Hoxe merquei no aparcadoiro, no lugar provisional do mercado semanal dos mércores en Ribadeo. Pouca xente (tamén era cedo), maioría de mascariñas, abrumadora entre os vendedores, pero non entre os clientes, sensación de aprendizaxe nunha situación que só se considera provisional a medias, e sentemento de que por algures hai que continuar cara a unha 'vida normal' -ó que se vaia achegando a ela-.
A normalidade non é tal, pero a previsión de que o que veña en diante será en moitos sentidos diferente ó que deixamos atrás fai cambiar a mentalidade e considerar ó tempo como raro e asumido as colas con distancia ou as caixas limitando espazos de achegamento ós mostradores -que aínda se estaban a poñer-.
Sí había interpretación de provisionalidade nalgún tema, como a distribución de espazos neste primeiro día no aparcadoiro ou o reparto de cartelería polo COVID19.
Polo demais, de retorno, a xente que ía cara o mercado parecía asumir que é un cambio de sitio e dalgunhas circunstancias, pero non de significación ou variación de costume de pasarse polo mercado dos mércores.
Ribadeo. Día de mercado. Día que non é normal... só baixo os patróns ós que estábamos afeitos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario