20200726

225


A fotografía amosa o aforo nun parque. Coincide que é no parque infantil de Ribadeo, pero iso é máis que nada, unha anécdota. Podería ser outro lugar: hai moitos outros aforos, noutros lugares, dos que se podería facer consideracións semellantes. E o dos aforos é só unha das facetas das novas normas a conto do coronavirus pandémico.
Neste caso, non se entende se os ‘225’ que pon de aforo son na zona limitada pola varanda ou non. Supoñamos que non, que os 225 están cavilados para incluír as zonas limítrofes, a que molesta á igrexa cos xogos de balón e o paseo ocupado coa tirolina. Sendo así, e incluíndo tamén o templete da música, usado pola infantería para diversas incursións, saen uns 1500 m2, medidos polo sixpac e sendo xenerosos. Ou sexa, uns 7 m2 por persoa. Un círculo de aproximadamente un metro e medio de raio. Ou un cadrado de 2,6 m de lado, que se axustaría mellor para encher o espazo sen recortes sobrantes entre as figurasformadas, os cadrados neste caso. É dicir, ata o de aquí, ben. Case dobre da separación aconsellada. E iso, co máximo aforo, cousa que, coñecendo o parque, pode darse nos concertos da banda. Concertos que, dadas as circunstancias, non hai previstos polo momento. En caso de entender que o aforo se refire á 'parte interna', incluíndo o templete da música, andaría por uns 900 m2, 4 m2 por persoa, equivalente a un círculo de un pouco máis dun metro de raio ou a un cadrado de 2m de lado. Aínda así, cumpriríase en teoría a separación aconsellada.
Agora ben, estamos a tratar con xente miúda. Que transmiten o virus aínda que teñan necesidade de xogar. Que con menos de 6 anos non se poñen a máscara porque non é obrigado e son nenos, e se lla poñen, quítana e xa está. Que precisamente por iso, porque son nenos, tocan o tocable, corren, berran, agrúpanse ben para xogar, ben para ver que ten o outro ou a outra, por simple curiosidade... co que a distancia aconsellada e o aforo parecen, sinxelamente, fóra de lugar.
É un só exemplo de normas que pretenden ser válidas cando nacen coxas, se non mortas, polo desenvolvemento social non escrito. Pola mentalidade e costume da xente, afeitos a outra situación de normalidade. E, figurémonos, se xa 'antes' nos custaba entender algunhas normas non só en países afastados, con outra ideosincrasia, senón mesmo ditadas aquí (cal era o pobo de Galicia que non permitía parar na rúa a máis de tres persoas?), e por suposto, coa dificultade extra que inflúe no seu cumprimento... como se pretende un cumprimento estrito agora? Despois de facer a vista gorda en innumerables casos -poñamos, inmobiliarios, para poñernos en situación- preténdese que un turista español dunha zona con rebrote dé aviso ás autoridades ó entrar no territorio galego para facerlle un seguimento? Quizais aplicando que o descoñecemento da norma non exime do seu cumprimento? Iso vale para reprimir e evitar listiños, pero non para cumprir.
Repito, son cousas e casos que me veñen á cabeza a bote pronto. Pero tamén, casos que manifestan non só o que lle queda por pulir ás normas caóticas -en tempo, espazo, situación- que se van ditando, senón tamén á consideración que na nosa sociedade e nós mesmos facemos da persoa. Non como individuo egoísta que se mira o embigo-centro do universo, senón como peza social, participante nunha sociedade dinámica da que todos somos debedores a traverso dun capital social que entre todos debemos poñer. Esperemos entendelo antes de que sexa demasiado tarde. E, aínda que agora esteñamos nestas, non só, nin moito menos, polo coronavirus. Ou poñemonos a falar de educación?

1 comentario:

agremon dixo...

"Coronavirus outbreaks could be stopped if everyone used masks, washed their hands and kept apart from others, a new study finds"