Xa hai algún tempo que están aparecendo artigos sobre a sociedade do futuro, 'do post-coronavirus'. A variedade de opinións é ampla, pero coido que hai un certo consenso en torno a dúas posturas complementarias. Unha sería o 'cambiar todo para que nada cambie', maioritaria, e outra, alternativa, defendendo posturas máis profundas e inconcretas, tentando combater aquelo que implica que "elaborar reivindicacións que podan ser satisfeitas confire por necesidade unha lexitimidade a quen ten o poder de satisfacelas."
En moitos casos apóstase por unha recesión global profunda e duradeira, mesmo cunha recuperación limitada debido a unha ansiedade que tardará en desaparecer. Nese sentido, apostaria (eu) máis ben por unha recesión forte pero unha recuperción tamén vigorosa palo sentemento de desfrute dese sentirse vivos despois da pandemia. Claro que iso pasa pola existencia dunha vacina e a validez da autoinmunización de quen xa pasou a infección.
Con todo, e por diferentes razóns, parece estar emerxendo un consenso sobre a idea de que "a normalidade era a crise". É dicir, non se pode considerar como 'normal' unha situación que nos estaba a levar á destrución do mundo como o coñecíamos, e que entre outras cousas, está demostrado que potenciou a posibilidade de pandemias como a actual ó tempo que debilitou as defensas sociais ó primar o individualismo e a privatización de recursos. Iso non quere dicir que non se volva ás andadas, que os satélites non volvan a amosar de novo picos de contaminación ou engrosamento da cantidade de gases de efecto invernadoiro. Nin que vaian cambiar por maxia os desequilibrios de poder existentes a todos os niveis. Nin, por suposto, que non vaia a xurdir unha sociedade peor da que tiñamos, a pesar dos cantos actuais e a solidariedade que parece rezumar, ou polo contrario, mellor, pesar do control e coerción dictatorial que se está a aplicar en maior ou menor grao por todo o mundo e que preconizaría a 'doctrina do choque'.
Están a saír á luz cousas evidentes que se mantiñan como moito nun segundo plano, como o efecto das políticas de austeridade sobre a sanidade ou educación, a influencia da corrupción sobre os servizos dispoñibles, a elusión de impostos e o aumento de débeda, as diferencias do valor outorgado ás vidas segundo o nivel sociopolítico de quenes as teñen, a diferencia de medios das persoas para afrontar calquera eventualidade (non só por cartos directos, senón por outras cousas antes máis etéreas como o lugar onde se vive), a diferencia de dispoñer dun sistema de sanidade público a non telo, etc. E isto, máis aló de que un determinado político ou outro, no día a día a día, esté tomando as mellores decisións posibles nun mar de incertidume sobre os datos e sobre a posibilidade efectiva de aplicar as medidas que conlevan esas decisións.
Están a saír e seguirán saíndo. Por medio das fakes, esperemos que se eleven e vaian decantándose as verdades. E tamén, que isto nos leve a pensar algo máis aló dos nosos propios narices, procurando unha sociedade (economía incluída, claro) que atenda ó coidado -de todos, e da Terra para todos para poder facelo efectivo- e a reparación/mantemento do entorno -do que é o entorno en todos os sentidos-, pois é sabido que se non hai mantemento, hai deterioro.
Non será a última vez que vexas algo disto. Seguramente con medidas concretas que non podo dar nin por extensión, nin por coñecemento, nin por disposición. Pero si vou insistir en algo que é posible que non saia tantas veces: ti es quen de participar no deseño e implementación dese futuro, por moi pequena que sexa a túa influenza. Actúa. Para ben.
Ningún comentario:
Publicar un comentario