20200608

Bótalle unha ollada ó plan especial de protección das Catedrais

Anos. Anos leva de recorrido ata hoxe o Plan especial de protección das Catedrais. Máis de media década. Aquí, no blog, hai diversas entradas, comentarios, alegacións, etc, deixados ó longo do tempo. Mañá, martes, ás 19:30, será a aprobación definitiva (coa maioría do BNG no concello, unha vez presentada a pleno, está asegurada a súa aprobación). O plan podes velo aquí: é a túa última oportunidade antes de que sexa aprobado. A última oportunidade de exercer un mínimo dereito como cidadán, o de estar enterado da normativa que se pretende para un espazo hoxe por hoxe fundamental para Ribadeo. É dicir, en parte, trátase do teu futuro, e de deixalo correr ou tentar coller as rendas.
Na mesma nota de prensa de notificación aparece que mañá haberá non un, senón dous plenos extraordinarios, tratando a demais do plan das catedrais as consecuencias económicas da COVID-19 ou o novo convenio con ACISA (2020-2023). O acceso ó Salón de Plenos requerirá as medidas de protección oportunas ás xuntanzas en recintos cerrados. Máis aló das mesmas, será público, segundo remato de confirmar por teléfono.
Documentos (tamén presentados ó final da entrada):
A nota de prensa da alcaldía.
O Decreto do pleno de aprobación do plan das Catedrais.
O Decreto do segundo pleno especial a celebrar



-A nota de prensa:
"Plan Especial das Catedrais
05/06/2020

O Concello de Ribadeo acollerá a celebración de dous plenos extraordinarios o vindeiro martes, 9 de xuño. Na primeira das sesións, prevista para as 19:30 horas, someterase a aprobación definitiva o Plan Especial de Protección das Catedrais. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que "se trata dun instrumento imprescindible para mellorar os usos públicos do entorno, para favorecer os transportes públicos e para que os centos de miles de visitantes que están vindo, sigan vindo e vaian valorando, se cabe, moito máis a marabilla que temos en Ribadeo". A pleno irá tamén o convenio de colaboración con Acisa para o período 2020/2022 por importe de 55.000 euros, así como unha modificación do regulamento de acceso ao Hospital Asilo para igualar os procesos e os baremos aos da nova residencia de maiores.

O rexedor ribadense dixo que "agora que estamos indo paseniñamente cara a unha normalización, para a semana que ven imos facer dous plenos, un deles a petición do PP para falar das consecuencias económicas do Covid e outro pleno, tamén extraordinario, onde se van tratar numerosos aspectos de transcendencia para Ribadeo, tanto no presente máis inmediato como no futuro próximo. Estamos poñendo bases sólidas para seguir traballando para ben dos nosos veciños e veciñas. Levaremos puntos sobre asuntos da economía municipal, de axustes que temos que facer para cumprir coas leis do Estado, que resultan paradóxicas para os Concellos. Neste caso por gastar o ano pasado máis recursos nosos do que a lei nos permitía, agora teremos que neste 2020 gastar menos. Esperemos que tanto a Federación de Concellos do Estado como a Federación de Concellos de Galicia convenzan ao goberno do Estado para que elimine estes corsés, absurdos neste momento, que están creados no ano 2012 pero que a día de hoxe resultan totalmente inadmisibles para os Concellos porque a responsabilidade dun Concello é que poida destinar os seus recursos a onde o Concello estime e logo sexa a cidadanía quen valide se as inversións estiveron ben ou estiveron mal".

O alcalde explicou que "neste pleno tamén daremos conta de todos os decretos que fomos creando nesta crise do Covid e onde se estableceron todas as medidas de suspensión no pagamento de determinadas taxas e tributos como poden ser a da auga, do lixo ou do saneamento para todas aquelas iniciativas económicas que por decreto tiveron que cesar a súa actividade, así como outras taxas como a do mercado, a zona ORA, as ocupacións de vía pública, etc…, e os cambios nas normativas para facilitar medidas para a hostalería e para os servizos".

Suárez Barcia contou que "a maiores disto levaremos unha modificación do regulamento de acceso ao Hospital Asilo de Ribadeo no sentido de igualar os procesos e os baremos aos da nova residencia. Con isto o que pretendemos é ir pouco a pouco igualando os dous sistemas e queremos tamén que quede aberta a posibilidade de que poida acceder xente que non sexa de Ribadeo, aínda que os de Ribadeo evidentemente han seguir tendo prioridade. Como sempre dixemos e diremos, queremos manter estes dous centros para que o número de prazas dispoñibles sexa acorde coa nosa poboación. Tamén traeremos ao pleno unha nova proposta de convenio con ACISA, por tres anos de duración, por importe total de 55.000 euros de fondos municipais significando ademais que para este ano 2020 será a maior anualidade cun total de 24.000 euros destinada á mellora do comercio e adaptación ás necesidades desta nova situación que todos empezamos a vivir, e na que a dixitalización terá un papel moi importante".

O rexedor ribadense indicou que "virá ao pleno tamén a aprobación definitiva dun instrumento moi importante para o futuro e para o turismo, para a sustentabilidade ambiental e para o futuro do equilibrio entre estes dous vectores. Despois de varios anos de traballo puidemos superar con éxito multitude de informes sectoriais de moitísimas administracións, da provincial, da galega, da estatal, en definitiva un total de 19 informes que todos eles acabaron sendo favorables, algúns desde o principio e algúns outros coas lóxicas correccións que tivemos que facerlle ao documento. Polo tanto aprobaremos o Plan Especial de Protección das Catedrais de maneira definitiva. Este é un instrumento crucial que o puidemos realizar por ser dos poucos Concellos que temos un Plan Xeral de Ordenación Municipal moderno e vixente. Este Plan Especial das Catedrais é un instrumento imprescindible para mellorar os usos públicos do entorno, para favorecer os transportes públicos, para darlle sentido a unha liña ferroviaria que pasa por alí desde hai setenta anos pero que non para, e para que os centos de milleiros de visitantes que estaban vindo, pero que despois desta pandemia que nos trae de cabeza han volver seguro, sigan vindo e vaian valorando se cabe moito máis a marabilla que temos aquí en Ribadeo".

Fernando Suárez engadiu que "logo desta aprobación, para a semana que ven, tocará ir visitar os despachos de moitas administracións, da Deputación, da Xunta, do Estado e se cabe, como non, tamén da Unión Europea para que nos axuden a converter o plan en realidade. É dicir, a construción dun novo aparcadoiro público, a construción dun novo centro de interpretación e de recepción de visitantes, a construción dun novo apeadeiro de Feve, a creación de rutas seguras a modo de miradoiro desde os cantís, etc... Todo isto con sumo respecto para o medio ambiente, para o mantemento de usos tradicionais e agrarios de toda esa zona e para a integración do turismo en Ribadeo, e tamén por extensión na Mariña e no país. Queremos en definitiva que a xente non chegue, mire e marche como fai ata agora, senón que se lle poida sacar moito máis partido para o noso territorio e para a nosa economía, e sempre coa sustentabilidade medioambiental garantida"."

Ningún comentario: