O estudo do patrimonio cultural do Concello de Ribadeo ofrécenos diversas posibilidades, ao tratarse dunha vila medieval cargada de historia; podíamos estudar o Ribadeo antigo (muralla, rúas…) así como igrexas, capelas, fontes, cabozos, o Camiño Norte de Santiago, muíños de auga... Imos estudar un tipo de construción descoñecida para moitos dos veciños de Ribadeo: os muíños de vento.
Sempre que se fala destas construcións relacionámolas con D. Quixote e coa Mancha. Temos constancia da existencia de dous muíños deste tipo, un en Vilaselán (hoxe desaparecido) e outro en Palmeira, na parroquia de Ove, que conserva a estrutura de pedra.
Quero dar as grazas a Mercedes, José e Felipe de Casa do Treixo de Palmeira e a Marcelino do Cargadoiro pola súa colaboración e boa disposición para facer posible este traballo; sen a súa información non poderiamos levalo a cabo.
Un muíño (do latín molinum) é un artificio para moer algo; o máis habitual son os cereais, especialmente o trigo e o millo, para obter fariña.
Xeralmente constaba dunha pedra circular fixa sobre a que se move outra troncocónica que ao xirar segue a forma da anterior. Tamén pode ter forma de disco e entón chámase moa. Para mover a pedra utilizábase a enerxía eólica (muíño de vento), a hidráulica (muíño de auga) e animais (muíño de sangue).
Os muíños de vento máis famosos, grazas a don Quixote, son os da Mancha, pero habiaos por todas partes e moi especialmente no centro e sur de España. Tamén son famosos os dos Países Baixos.
OS MUÍÑOS DE VENTO DE GALICIA
Galicia ofrece grandes posibilidades para este tipo de muíños, en xeral, por toda a costa polo efecto do mar, por ser zona de ventos continuos e fortes.
O seu número non é moi elevado, se o comparamos cos muíños de auga. Existe documentación dende o século XVI. A maioría foron creados no século XVIII para aproveitar o abundante millo que chegaba de América. Coa enerxía eléctrica foron desaparecendo progresivamente, quedando para uso doméstico. A maior parte están en ruínas ou xa non existen: Aguiño, Illa de Arousa, A Coruña, Muros, Laxe, Camariñas, Ortigueira… só por citar algúns dos lugares onde houbo ou hai este tipo de muíños. En Catoira, atópase un dos muíños de vento más antigos de Galicia que segue funcionando.
Dentro da clasificación podemos citar dous tipos:
* Muíños fixos de torre: os abanos van fixos e saen da parede. Estes muíños teñen un dobre sistema de abanos para poder aproveitar o vento de direccións opostas.
* Muíños cun teito cónico móvil que xira para orientar as aspas ou velas: son pequenas construcións de pedra de cuberta cónica, a unha ou dúas augas, con abanos ou con velas para recoller o vento; os abanos son tablas unidas entre si que forman unhas pezas rectangulares, que se colocan nunha estrutura de madeira que forma a viga horizontal que atravesa a parede ou teito e os vareiros.
A cuberta é xiratoria, por ela sae o eixe que sostén o sistema motor. Para que xire a cuberta o sistema é o seguinte: no remate superior do muro da torre van unhas pezas de cantería cunha pequena canle que percorre toda a circunferencia; a cuberta que é cónica, leva na base unhas rodas que circulan por esa canle, faise xirar por medio dun paso longo exterior e así se acada a orientación desexada, amárrase a unhas estacas espetadas no chan.
Ó xirar as aspas, a viga ou eixe horizontal xira tamén e pon en movemento a roda vertical, provista duns dentes que se insiren noutra roda máis pequena, o piñón, que finalmente move a moa.
Mentres que o muíño está traballando, hai que botar auga no grilo e ra, para que non se quente en exceso.
Para frear e parar o muíño hai unha viga que se fai baixar sobre a viga horizontal.
O muíño é unha construción relevante no mundo rural, xeralmente pertence a un único propietario.
O oficio de muiñeiro desenrolábanno homes e mulleres, anque polo xeral era o home quen o dirixía e a muller axudáballe.
A xente da parroquia, e incluso doutras parroquias, vai a miúdo cos seus sacos de gran e o muiñeiro cóbralles de dúas maneiras: en diñeiro ou co sistema de maquía, o máis empregado, e que consiste en tomar unha porción do gran que se moe; esta porción tómase por ferrado.
O muíño sempre foi un lugar de relacións entre veciños, cando acudían a el para moer, xuntábanse e moitas veces quedaban de leria e de troula, cantando e bailando. Actualmente estos costumes desapareceron.
No muíño xurdiron cancións, refráns, contos…
A muiñeira
Ó muíño de meu pai
eu ben lle sei o tempero:
cando está alto, baixalo
cando está baixo, erguelo.
Meu meniño, durme, durme,
que teño que ir ó muíño,
teño que ir pola fariña,
para fague-lo panciño.
Fun esta noite ao muíño,
non moín nin muiñei;
perdín a trenza do pelo,
iso foi o que ganei.
OS MUIÑOS DE VENTO DE RIBADEO
No concello de Ribadeo sabemos que na primeira metade do século XX había dous: un na parroquia de Vilaselán, que hoxe non existe e un segundo na parroquia de Ove no lugar de Palmeira.
O muíño de vento de Vilaselán.
Situado no Cargadoiro, nun lugar elevado cara á ría, chamado tamén “molino de Puerto Estrrecho“.
Segundo o historiador focense Xoán Ramón Fernández Pacios, o arquivo do Reino de Galicia atesoura un documento datado en o 4 de xullo de 1810, nesta documentación o muíño de Vilaselán pertencía a don Francisco María Amor, veciño e comerciante de Ribadeo, que llo mandara edificar a Lois López, natural de Vilamor (Mondoñedo). Tendo en conta a documentación, o muíño comezara a funcionar no ano 1807. A súa función era moer gran para, coa fariña resultante, abastecer tanto á poboación civil como aos militares,
Nos “Planos del Puerto de Cedeira y de las rías de Vivero y Ribadeo” realizado polo Teniente de Navío D. Pedro Riudavest en 1868, e a rectificación polo mesmo en 1882, aparece en Ribadeo a referencia, “Molino de viento”, podéndose tratar deste muíño.
Non quedan restos deste muíño. Foi demolido por atoparse en estado ruinoso en 1955, segundo afirma Marcelino Díaz Irimia, actual dono da casa que ocupa o seu lugar (parte desta e do muro que pecha a finca fíxose coa pedra do muíño ). O seu avó, Marcelino Irimia González, empregado municipal, que viñera en 1927 de Vilarpescozo (Meira) comprárallo ao pintor José Cuervo Cortés. Despois herdouno a súa filla Eugenia Irimia Fernández.
Dito muíño tiña uns seis metros de diámetro por sete de alto e o groso da parede setenta centímetros.
O muíño de vento de Palmeira (Ove):
Emprazamento: nun outeiro nun lugar moi venteado e apartado pero non lonxe das casas.
Propiedade: pertence a D. Felipe Pulpeiro, da casa do Treixo.
Cronoloxía: construído polo pai do anterior, tamén de nome Felipe Pulpeiro, en 1888. Para erguer o muíño viñeron os canteiros de Ferreira.
Tipoloxía: muíño fixo de torre con cuberta xiratoria.
Descrición:
Elementos construtivos: non ten plataforma propiamente pero si unha elevación de 2 m de ancho. A torre é cilíndrica, de fábrica de cachote tomado con barro e sen perpiaños nos vans; polo exterior presenta uns orificios para os paxaros. Ten unha porta ao noroeste cunha fiestra por cima; catro fiestras situadas dúas na planta baixa e dúas na alta, simétricas, nas caras N e S respectivamente; presentan marcos de madeira nos linteis. No remate superior dos muros, canterías para xirar a cuberta.
No interior hai restos de viga de madeira; tiña unha escaleira para subir á planta alta, que sería de madeira e da que non quedan restos.
As dimensións principias son: diámetro interior 5,05 m; grosor muros 0,85 m; altura aproximada 6,50 m; a planta alta estaba situada a 2,50 m; a porta ten un ancho considerabel de 1,10 m e unha altura de 2,10 m.
A cuberta tiña un armazón de madeira, de forma cónica e levaba cinc.
Elementos mecánicos: O sistema xiratorio da cuberta consistía nunha canaleta de ferro colocada nas canterías superiores dos muros, sobre da que circulaban 20 rodiñas de ferro. Para orientar esta, facíano coas vacas que turraban dun pau longo (rabo) que baixaba dende o extremo da mesma; unha vez disposto na colocación axeitada, amarrábase este pau a unha das estacas que había arredor da torre; desta maneira o muíño traballaba a vento fixo.
Tiña catro velas de lona con corda de cánabo e argolas para amarralas.
Era de dúas moas, capas e pés; unha para o trigo, francesa, e outra para o millo.
A roda dos engranaxes era de ferro pero os dentes estaban feitos con cerna de carballo.
Estado actual: consérvanse os muros da torre en moi bo estado. Da cuberta non quedan restos así como dos elementos mecánicos. Deixou de traballar algo antes do ano 1920, e cando o desmontaron, aproveitouse a moa francesa para o muíño de Meredo.
O propietario conserva algunha peza solta dos elementos mecánicos.
1-Instrumentos para picar a moa.
2.Rodiña de ferro do sistema xiratorio da cuberta.
EMILIO PIÑEIROA LOZANO
Ningún comentario:
Publicar un comentario