20200509

Primum vivere, deinde philosophare: do DNI ó móbil e das moedas ás tarxetas

Graffiti en Ribadeo

   "A política non me interesa" é algo mantido ata que... se entende que son decisións políticas as que controlan as nosas vidas, como as que teñen obrigado ós médicos a ter que elixir entre que enfermo van tentar salvar e cal van sacrificar. Non, o anterior non é algo que se me ocorrera a min, senón algo moi coñecido, se ben neste caso lembroumo Serge Halimi.
   Este artigo non vai deixar de ser unha mistura de ideas diversas. Unha volta pasado o primeiro impacto da pandemia (primum vivere, primeiro vivir) que non a pandemia nin os seus efectos, a cabeza non pode deixar de tentar integrar todo o que estamos a sentir nun mesmo sistema vital (deinde philosophare, logo filosofar). Pero, antes de que apousen as ideas, forman un revoltillo que é difícil enfiar. En Ribadeo e na China.
   Para comezar, a frase latina soía usarse no sentido de 'primeiro teño solucionada a vida en termos económicos, e logo, xa iremos vendo'. A pandemia variou os marcos, voltando a unha situación -e significación- máis primaria: é necesario vivir para poder pensar. Aínda así, como a mentalidade non se cambia normalmente nuns días, persistirá o vello uso, misturado co novo -e ó tempo, tamén moito máis vello-
   Pensouse na crise económica do 2008 que os evidentes fallos na estrutura socioeconómica capitalista ían permitir que a igualdade saíra fortalecida, e o libre comercio, ou as finanzas, regulados. Mais xa daquela Naomi Klein tiña publicado a súa 'Doutrina do choque', vindo a poñer de manifesto que nos momentos de zozobra e debilidade social, a quen é máis forte quédanlle relativamente máis forzas, e impónse máis. E acertou: a conta da recesión, os obreiros perderon dereitos e os capitalistas ganaron exencións. Agora, a conta da nosa protección, ándase a darlle voltas a facer do móbil un novo DNI, non só deixando en mans privadas a identificación e adxudicación de datos persoais, senón eliminando a privacidade e anonimización que poida quedarnos. E o mesmo cos cartos: as contaxiosas moedas están a ceder ante a omnipresente tarxeta, xestionada por entidades privadas e establecendo unha trazabilidade complementaria á do móbil. Isto, nun momento no que as tarxetas tenden a converxer cos móbiles como medio de pago. 
   Liches xa 'A vidas das formigas' ou 'A vida das abellas', do Premio Nobel Maurice Maeterlink? Aconséllochos: a estrutura social cara á que imos camiñando, que nos están a impoñer, vai aproximándose a eses modelos de relacións sociais.
   E mentres esas ideas veñen e van, entre unha morea de moitas outras, unha lembranza para un mundo de recursos limitados nunha estrutura de posesión: 'a miña ganancia, a túa perda' (Alejandro Angulo, S.I.)
   Por certo, como quedan as terrazas para tomar algo? E o mercado semanal de Ribadeo?

Ningún comentario: