera ser- cousa de todos, e a todos nos atañen as consecuencias.
   Por outra banda, o uso de recursos militares, benvido que é para aliviar no que poda, non deixa de amosar en que se invertiron, e en que non, os recursos neste país, que indicaría, á súa vez, cara onde se quere ir en gobernanza. Os que non foron desviados, non subministrados ou saqueados, claro.
   Mentres, as redes son un fervedoiro tal que as administracións e entidades diversas anuncian, polas mesmas redes, que non se miren tantos vídeos, imaxes e textos non contrastados, que hai unha porcentaxe grande que son fakes, mentiras, que non fan máis que dano, xeran dor e rabia, merman a convivencia e son un perigo de cara ó futuro polo que vai quedando deles no corpo.
   Fai unha boa tarde ventosa de primavera. Case todos veremos (ou veredes) as tardes da próxima primavera. E, naquelas tardes que nos quedan aínda, podemos pensar como contribuímos ó ben común.

Ningún comentario: