A Prehistoria abrangue un longo período de tempo que se inicia coa orixe da especie humana, hai máis de dous millóns de anos, e se estende ata aparición da escritura (300 a. C.).
Durante miles de anos, o seres humano foi cambiando o seu aspecto físico e aprendeu a fabricar instrumentos, dominar o lume, comunicarse, domesticar animais, etc.
Destas actividades non existen documentos escritos, unicamente nos chegaron testemuños arqueolóxicos: pedras talladas, fósiles, instrumentos, pinturas, gravados,etc.
Ao principio, no periodo Paleolítico, a humanidade vivía da caza e da recolección, e era nómade.
Posteriormente, no Neolítico, aprendeu a domesticar animais e a cultivar a terra, e volveuse sedentario. Xurdiron os primeiros poboados e actividades como o tecido a a cerámica.
Realizamos unha aproximación á Prehistoria do Concello de Trabada, apoiándonos nas escasas referencias bibliográficas e no informe do Departamento Territorial de Cultura e Turismo de Lugo.
Debemos advertir que os datos no futuro poden variar somentes como resultado de novos estudos e intervencións arqueolóxicas.
O obxectivo é conquerir o respeto do noso Patrimonio Cultural e a súa conservación, potenciando o seu coñecemento e o seu disfrute.
O Neolítico: Megalitismo
Adoitase definir O Neolítico como o periodo no que eclosiona un xeito diferente de produción: o paso da economía baseada na caza, na pesca e na recolleita, ata o sistema no que predomina a agricultura e gandería. As comunidades galaicas coidaban animais coma o porco, a cabra, a ovella e cultivaban cereiais coma o trigo e o centeo. O home era sedentario. É a Idade da Pedra Pulida, comeza no ano 5 000 a .C. e remata tres mil anos despois.
O Megalitismo caracterízase polas estruturas ou megalitos (mega=grande; lithos=pedra) construídos con grandes pedras, polo que se considera un fenómeno cultural, do que a súa caracteristica máis salientable consiste na construción de monumentos xeralmente funerarios a base de pedras colosais.
Na área galega o megalitismo está representado por menhires; en Galicia chamámoslles “pedras fitas”, e antas cubertas por túmulos que reciben distintos nomes segundo a zona mámoas, medorras, medoñas, modias, medas, etc.
As pedras fitas relaciónanse co culto ás encrucilladas e ós camiños, así os cruceiros serían os continuadores dese culto.
Gargantáns. Moraña (Pontevedra)
Dombate. Cabana de Bergantiños (A Coruña)
As mámoas teñen forma circular ou ovalada. Segundo a estrutura arquitectónica das antas podemos distinguir tres grupos: cámaras simples, as chantas (esteios) delimitan un espazo funerario de forma poligonal cuberto por unha laxe horizontal; cámaras con corredor, cámara poligonal aberta da que arrinca un corredor e cámaras rectangulares, de planta rectangular.
Partes que compoñen o monumento megalítico: mámoa, túmulo de terra con forma de casquete esférico que engloba e protexe o resto do conxunto; no centro atópase a anta, cámara megalítica, espazo onde se depositan os cadáveres; un corredor feito de laxes de menor tamaño, comunica a anta co exterior do monumento.
Enterramento megalítico. Fonte: Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba
A cronoloxía varía segundo os diferentes investigadores, é un periodo de tempo moi amplo, dende 5 000 anos a.C. ata 2 000 a.C.
O número de mámoas en Galicia pode ser superior a 5 000. Murguía dicía “ non hai campo ermo en Galiza no que os ollos afeitos non atopen a grande ou pequena mámoa”, se ben moitas perdéronse no decorrer dos anos.
Actualmente hai catro conxuntos BIC (Ben de Interese Cultural): dolmen de Dombate( Cabana de Bergantiños), a necrópole de Santa Mariña (O Incio, Samos e Sarria), dolmen de Axeitos (Ribeira) e a Casa da Moura de Cabaleiros (Tordoia). A estos unirAnse outros 48 xacementos, entre eles a anta de Santo Tomé. O Valadouro
O Megalitismo no Concello de Trabada
Segundo o inventario de 1987-88 do Departamento Territorial de Cultura e Turismo. Lugo.
CÓDIGO NOME PARROQUIA
GA27061001 Mámoa do Marco de Pena Verde San Estevo de Fórnea
GA27061006,7-10 Mámoas das Pallaregas (5) San Mateo de Vidal
Este mesmo organismo o 29/06/2009 dí: as mámoas das Pallaregas foron inventariadas en 1998, pero é moi probable que non existan, xa que na mesma ficha dánse como pouco probables. Así mesmo, a poucos metros das anteriores, no Monte da Forca había unha mámoa, tiña cámara funeraria ou anta, pero foi totalmente destruída. (1987-88). Un posterior informe deste Departamento sobre As Pallaregas di que pode haber 5 mámoas.
Plan Xeral de Ordenación Municipal de Trabada 2009. Aprobación Inicial. Elementos que constitúen o Catálogo de bens Arqueolóxicos son:
En Vilarbetote (Sante): 4 mámoas de O Monte, a morfoloxía orixinal atópase modificada debido ó aplanamento da masa tumular polos traballos agrícolas.
En Vilapena, 5 mámoas no monte de Liñeiras, así como 3 máis situadas no Chao de Liñeiras, 1 no Chao do Couso e outra nas Campelas, sendo o estado de conservación malo, provocado polos efectos da repoboación forestal.
No lugar de Cabana, parroquia de Trabada, mámoa de Pico Grande. Masa tumular alterada e situada nunha zona de repoboación forestal.
En Vidal, no lugar das Pallaregas, 5 mámoas, 3 delas en mal estado debido a que a masa tumular foi rebaixada en altura polas labores forestais. Situadas nunha zona de repoboación forestal.. Dúas destas mámoas atópase en estado regular, ás que lle adicaremos un estudo.
A investigación baseouse nos traballos de campo ante a ausencia de referencias bibliográficas. Como resultado foi o descubrimento de dúas mámoas nas Pallaregas.
Situación: Parroquia de Vidal (Trabada)
Parte alta da parroquia de Vidal, na estrada que une Fórnea con Valboa, preto da capela de San Fernando.
Monte de eucaliptos.
MÁMOA 1
X 649071 Coordenadas Latitude: 43º 28´ 30 ´´ N
UTM Xeográficas: Lonxitude: 7º 9´ 26 ´´ W
Y 4815386
Fuso: 29 Altitude(GPS): 347 metros.
Atopamos restos de mámoa, túmulo de terra con forma de casquete circular (16m. de diámetro, aproximadamente). No centro atópase restos da anta, cámara megalítica, espazo onde se depositaban os mortos.
Parte da masa tumular foi destruida por un gran corte lonxitudinal que chega ata o centro da mámoa.
MÁMOA (TÚMULO)
MÁMOA 2
X 648860 Coordenadas Latitude: 43º 28´ 36´9 ´´ N
UTM Xeográficas: Lonxitude: 7º 9´ 34´6 ´´ W
Y 4815508
Fuso: 29 Altitude(GPS): 347 metros.
A mámoa na que está inserida esta anta mide uns 20 metros de diámetro e pódese considerar como o megalito, arquitectonicamente mellor conservado por non dicir o único da Mariña Oriental; na Mariña Central atópase a mámoa de Santo Tomé no Valadouro;
Corresponde ao tipo de anta coa cámara poligonal formada por pedras de mediano tamaño (esteios) lixeiramente inclinados cara ao interior; a pedra cobertora (tapa) atópase fóra dos seu sitio; non hai vestixios do corredor. Arredor da cámara hai estradas pedras miúdas que, probablemente, forman parte da estrutura tumular.
Ningún comentario:
Publicar un comentario