20200423

O día do libro: dous días, e libros

Libros nun andel

   Tras corenta días de encerro, aínda que atenuado polas novas tecnoloxías, días como o de onte -Día da Terra- ou como o de hoxe -Día do libro- potencian a súa carga simbólica moito máis aló do que o facían outros anos.
   O día de onte, xa en falso pasado que se prolonga toda a existencia, parece lembrarnos da necesidade de harmonía coa natureza máis que celebrar a mera existencia desa natureza hoxe ameazada, situación para nós tamén ameazante. Unha lembranza de que, ou cambiamos, ou nos cambia. Non porque quera (ou queramos) senón por mera necesidade física. Haberá que volver unha e mil veces máis, e miles de milleiros de veces máis ata que logremos un equilibrio dinámico que agora temos rachado polos catro costados. Voltaremos. Farémolo esperando poder celebrar un día o día da Terra co corazón enchido por formar parte dela.
  O de hoxe, en presente auténtico, trata doutra cousa, de potenciar un instrumento de formación das persoas, por moito que ás veces se trate de mediatizar, de controlar, de aproveitar algunha parcialidade ou característica, desvirtuando o potencial xeral. O libro como exponente da lectura adquire de novo esta tempada, por mor do confinamento, unha nova potencialidade distractiva formativa. Un novo desfrute da lectura, que se abre multipolar para moita xente encerrada, da poesía de Luz Pozo ás cousas de Castelao, sen esquecer a banda deseñada, o ensaio ou a divulgación e os manuais. Desfrute que se pode matizar de moitos xeitos; por exemplo, pensando na liberdade de movementos en imaxinación que permite a lectura dun libro confrontada a atravesar, ir hoxe, fóra de catro paredes limitantes.
   --
   Serie 'O día do libro':
1. Dous días, e libros
2. Viaxe sensible
3. Nunha biblioteca

Ningún comentario: