20200411

Vistas ó Camiño

Vistas ó camiño foi publicado en catro partes o 12, 18 e 26/11/99, e 3/12/99 Na Mariña/El Progreso. Despois foi recollido en http://personal.redestb.es/agremon/ribadeo.htm.

Vistas ó camiño. I - Os camiños.

¿Que é un camiño?. É un recorrido entre dous puntos. Antes, o camiño facíase a pe, ou en todo caso, con medios animais (salvo por mar). Hoxe consideramos camiños nunha gama máis amplia. Ós tradicionais viñéronse a sumar as carreteiras, incluíndo as rutas aéreas a carón das marítimas. Pero no ano 1999 como en outro ano Santo compostelán, o camiño, así, por antonomasia, e nesta parte do mundo, é o camiño de Santiago.
Tódolos camiños conducen a Roma. Así está establecido na lingua, e así toma carta de natureza e de verdade. Nembargantes, é un dito que admite interpretacións múltiples. Tomado ó pé da letra, é certo tamén para calquera outro lugar, sen ter que mentar Roma. Aínda que ten unha explicación que se faga con esta cidade: Roma era o centro do mundo antigo, onde estaba o comezo (por construcción) das "via", as carreteiras ou camiños que marcaron unha revolución nas comunicacións por aquel entón.
Con outras connotacións diferentes, algo semellante sucede con Santiago. Compostela ten o camiño, que no seu uso para a comunicación non lle ten que envidiar ó longo dos séculos ás vías romanas. É unha vía que nos une a Santiago e, polo outro lado, ó resto do mundo. Aínda que mellor que camiño hai que falar de camiños: que no caso dunha comarca como A Mariña sexa o chamado camiño norte non importa. Tódalas comarcas galegas teñen algún camiño tradicional achegado a elas, e de todos pode dicirse o mesmo: francés, portugués, arousa, ... conducen a Santiago, aínda que teña cada un algo que o diferencie dos outros, e non todos tiveran a mesma importancia ó longo dos séculos.
Non hai un só camiño a Santiago. O mesmo que pasa co dito de Roma, e en contra do que creín de pequeno, antigos camiños que fai uns anos non contaban recuperáronse para o seu uso e desconxestión do chamado camiño francés. Este segue a ser, con moito, o máis transitado, e, alomenos nese sentido, o máis importante. Pero tampouco é único. Aínda que pouco despois de cruzar os Pirineos e entrar na península unifícase, en Francia ten diversas cabeceiras. A máis importante, París (que recollía tamén peregrinos de máis ó norte), acompaña a outras máis modestas, como me lembrou fai pouco un amigo francés a conto de Le Puy, cabeza da chamada via podense. Este camiño dito francés tivo o seu apoxeo tras facerse máis seguras as vías a través da meseta co avance dos reinos de Castela e León cara ó sur. Entón substituiu ó camiño primitivo, que se pegaba ó cantábrico, máis sinuoso e que atravesaba unha zona insegura na época debido ós ataques normandos por mar. A ruta francesa, con ramificacións ó longo de toda Europa, foi nomeada itinerario cultural europeo, e hoxe está considerada como a via máis longa e mellor axeitada dentro das que están marcadas en España para facer turismo a pe.
Tamén nos vellos camiños estase a facer esforzos de sinalización, de xeito que, na actualidade, boa parte deles están sinalados e non é fácil perderse. Nembargantes, en tódolos casos o seu percorrido axustouse co tempo, ben para evitar pasos dificultosos, ben para arrimalo a sitios máis convintes no momento ou aínda para deixar libres de camiñantes as actuais carreteiras. Porque o camiño a Santiago, hoxe, séguese a facer a pe por parte dunha porcentaxe significativa de peregrinos, conservando o seu atractivo secular.
O camiño non só implica a viaxe nun sentido. Quen ía a Santiago voltaba normalmente despois, transformado, gañada a bula correspondente á visita e coa camiñata feita, pero tamén cuns coñecementos adqueridos ó longo do seu recorrido. De aí que fora nomeado itinerario cultural europeo. Este ano 99, moitas organizacións fixeron un amago de camiño. Nunha delas tomouse unha frase para lembranza: "Cuanto se dijera, predicara, cantara, contara, esculpiera o pintara, en el Camino alcanzaba a más gente y a más lugares…".

Vistas ó camiño. II - Os peregrinos.

¿Que é un peregrino?. Un peregrino é unha persoa que fai un recorrido como medio para veneración de algo ou alguén. A peregrinación sería así un camiño realizado cunha motivación moi concreta. No caso de Santiago, en principio esa viría dada por ser a sé da tumba do apóstolo, logo unha viaxe con motivo relixioso.
A tumba do apóstolo. ¿Está enterrado aí Santiago? Seguirá longo tempo a discusión de se o é ou non. Ten un candidato alternativo, Prisciliano, ilustre nacido nestes lares. Del pódese dicir, facendo un resume, que ía para santo e deixárono en herexe. As consideracións a favor e en contra tanto no que corresponde a quen ocupa a tumba como en relación á santidade de Prisciliano son múltiples. Estea quen estea, o camiño iníciase con fe de que é o apóstolo, e o peregrino vai a Santiago.
Voltando a vista atrás no tempo, atopamos unha longa lista de xente peregrinando. Respecto ó primeiro, á cabeceira da serie, pode que haxa que recabar para Alfonso II o título. Foi el o primeiro importante que contan as crónicas que, á vista do anuncio do descubrimento dos restos do apóstolo, visitou Compostela. É presumible que o fixo con curiosidade e fervor relixioso, pero tamén con ollo político prevendo un filón precioso a explotar polo seu reino, enfrontado ós musulmáns.
O camiño iníciase por un motivo relixioso. A Igrexa potenciou ese feito ata os nosos días, facendo de Santiago, en compaña de Xerusalén e Roma, unha das peregrinacións ditas maiores. Este apoio ten como fito o establecemento do xubileo compostelán en 1122 polo Papa Calixto II. Nos primeiros tempos, a alianza de poderes terrenais e eclesiais prendeu un exemplo que inflúe na percepción dos camiñantes ata os nosos días, nos que segue a haber unha certa alianza para que aflúan peregrinos, aínda que as causas da mesma por cada parte son diferentes.
O perfil do peregrino leva variado moito ó longo da historia. O que non cambia é que o peregrino segue a ser o depositante do camiño en cada momento. É quen o fai. Quen o vive, quen realiza a reflexión do camiño. É quen lle da sentido, fora da veneración, propaganda ou modas. O peregrino leva o camiño, que sen el non ten vida.
Un camiño non existe sen camiñantes, neste caso, sen peregrinos. A todos soará a poesía de Machado: "Caminante, no hay camino, se hace camino al andar" (...). E, ó cambiar os peregrinos, cambia o camiño. ¿Que esperan do camiño?
Hai peregrinos por deporte, imitación, picaresca, moda, cultura, lecer, turismo... cada un agarda unha cousa diferente, que pode cristalizar ou non ó longo do recorrido.
Tamén se reciben impresións inesperadas ou non: son producidas no camiño, polo mesmo sendeiro, ó camiñar e polo feito de facelo. as persoas quedan con impresións e deixan as súas na vía, parte das que servirán para modificala. O trasego de xente produciu así unha serie de características, entre a que destaca un enriquecemento cultural ó longo da ruta e, ó tempo, unha uniformización. Foi un privilexiado medio para comunicarse, transmitir ideas, ver e estudiar outras xentes, ... O resultado era unha volta ó lugar de partida, en termos modernos, "máis cosmopolita". Non erra quen afirma que tivo un importante papel na construcción da idea de Europa. Naturalmente, non de xeito directo a vía de comunicación, senón as xentes ás que permitiu a súa viaxe.

Vistas ó camiño. III - O camiño, hoxe.

Polo tempo que leva a ser usado, o camiño parece intemporal, pero hoxe o concíbese dun xeito ben diferente a como se facía na idade media. A peregrinación xa non ten sentido comezala pensando algo parello a un "adeus, voume e non sei cando voltarei, ou mesmo se o lograrei". O recorrido de París a Santiago, poñamos por caso, implicaba pasar por terras descoñecidas, buscar cobixo onde se puidera, atravesar múltiples fronteiras entre reinados, condados, vilas, e señoríos diversos. A viaxe significaba estar exposto a perigos sen concretar cando se saía.
Hoxe non é así. O espírito de aventura que pode subministrar a ruta é lixeiro fronte ó de fai séculos. Varía a disposición para facer o camiño, tanto ideal como mental ou material, incluíndo esas vacacións ansiadas como tempo escollido propicio para poñerse en marcha. Lévase ou viuse con anterioridade un plano da ruta. Tense conciencia de que se dispón dun tempo fixo. Sábese que podemos voltar á casa dun xeito doado e con só cambiar de parecer. En xeral, non se pensa en facer a volta do mesmo xeito que se vai, senón por medios de transporte ó uso hoxe en día, e así sucesivamente. Pode que algúns crean que o seu espírito non variou, pero a forma é indubidable que si o fixo.
Naturalmente, para todo hai excepcións, e mesmo hai camiñantes que volven usando só dos seus pés, ou que retornan seguindo a peregrinaxe a un lugar diferente do de partida, achegándose por exemplo, a S. Andrés de Teixido. Mesmo así, deambulando polo mundo nun sentido diferente da maioría, tamén se diferencian do espírito que animaba ós antigos peregrinos. "Tempus fugit" é unha sentencia que reza nalgúns reloxos; non indica só o paso do tempo, senón tamén o adeus definitivo do pasado, mesmo na peregrinaxe.
O camiño levanta moita expectación, pero é feito por unha minoría. Mesmo quen o fai, ¿ata que punto pode dicirse que peregrina? Como é lóxico, a mentalidade variará coa persoa que se mire, pero non é pregunta para contestar cunha afirmación incondicional a favor. E a información que chega á xente que non o recorre non é senón estatística. Se esta é oficial, máis ben sobre o número de peregrinos: un aumento, unha riada, ... Se é privada, enfocada cara ó número de xornadas, as pousadas, os restaurantes. ¿É a estatística a que mantén as expectativas ou as expectativas as que manteñen a estatística? Dar un sinxelo paseo por Santiago comunica unha visión, pode que sesgada, pero reveladora do que é a peregrinaxe e a importancia que teñen nel hoxe cousas como a contabilidade.
O anterior, a pesar de que a vida moderna, o tempo, o tirar para atrás que supón dar o primeiro paso para poñerse en marcha, mesmo os gastos para afrontar o camiño, son impedimentos cos que ten que contar o que comeza a mirarse a si mesmo como futuro peregrino. E que, e polo tanto, necesita dunha mentalización previa.
Nestes tempos que corren entrou en escea un novo persoaxe no camiño: o pelegrín. Pelegrín e peregrino. Distingamos entre a mascota e a persoa. Xa non hai só os aditamentos do peregrino, o bastón, a concha, cabaza para a auga, capa ou sombreiro. Un boneco estilizado da boa imaxe a unha operación comercial, a do xacobeo. Esa imaxe é o pelegrín. Ás veces, tan representativa que se confunden as palabras: ¿pelegrín ou peregrino? Os rasgos característicos esvaécense: tamén aquí está a sufrirse unha transformación, neste caso guiada con técnicas de mercadotecnia.
Pasaron os días nos que a viaxe de ida e volta era só, ou de xeito preferente, espiritual. Con ou sen pelegrín, este "ano santo" pódese facer tamén de xeito virtual mediante internet. Mesmo podemos ver o Monte do Gozo por televisión, e o camiño confundirse cun sinxelo recordo, postal que inclúe a recuperación das vivencias que se teñen (que alguén tivo) no camiñar. Non se pode dicir que o camiño esté vaciado de todo o que significou noutro momento. Pero si hai que precisar que, se está cheo de significado, é en sentido diferente a como o estaba noutros tempos.

Vistas ó camiño. IV - Un novo camiño.

Distingamos termos: camiño de Santiago, xubileo, xacobeo, ... O primeiro, herdeiro dunha peregrinaxe secular, vese influenciado polos outros dous, visións temporais. O xubileo foi unido dende fai tempo a un sentido relixioso, marcado polo ano santo (xubilar ou de xúbilo), que está relacionado coas oríxenes do propio camiño.
Outra cousa ben diferente é o xacobeo, "marca comercial" que aproveita o desenvolvemento de actividades económicas no entorno xubilar ou do camiño. No sentido do xacobeo, peregrino é igual a turista, logo consumidor. É dicir, persoa á que, por medio dunha campaña de mercadotecnia hai que sacarlle o maior proveito, eso si, a cambio dunha mercadoría que se pretende da mellor calidade e na maior cantidade. Pouco ten que ver a relixiosidade con feitos como o recoñecido de que, ó constatar as avantaxes económicas, sexan "reclamados" camiños, como medio para que as vilas ó seu paso se podan beneficiar dalgún xeito.
Seguindo esta idea do xacobeo, hai que buscar, máis que un camiño, unha franxa xacobea. En realidade, non se fala do propio camiño, senón de facer extensivos eses beneficios turísticos dos que falabamos antes ás beiras da ruta (uns cantos quilómetros, de xeito indeterminado), e máis como complemento que como alternativa á proliferación de camiños.
Antes, á chegada só se esperaba Santiago. De aí o nome de Monte do Gozo, á vista da Catedral. Hoxe concebido como un lugar de desconxestión de peregrinos, segue a ter o seu encanto e producir parella ilusión ós camiñantes. ¿Poderá ser sustituído?
A tecnoloxía, o turismo, a nova mentalidade, tamén fan novos camiños e é previsible que no futuro continúe a diferenciarse do que xa é na actualidade. Xa hai que existe un CD-Rom sobre o camiño. O presente ano veu nacer varios camiños en internet. A páxina principal en internet recibira fai pouco dezasete millóns de visitas, contadas dende a creación do sitio na rede un ano antes. Son moitas, aínda que non tantas se temos en conta que equivalen ás que ten o buscador yahoo en dez días, ou que poucas menos recibiu a páxina da enciclopedia Britannica o día que se dispuxo na rede como de acceso gratuíto (12 millóns). Nembargantes a marea de visitas deste tipo aumenta de xeito rápido; mesmo hai xornais que dan indicacións non só en páxinas de papel, senón en páxinas na rede.
Na mesma liña, unha película, documentais ... acompañan a aquela xa vella canción "a Santiago voy", convertido a ruta xacobea nun espectáculo multimedia.
Mentras que esto ocorre, as igrexas ó paso do camiñante están en moitos casos pechadas. A escasez de persoal obriga. E aínda que se poden contemplar maravillosas e idílicas paisaxes, cada vez máis a ruta parece unha zona peatonal.
E atopamos unha pequena contradición coas asociacións de amigos do camiño. Creadas para favorecelo de diversos xeitos, o seu pulo e o seu favor están tamén a cambialo en diversos sentidos. A tendencia destas fraternidades é a seguir medrando en importancia. O xeito en que o fagan marcará en gran medida o desenvolvemento da ruta xacobea
Por moita variación e novedades previstas para o futuro, sempre queda un camiño por sinalizar e recorrer na súa totalidade, ou case, o camiño interior. Cada quen ten que buscalo e facelo por separado, con indicacións tan pouco precisas como a da súa existencia, reflexada por exemplo por Jorge Manrique nas coplas feitas á morte do seu pai: "Nuestra vida es camino, morada sin pesar, mas cumple tener buen tino para andar esta jornada sin errar". Os camiños de terra poden estar mal sinalizados, pero todos levan a Santiago. O camiño interior é, e seguirá a ser, diferente.
Seguindo as coplas e a súa comparación entre vida e camiño, atopamos que "llegamos al tiempo que fenecemos". O camiño, que se constrúe mentres se recorre, chega a Santiago e esfúmase, quedando a lembranza e pode que unha actitude vital recollida no percorrido. Toda vez que se fai o camiño, é novo. Toda que se remata, morreu e pasa a ser xa vello. Eso non cambiará.

Ningún comentario: