20200425

15 000 L diarios de mexo


Botando contas sobre o que bebe unha persoa media, o depósito de mexo diario ven saíndo próximo a litro e medio diario. Non se tratra de ser exactos, senón dunha estimación para obter unha cifra, aínda que sexa con abondo erro.
Así, multiplicando, chegamos a que os habitrantes no concello de Ribadeo produciríamos uns 15 000 L diarios de mexo, e na zona urbana, uns 10 000 L diarios.
Coido que non somos conscientes do que representan cantidades como esas, nin en volume (unha cisterna dun camión) nin noutros temas, como o sanitario, ou o desfacerse de cantidades así de merda.
Unha primeira visión desto último sería que é moi diferente desfacerse do mexo nunha zona rural, que serve mesmo como complemento para a terra, dunha zona urbana, onde os residuos se agolpan e non se poden descargar diseminados sobre un campo. Por outra banda, o tratamento de residuos urbanos, debido á súa cantidade, pode abaratar o seu manexo ou propiciar o uso como recurso fonte de substancias (algo para o que aínda nos queda moito...)
Máis aló desa 'primeira visión', está claro que un volume así de refugallos orgánicos líquidos que non podemos deixar de producir, pon sobre a mesa un problema. Algo que na nosa sociedade desvíase cara ó alcantarillado. Con bó ou mal criterio, elimina o problema nun primeiro estadio.
Agora ben, collamos outro lugar da 'nosa sociedade' actual. Poñámonos agora nun campo de refuxiados do tamaño de Ribadeo, un tamaño medio, como moitos que existen no mundo. Sen saneamento. Pode que con catro ou cinco servicios para cada mil ocupantes. Que non te das posto en situación? Auméntalle a falta de auga, e a lama substituíndo ó pó cando chove. O hacinamento en tendas sen luz interior. O estar nun medio hostil, en confinamento. O non coñecer nin os detalles nin as costumes nin a historia da xente que está tentando vivir á túa beira. A falta doutros servizos de todo tipo, dende a escaseza de comida á de médicos. Súmalle... ou réstalle. Porque son condicións vitais, para desenvolver a vida tal como a entendemos, restadas. Algo que pode que en tempada de pandemia podamos comprender mellor que noutros momentos.
Hoxe é 25 de abril, día celebrado pola liberdade dunha sociedade, a portuguesa, que tentou abrazar a liberdade de días mellores. E pensa. Pensa en toda a merda que producimos, que axudamos a producir, sexa porque estamos vivos, sexa porque vivimos mergullados nun sistema moi mellorable. Loita por esa liberdade. De todos: mentras haxa xente oprimida, por oprimido que estés ti tamén, seguirás a ser opresor. Pode que só de ti mesmo. Pode que a xente á que oprimes nin a vexas, esté lonxe. Pero será unha característica túa: opresor. Mírate e libérate da túa propia opresión. Costa. E nunca estarás seguro de telo completado, porque a vida sigue.

Ningún comentario: