Santiago. Arte, historia, cultura. Simplemente, benestar ó pasear polas súas rúas. Ver o que ten, perderse, xentes diversas, pedras, e si, chuvia, aquelo de que a chuvia é arte, pero tamén sol. Artístico. Exposicións, recunchos... sempre hai algún recunho novo, ignorado ata o momento, aínda que vaias unha e outra vez á vila capital.
Pero páraste nun recuncho, tomas un café, comezas a cavilar, e a visión de desfrute non é que se desfaiga, é que se dilúe. Segues a desfrutar, pero notas como o desfrute dilúese nun comercio de cousas, todas bonitas, e experiencias, marabillosas, pero nun comercio. Algo que te fai lembrar naquelo de “Barcelona é bona si la bossa sona”, aínda que quede o consolo da coda que ás veces se lle engade: “però tant si sona com si no sona, Barcelona sempre és bona”
Coma quen di, este non é o meu Santiago. Cabiáronmo. Supoño que coa organización social que hai hoxe, coa organización da sociedade, o xeito de manter o primeiro, o desfrute, é aceptar o segundo, o comercio. Non sei, non estou seguro de que sexa así. Mais tal parece. Os aludes, os grumos de xente que nestes momentos vexo na praza de praterías, son só unha manifestación de que algo vai mal, de que é un mercado. Non tanto de que haxa unha cidade viva, brilante, que bule, e que é sobre todo un lugar onde se vive, e máis aínda, onde se viviu e se espera poder vivir no futuro.
Estou nunha exposición. Ten cousas bonitas... ben, algunha non tanto, algunha non me gusta. Dende alí vexo e oio, estou fixándome un pouco nas pedras, na xente, mesmo no ruído que produce. Pero é Santiago isto ou é Santigo o outro? O Santiago no que o detalle que ofrecen no comercio é máis rechamante que o orixinal que deu pé á lembranza que venden. No que o granito serve máis que nada como apoio ás mesas con prezos dispares, ás veces semellantes a Ribadeo, ás veces sen comparación. No que a xente dos grupos enche unha praza nun santiamén e baléiraa noutro. No que o marmurio ruidoso invade por momentos o recollemento.
Non, Santiago é o conxunto. Esas masas de xente que se moven case ó unísono tamén son Santiago. Pode que un cancro, disfrazado de savia vital ou viceversa, pero Santiago. Xente que vai en grupos como años. Pero en grupos nos que estarí aprendendo a desfrutar da vila. Ou a outra xente solitaria, que parece perdida. Os que consumen e os que non. Quenes teñen tempo e disposición para escoitar o repiqueteo das campás e aqueles outros que pouco máis que se oen a eles mesmos. Santiago é Santiagos. Para elixir. Mentres haxa equilibrio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario