Non perder a serenidade. Explicábanos Vallejo Nájera naquela Complutense dos anos 60. Intelixencia é saber adaptarse aos cambios imprevistos. A angustia é o medo ó descoñecido, que traduce dous comportamentos patolóxicos: a síndrome do Camaleón -parálise- e a tempestade de movementos.
Poñer en orde pensamentos, condutas, contorna. Esta sociedade con présas obríganos a esquecer ou deixar pendentes cantidade de cuestións. Os que seguimos "enganchados" á filosofía podemos ser tanto ou máis útis que eses matemáticos que calculan probabilidades. De paso, e como me dicía Carlos Novo Cal, tempo para ordenar arquivos.
Volver á música e lecturas, deixando no esquecemento esa televisión que, agora máis ca nunca descubrimos, non educa, non informa, non entretén. Manipúlanos. Convértenos en adictos amaestrados. Imponnos silencios cando o máis terapéutico segue sendo a conversación. Ler o papel impreso. Escoitar temas como "O canto dos escravos" de Nabucco. Ou eses poetas musicalizados que axudaron a popularizar a Benedetti, Neruda e desde logo ós nosos: Cunqueiro, Rosalía, Curros, Celso Emilio...
Repasar os álbumes que nos transportan ao pasado, nos conectan con persoas, momentos, instantes que case esqueceramos, e que son a ilustración de cada historia vital, onde como bos galegos, os ausentes sempre deben estar presentes, sen esperar datas Celtas cristianizadas ou comercializadas.
Xa sei que a convivencia é o segredo mellor gardado para a humanidade. Pero podemos recuperar esa ciencia ou arte no espazo do fogar. Si, ¡volvemos a descubrir que existe o fogar!. Con todo o que nos está pasando hai tres feitos que deberiamos aprender.
Relativizar o que temos ante a posibilidade de perdelo. Facernos á idea que como tantas outras veces na historia, teremos que retroceder, renunciar, reciclar as nosas vidas, ante as carencias que de seguro nos agardan. Cambiar para sobre vivir, o que nos achegará máis cara a ese terceiro mundo que desprezamos ou tan só tratamos con certas condutas temporalmente xenerosas a inventario de cubrir as aparencias solidarias.
Non me cansarei de repetilo. Desde as nosas parroquias, nesta nai Galicia, fagamos o que debemos, pensando en como podemos ser útis ao país, sen esperar aos profetas ou mandarines que son meros charlatanes. Demostremos que ser galegos supón unha fórmula moi sabia de estar no mundo
Ningún comentario:
Publicar un comentario