Caverna. Imaxe tomada de https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Alabama_cave_2005-04-24.km.jpg, lic. CC-BY-SA 3.0 |
Parece que imos saíndo da caverna.
Parece, porque a sensibilidade é diferente, as condicións tamén, e sobre todo, porque non podemos falar en plural, e hai cavernas e cavernas. Hoxe, de feito, as cavernas naturais son substituídas por metáforas de caverna. Saímos da caverna da corentena (que, con internet, xa non é o que era), pero cantos de nós estivemos nunha caverna auténtica, natural? Hoxe por hoxe, caverna soa máis a novela de Saramago ou idea de Platón que a unha vivencia propia nun furado dun monte. E, nembargantes, ambos tentan desenvolver nas súas obras a nosa vivencia por referencia ó interior obscuro das entrañas da terra, onde se proxectan as sombras da realidade exterior.
Así pois, estamos a saír fóra despois do confinamento, estamos a saír dunha metáfora da caverna e reentablando relacións naturais cos nosos amigos, familiares, sociedade. E vemos: mentres estivemos dentro, unha tempestade cambiou o exterior. Na luz que nos deslumbra despois da obscuridade interior, estamos comezando a sentilo, a notar ese cambio do que só escoitáramos un estrondo xordo, externo, lonxano, acompañado das sombras proxectadas rápidamente cambiantes. Non, aínda non sabemos ben como é o cambio, só que o hai. Non sabemos, porque somos conscientes de que aínda non vimos todo o exterior, de que a nova construción –ou sinxelamente reconstrución- que rempraza o que había antes de que entráramos na negrura pode rematar nun mundo moi diferente segundo se vaian dando os pasos cara ó futuro. E mentres, a inseguridade de dentro da caverna, a obscuridade, o medo, tamén saen connosco ó exterior.
Hai quen pensa -ou máis ben parece pensar- que clausurando o burato, pechando a caverna, todo voltará a ser coma antes da tempestade, un antes idealizado como perfecto en tan pouco tempo de encerro. Pero o tempo non vai para atrás. E as vivencias poden esquecerse, pero non facerse desaparecer: quedarán no subconsciente. E se se intenta negar unha vivencia, teremos -temos- un mundo distópico, enfermo psíquico ou social.
Platón puxo en evidencia as ideas, coa imaxe das sombras chinesas proxectadas nas paredes da caverna, como manipulables dende o exterior. Saímos da caverna das nosas casas en corentena, pero desa outra caverna, das ideas manipulables de xeito doado por terceiros, é máis difícil saír.
Ningún comentario:
Publicar un comentario