20200622

Ocasións perdidas

   22 de febreiro de 2003. En Ribadeo convocábase á xente interesada para a asistencia a unha xuntanza aberta, de carácter internacional, para introdución ó teletraballo. Era unha das accións realizadas dentro do proxecto TES (Teleworking Education System), no que participaba un centro educativo ribadense, o IES Porta da Auga. Na xuntanza analizaríanse en particular dous aspectos claves: as avantaxes e inconvenientes do teletraballo (é dicir, o que representaba de disrupción respecto ó xeito tradicional) e a formación para poder levalo a cabo (é dicir, a preparación conveniente).
   Dous anos despois, en maio de 2005, tivo lugar outra xuntanza aberta para outro proxecto europeo, HeLPS (High e-Learning Professional Skills), sobre o entorno convinte para eLearning, ensino a distancia por medios electrónicos. Ámbolos dous proxectos tiveron eloxios por parte das comisións de avaliación correspondentes da UE. Ámbolos dous tiveron unha repercusión (practicamente) nula na práctica diaria e a concepción do traballo e o ensino a distancia na nosa zona.
   No 2006 aínda aparecen de xeito derivado un par de entradas nun blog de ensino sobre o tema, a conto da presentación dunha ponencia nun congreso.
   Estamos a falar de hai abondos anos. Certo que se ten progresado moito no teletraballo e ensino por medios electrónicos, pero non é menos certo que foi unha ocasión dilapidada pola nosa sociedade, ribadense, mariñá, galega, para emprender un camiño cara a un futuro que para ben ou para mal xa nos alcanzou meses atrás.
   É doado dicir as cousas mirando para o pasado, e máis quizais cando pode expresar unha certa implicación por ter estado metido no allo. Mais, (e máis aínda en período preelectoral, en realidade, re-preelectoral) cabe lembrar a falta de visión institucional e social non só dun partido, senón máis ou menos do espectro partidario en conxunto, e da sociedade daquel entón, para aproveitar uns momentos que parece poderían ter facilitado unha transformación suave, programada e ben feita. Un cambio que agora se ve como necesario e urxente. Ademais de terse perdido o seu aproveito dende aquela.
   É o único caso? Nin moito menos. Non é a primeira vez que saco o tema do 'Plan E', maquinado contra a crise do ladrillo. As axudas daquel plan, onde foron parar? Pois a máis cemento. Non se aproveitaron para unha reconversión, abrir vieiros en campos novos ou preparar á xente, senón en facer máis do mesmo que levara á catástrofe. Por que? Quizais por ser o que sabía facer a xente, o que estaban a facer as empresas... alto! Non lembra todo isto unha crise actual que está a pasar a nosa bisbarra?

Ningún comentario: