20200423

O día do libro: Viaxe sensible


pasando á beira dunha librería

Viaxe sensible
Chegar a unha vila e percorrela. Algo que queda coxo se non pulso a vitalidade a traverso dunha biblioteca ou librería. A distribución dos espazos no seu interior di da alma que se quer -e que se quixo- para unha sociedade, a que construíu -e constrúe- o entorno que se visita.
Librerías con estilo -vida- propio. Bibliotecas que son fogar. Acollida para libros ordenados, próximos, acolledores eles mesmos. E tamén de lectores, que se espallan polas súas entrañas -de librerías, bibliotecas, libros- ó tempo que os poboadores das páxinas fan a viaxe inversa, ó interior da persoa, a través do espazo que os acolle, sen discriminación de ideas ou personaxes.
Tranquilidade -e ás veces, bulicio- na biblioteca, bulicio quedo na librería, marcan o paso da vida sentida. Imperceptible e necesario como o aire ós moradores, tesouro para os visitantes, non menos gozadores.
Non, non se trata de ‘facer unha ruta do libro’. É unha ruta interior, a túa viaxe multidimensional, física e interna. Acolléndote.
--
Serie 'O día do libro':
1. Dous días, e libros
2. Viaxe sensible
3. Nunha biblioteca

Ningún comentario: