20200310

RECUNCHOS DE RIBADEO. Pancho Campos Dorado

Fai uns días co historiador Emilio Piñeiroa Lozano fun a ver uns cantos paraxes do Concello de Ribadeo que eu coñecía por oídas pero que nunca visitara. Paraxes realmente descoñecidos pola maioría dos ribadenses e que están esquecidos por este marabilloso concello. O primeiro sitio onde paramos, foi na fervenza do rego Lexoso en Remourelle (mapa), segundo tramo do río que ó chegar á Ponte de Arante se transforma no río Grande (mapa).
É unha fervenza situada sobre unha pequeniña lagoa, abondo extensa e profunda como para darse un refrescante mergullo no verán, pois nesta época de inverno a auga do río baixa demasiado fría como para sentir a necesidade de tal satisfacción. O lugar está formado por un acuruxado paraxe envolto por ladeiras non moi inclinadas, onde afloran grandes pedras con grandura proporcionada á unha vexetación tan verde e autóctona que conforma un escenario ideal para facer unha “performance” de fadas, elfos, meigas e bruxos acompañados dunha melódica música de frauta máxica que se elevara cun bel canto nunha xuntanza de lecer e soñar con seres feiticeiros, e se se dera o caso atopar ese ou esa marabillosa druída capaz de dirixir cerimonias de iniciación á maxia ancestral.
Supoño que habería que probar a acústica do lugar facendo soar un violín, cantando un coro, soando unha frauta, unha zanfona, unha gaita...

Fervenza do Lexoso. Foto: Emilio Piñeiroa Lozano

Despois fomos á finca de As Fadegas na zona das Anzas, que xa coñecía por ir buscar coa miña muller crisantemos para Santos e que é propiedade de Elia e Vicente, que se dedicaron a producir froitas e hortalizas ecolóxicas durante máis de corenta anos e que venderon no mercado e comercio de Ribadeo. Hoxe o cultivo e produción daqueles pementos, xudías, tomates, leitugas, porros, fabas, remolachas de mesa, cabazos, cabaciñas, chícharos, tirabeques, apios, acelgas e espinacas corren a cargo da súa filla Marta Méndez e de Montse Laya. Tamén teñen árbores froiteiras de figos, ameixas, mazás, peras, noces, kiwis e abelás, e froitos de arandeiras e framboesas. Agora no inverno tamén plantan coliflores, repolos e verduras.
Nesta finca de As Fádegas (mapa), ademais da magnífica produción de horta ecolóxica que contemplamos en parte, atópanse ao longo da marxe esquerda do río Grande os petróglifos máis antigos do Concello de Ribadeo dos que eu sabía pero que nunca vira. Consisten nunha serie de once pisadas dun humano e catro ocos case redondos cunhas auñadas laterais, que parece como se se fixeran nunha lameira branda e que se endureceron co paso de a saber os miles de anos que pasaron.
Segundo nos relata nun artigo Pablo Villapol, en El Progreso 08-marzo-2013, parece que tres expertos nestas cousas, explican que son once pisadas humanas e catro pisadas de oso, e que a súa presencia de estar xuntas responde a un rito ancestral vinculado o Sol e o Solsticio de Verán (21-22 xuño). O feito de que representen pegadas de oso en Ribadeo, é un dato fundamental que as vincula a un ritual similar detectado en países nórdicos como Suecia.

Pegada dunOSO














Pegadas dun HOMO (O ENCANTO)

Fotos: Emilio Piñeiroa Lozano

Por último, estivemos ao pé das ruínas da Capela do Buen Jesús, localizada á esquerda da estrada que vai desde a Igrexa de Ove ás Aceñas. Está abandonada do culto desde fai moitos anos e o seu estado é de ruína total. Sen teito e as paredes de pedra pizarrosa están recubertas de hedras e silvas. Presenta unha planta cadrada con sete columnas embebidas: tres ao Leste ou fachada Levante, unha o Norte, outra o Sur ou Mediodía e dúas laterais na fachada Oeste ou de Poñente onde se atopa unha sinxela porta de entrada.
Chama a atención a súa forma pois máis parece un torreón solitario dedicado a atalaia de vixilancia dunha zona costeira da Ría de Ribadeo, que a igrexa ou a capela. Pero parece que segundo rezan os papeis do bispado é a Capela do Buen Jesus. Así que mentres non atopemos máis documentos ao respecto haberá que admitir tales escritos.
A min paréceme que para ser unha capela debería ter ao menos unha pequena lucerna pola parte Leste que é o lugar da alba ou do nacemento de Sol, pois por criterio ritual debería de haber, ou quizais tamén debería haber algunha aspilleira pequena por algún lado para dar luz o interior, cousa que nós non vimos, e que pode habela pois os muros están moi tapados polas silvas e hedras. Tamén puidese ser unha torre albarrana que estivese acaroada (adosada) a unha muralla, para servir de baluarte ou de atalaia a unha construción moito máis grande, pois a parede da parte leste non é lisa como as outras, senón que mostra pedras sen recebar como si fosen parte dun muro derruído.

E logo de recorrer este roteiro pregunto eu, non haberá no Concello de Ribadeo un pequeniño presuposto para desbrozar e limpar estes tan fermosos lugares, e poñelos en valor a carón dun paseo turístico a pé ou en autobús polo Camiño do Encanto? Creo que si hai cartos dabondo para limpar e poñer este roteiro en valor. Entón a que tantos anos se leva esperando?

Ningún comentario: