Malia ter "antenas epidemiológicas" que nos avisan para a chegada de novas-vellas epidemias cíclicas, estamos ante unha crise con tres alicerces: Pandemia-Pánico-Crack económico. Supoño que a estas alturas se coñece perfectamente a cadea epidemiolóxica do fenómeno. Desde o "presunto" reservorio, a estrutura do axente causal, os mecanismos de transmisión, os suxeitos sans susceptibles de infectarse ou padecelo, o cadro clínico dos enfermos coas súaus complicacións, as previsións no tempo, e o máis importante: como se adquire a inmunidade fronte ao virus.
Debemos obedecer e confiar no sistema de asistencia sanitaria social integrado e
integral. Son quenes deben patronear o buque ante a tormenta perfecta que estamos sufrindo. Disto as xentes de mar, saben moito.
Da Pandemia sairemos. Do batacazo económico e laboral, xa veremos. Sobre todo
se os países como Alemania non axudan. Sobre todo se a UE e as súas "terroríficas" FMI-BCE-Consello, non cambian de modelo. E é que algo nos di que o sistema esgotouse. Que a Europa dos mercadores e do euro, terá que "facerllo mirar". Sen liquidez, sen ingresos extraordinarios, sen tecido laboral baseado en pequenas e medianas empresas, podemos caer na pandemia da pobreza.
Galicia sabe de illamentos. As nosas xentes foron por necesidade supervivintes.
Aquela autoxestión económica das familias. Desde o fogar, valéronse da terra,
a pesca, a masa forestal, a gandeiría e os animais de pequenas granxas. A
soberbia industrial case remata co sector primario. Agora para despois, haberá que declaralo estratéxico. Estimulalo e protexelo, sen intromisións de tratados que xa non serven. A nosa autoprodución volverá dar vida a as parroquias. Sucedeu durante as guerras. Serviu para paliar as necesidades alimentarias naqueles anos nos que o sistema viuse abaixo.
Teremos que darlle máis importancia a un médico ou a unha enfermeira, que a
un futbolista. Haberá que protexer antes os hospitais ou centros de saúde, que
espectáculos, concertos, reunións masivas. Valoraremos as aldeas. Cambiaremos
as nosas formas de vida. Retrocederemos para avanzar, repudiando a eses mercados globais. Daremos prioridade ao coidado das nosas xentes, antes que recortar os orzamentos que garanten a ciencia. Regresaremos ao humanismo. En tal debe consistir o novo Renacemento.
As pequenas empresas serán o noso tecido de abastecementos - aquelas que desprezamos- E como dicía o meu amigo Cándido Rei Camba. "Sempre nos quedará o mar"
Ningún comentario:
Publicar un comentario