Si, hoxe vai Sol. Unha moto pasa baixando pola rúa, e a máquina de limpeza do concello completa o cadro sonoro mentres alguén asubía. Ribadeo está calmo, pero vivo. E eu tamén. Aproveitando as dúas horas de Sol que chegan ás ventanas do noso encerro e que quencen o esprito ó tempo que dulcifican a casa.
Incorpóranse as gaivotas axuntándose para os niños e os seus graznidos sobresaen por riba dos doutros paxaros.
A soidade núa da rúa éo só ás veces. A cola de xente autoseparada na viciñanza da farmacia aliméntase e baléirase con algunha persoa que chega ou se vai. Alternan tamén os sons do caixeiro, co seu piticlín piticlín ó marcar, con algunha charla -en xeral moi curta- de xente que se cruza. Outros ruídos son minoritarios en tempo, pero tamén indicativos de actividade, dende o paso dunha bicicleta ó runrún do coche que se acompaña dun son grave das pedras da calzada no lugar no que necesitan ser reasentadas. Ou un can que toma o relevo ás aves, lembrando a súa existencia.
E tamén, claro, os viciños avisos do Whatsapp ou dunha rede social, que hai que rebaixar ou mellor anular para poder vivir, para lembrar que a vida segue e está 'aquí', no exterior , non só -nin sobre todo- no interior dos nosos omnipresentes e cómodos e case imprescindibles aparellos electrónicos. Aparellos que, noutros momentos, dilúen o confinamento para noso ben. E así, sen intrusos dos que usamos e conveñen, disfrútase a calma ó Sol da mañá.
Non, non é o mesmo que no campo, poñamos á beira do río Grande en Covelas. Pero tampouco, aínda que pode que nestes días garde máis semellanza, como na praza de Olavide en Madrid.
Ó lonxe, a Ponte dos Santos tamén está tranquila. Hai veces que hai que esperar... minutos! para que pase algún coche, aínda que non soe ser tanto o tempo necesario.
Sensacións diferentes ás normais nestas datas outros anos, acumúlanse. Non só por estar a outras cousas de pensamento ou acción, ou polos ecos dos noticiarios desacougantes, senón polo entorno inmediato. Porque outra xente tamén está outras cousas. Aínda que a farmacia siga, o banco siga, e os obreiros de mantemento esteñan baixando a mirar non sei que no rexistro do subsolo, algo inusual. Si, a vida cambia, pero segue a ser vida.
Di unha enquisa sobre os sentimentos nestes tempos de pandemia que os homes manifestan máis resignación, esperanza, tristura... e as mulleres, tristura, resignación e unha mistura de esperanza, desencanto e frustración. Mais, o que me chamou a atención é que en xeral, a xente de grupos que teñen máis oportunidade nesta crise, por idade ou por medios, ten as emocións máis negativas. Algo así como se o ter máis asideiros fixera que vaian retrasados no influxo, interiorización e recuperación de sentimentos, mentres os máis desfavorecidos pasaran de puntiñas pola peor fase emocional, e estiveran cunha actitude máis positiva.
... Pero agora, ó Sol, se podemos abstraernos coa tranquilidade de non ter directamente síntomas de enfermidade, gocemos do día.
Ningún comentario:
Publicar un comentario