É difícil de entender como é posible que por sacar 50 Tm de madeira de eucalipto que se vende pola miserable cantidade de 1000 €, cando mellor prezo, esteamos destruíndo xacementos arqueolóxicos que son bens patrimoniais da Galiza de inapreciable valor, bens que nunca máis poderán ser recuperados.
Mámoas ou medoñas, túmulos funerarios característicos do Neolítico; castros, eses poboados celtas totalmente abandonados pola administración da Xunta de Galicia e que son espoliados ou destruídos en parte ou totalmente con total impunidade, e dos que en Ribadeo temos alo menos sete mal sinalizados e mal delimitados (As Grobas, Fornelo, Meirengos, As Cárcovas, A Pumarega, A Torre, A Croa). Unha verdadeira cidade celta con castros que estanse a destruír pouco a pouco, como denuncia Mariña Patrimonio en este querido semanario de La Comarca del Eo do 23 de Maio do presente.
Pero non soamente están desaparecendo os emprazamentos concretos dos castros, senón que xa desapareceron para sempre xamais os entrabados muros e fosos de defensa de todos eles. E non falemos do cemiterio celta que había sobre a praia dos Castros, un dos únicos da Galiza e onde foron impunemente taponadas as súas tumbas con formigón para facer un chalet sobre o acantilado e que tivo “permiso de obra” para un señor que, segundo se comentou na época, era o responsable de Patrimonio da provincia de Lugo. Este tal “señor” debía ser veciño daquel outro alcalde de Lugo que nos anos sesenta do século pasado, para ampliar a Ronda da Muralla a mellor solución que atopaba era derrubar a propia muralla, pois daba o ancho axeitado para a “modernización dos accesos de Lugo” para os coches. Menos mal que o botaron fora antes de que fixera tal falcatruada. Non pasou o mesmo cando destruíron os xacementos romanos baixo a praza de Santo Domingo para facer un aparcamento. En fin.
Nos nosos arredores hai crómlech ou círculos líticos como a Roda de Santiago de Reinante, unha das dúas únicas mostras do megalitismo atlántico en Galiza xunto coa de Lobeira entre Vilagarcía e Vilanova de Arousa; pedrafitas ou menhires (do bretón “men”: pedra e “hir”: longo), que servían para sinalizar necrópoles, ou como pedras de sinalización ou de identificación dun lugar onde se facía algún rito relixioso ou de concentración de xentes nalgunha encrucillada, e que hoxe aínda algún deles salvado da destrución masiva serve de marco para delimitar concellos, como o Marco da Pena Verde (Trabada, Barreiros, Ribadeo). Están desaparecendo os vestixios das vías romanas, empedradas de cantos rodados ou pavimentadas con grandes lastras de pedra que desde a antigüidade foron aproveitadas para camiños reais, e hoxe en desuso e practicamente destruídas e sen clasificar nos anais da historia galega pois non hai practicamente nada estudado en todo o Norte da provincia de Lugo.
Os asentamentos arqueolóxicos desaparecen como froito da especulación dos terreos, por obras públicas e privadas sen control ou por simples labores agrícolas ou forestais onde non se ten sinalizado o xacemento por non haber constancia anteriormente da súa situación, ou ben por non haberse sinalizado “por falta de presuposto ou de tempo”, pois os empregados en patrimonio son poucos e non dan abasto. Isto é algo co que hai que terminar. Hai que marcar e delimitar os xacementos arqueolóxicos que forman os recintos patrimoniais explotados ou sen explotar. Hai un patrimonio prehistórico, histórico, artístico, arquitectónico, paisaxístico dunha gran beleza natural e antropolóxica que garda a antiguísima terra galega e que non pode seguir sendo destruído pola desidia dunha Administración patrimonial inexistente, ou que o seu funcionariado no é suficiente, ou que está mal pagado, etc. a escusa da igual cal sexa, isto non pode continuar. Ten que ter remedio.
Van chegar millóns de euros desde a Administración central do Estado para impulsar os nosos bens de riqueza, e ten que haber dalgunha maneira presuposto na Xunta de Galiza para non esquecer os nosos xacementos arqueolóxicos.
Ano tras ano se destrúen sistematicamente valores patrimoniais, que desde o ano 1950 en que se empezou a repoboación forestal, e maiormente a destrución foi a máis desde que as plantacións de eucaliptos foron industrializadas con máquinas tractores que tallan, pelan e tronzan a vontade as pezas de madeira. Esas máquinas con rodas pneumáticas ou con eirugas, tan pesadas, como non poden ser doutra forma para manterse equilibradas nos terreos tan difíciles onde traballan, pero que as súas rodeiras cando pasan por un xacemento déixano achaiado e destruído ou totalmente arrasado. Logo veñen as máquinas paleadoras que fan os camiños imprescindibles para carrexar a madeira, e logo as máquinas de repoboación forestal escavadoras ou perforadoras de plantar. Total ao menos pasan dous ou tres tipos de máquinas polo monte que se está explotando e que acaban con todo xacemento que se lles poña por diante, pois tanto traballan nun lugar libre de impedimentos como polo pico dunha mámoa sen reparar nela, pois son “pedruscos” nada máis, que hai que achaialos e punto.
Unha triste realidade e unha verdadeira vergonza nun pais civilizado, que por 1000 putos euros cada quince ou vinte anos esteamos asistindo a tamañas desfeitas, cando se podería estar sacando na época estival cen veces ese capital explotando o seu valor turístico, sen contar co coñecemento científico-histórico co que estaríamos contribuíndo a historia do noso país. Teriámonos que mirar os estudos e logros da universidade inglesa ou francesa que teñen nomenclatura propia en todos os tratados de Prehistoria e de Historia do mundo, e aquí, que sen dúbida tamén temos moito que dicir, non hai unha palabra nin cita, que recorde neste eido á universidade galega.
Por todo isto é imprescindible ter sinalizados os xacementos e sería moito de desexar que foran compradas por parte do erario público as parcelas onde están os asentamentos arqueolóxicos. A Administración da Xunta de Galiza, inoperante neste eido, vemos que é unha irresponsable en todos cantos eidos se rasque un pouco, que nin mira nin ve o nivel de “palurdismo” a que chegan e que padecen moitos dos seus representantes, votados cada catro anos, e que creen que se libran de responsabilidades meténdolle a culpa a o pobo, “á ignorancia dos campesiños”. Desvergonza é o que hai, pois a maioría dos fillos deses campesiños hoxe son homes e mulleres de carreira, da que moitos dos representantes políticos da Xunta carecen.
Pero ademais, os asentamentos arqueolóxicos non só deben ser e quedar delimitados por xente experta da universidade, senón que deben ser precintados e vixiados por persoal autorizado para que non medre o arboredo espontáneo sobre eles, tal e como está vixiada e limpa a traza do gasoduto ou os tendidos de transporte eléctrico a través dos montes. Un corpo de vixilancia que moi ben poderían especializarse nun futuro como guías turísticos dos lugares que gardan.
Esta será a única maneira de manter “intacto” o noso patrimonio, vixiado ate ter presuposto para poder desenterralo e poñelo en valor cun traballo de campo adecuado para sacar de modo parcial ou total todos os coñecementos prehistórico-científicos dos lugares anteditos que, sen dúbida, alcanzarán un valor suficiente como para ser o motor que mova un amplo sector turístico que creará bens de riqueza, dos que en Ribadeo neste momento non hai absolutamente nada, pois hoxe só podemos lucir bens de servizo e nalgúns aspectos, escasos.
Todo este patrimonio está enterrado, maiormente en zonas de monte, zonas costeiras e fluviais, e parece mentira que haxa dúas carreiras universitarias de enxeñería agrícola e forestal, nada doadas de aprobar, que deberan ser os que levaran a pauta das explotacións arbóreas e que logo unha elite de madeiristas fagan o que lles pete no monte, tal cal señores feudais que operan como donos “de todo o que se ve ate o horizonte”, parodiando as palabras do demo no deserto ante Xesús. Uns a outros bótanse a culpa e os xacementos seguen apedrándose. Hai unha obstinación terapéutica de demostrable destrución masiva do noso patrimonio, e non pode continuar así, pois o patrimonio posto en valor será sen lugar a dúbida un dos motores máis importantes do desenrolo sostible da Mariña Lucense. Temos un paisaxe espectacular e un riquísimo patrimonio prehistórico e histórico que está practicamente a vista, que máis se pode pedir?
E que conste que non estamos a falar de parar a explotación forestal nin de desprezar os recursos madeireiros que por suposto sabemos que a moitas familias lles permitiu e permite a día de hoxe mandar a universidade aos seus fillos, pero sí, si debemos parar a barbarie palurda da destrución patrimonial. Barbarie porque solo xente moi asilvestrada pode destruír o que representan os bens patrimoniais, e palurda porque soamente xente de moi escasa educación e formación cultural pode ignorar o que ten diante dos ollos, e se si o sabe e o sigue destruíndo, sería causa de xulgado de garda ou de pecado mortal sen perdón, pois os bens patrimoniais pódenlle reportar a el e a todos os nosos descendentes máis beneficios anuais que toda canta madeira haxa nos montes dentro de cen anos.
E isto non ocorre nun sitio nin nun caso illado. Estamos a falar de decenas de casos anuais de destrución na nosa provincia e na nosa bisbarra. Sen ir máis lonxe o Castro de San Miguel de Reinante tivo permiso de obra para ser parcialmente destruído para sacar cunha paleadora “catro” camións de caolín a prezos de exportación ridículos para a desfeita que fixeron.
Isto non pode seguir así, tirando un prestixioso futuro para as futuras xeracións de rapazas e rapaces. Fan falla eses fondos estatais e autonómicos para facer fronte a esta desfeita, e fai falta esa labor de policía para manter vixiado o patrimonio.
Por suposto que non é mesmo remover un valado do século XVIII que dividía unhas terras que destruír o recinto amurallado ou as cabanas dun castro. Por isto ambas industrias forestal e turística, poden complementarse nun mesmo proxecto, pois as árbores fan falta para a industria madeireira, e tamén serven de fondo o noso precioso paisaxe. Non é este o lugar no que vou a falar das especies autóctonas apropiadas en lugar de tanto eucalipto, pois Galiza parece unha finca terceiro mundista da explotación xermánica de eucaliptos para pasta de celulosa de papel, que logo volvemos a comprar transformada en papel de escribir e de embalaxe cun marxe de ganancia que queda en Alemaña ou por eses mundos de Deus. Menudos negociantes estamos feitos, debemos estar “orgullosos” do tecido empresarial que temos, incapaces de facer un folio de papel, como non fomos capaces de laminar un solo lingote de aluminio. Así nos vai, parece que vivimos no mundo de Tarugolandia que vive a epidemia do palurdismo cuxa única vacina e ler e aprender o Catón.
Non intentamos bloquear o desenrolo do país, pero todo o que ate aquí dixemos non costa en presuposto económico practicamente nada se se compara cos beneficios que se poden sacar. Ribadeo está converténdose nun lugar turístico por excelencia, e podemos proxectalo ate moi alto se poñemos en valor os nosos recursos patrimoniais. Por desgraza non nos queda ningunha industria no eido marítimo. pois destruímos a Ría e o Porto de Ribadeo, e non queda ningún ben de riqueza en todo o Concello, excepto Irmandiños e “catro” explotacións gandeiras, así que temos que ir pensando en mellorar o noso futuro. Isto é un desastre, excepto a Festa dos Indianos que segundo escoito parece “nos vino al pelo” e este ano, para máis inri, non se celebra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario