"Que fermoso país
pero que carallo de xente."
Laxeiro
Notas:
1.Calquera parecido coa realidade pode ser real.
2.Ribabebo é unha marca rexistrada por Chenchu.
Caciquia é unha terra de excepcional beleza, cunha maldición encerrada nalgunha xente que a habita. As mostras de ambas cousas rezuman aló onde se mire.
Non todo o bo nin o malo que ten é endémico da terra, pero hai veces que está tan ben adaptado, que o parece. Así, os políticos parecen ter a mesma teima que noutros lugares e tempos: queren que a xente renegue das eleccións, deixando que sexan un absurdo e baleirándoas de contido e sentido. Pero a súa mestría é lendaria. Queren saber a última?
A ver, non é nin a máis importante, nin a máis difundida, njn a máis elaborada, aínda que pode ser das máis dramáticas, pero é un exemplo máis. Imos aló.
Resulta que entre as máis belas partes da excepcional Caciquia hai unha, na costa norte, que se enfrontaba con certa tranquilidade a un azote mundial, un virus que, o mesmo que o virus do odio ou o da desinformación se mete nos miolos a traverso dos medios e redes sen que moita xente se aperciba, este, tan pequeno el, invade sibilinamente dunha a outra persoa, e, segundo como teñas o corpo, pode desde facerte morrer a pasar sen enterarte. Ben, cando todo o entorno estaba desconfinándose, esa costa, onde se atopa Ribabebo e comarca, eran vistos como o paraíso: bo clima de verán, bos servizos, boa xente, non moitas aglomeracións... e claro, foi xente. Moita máis aínda da que xa fora cando non podía. Normal.
No novo ambiente, as formas relaxáronse, e... aumentaron os casos. Dicían que non moito moito, pero si abondo como para pensar que a cousa ía demasiado á présa.
E anunciouse que se ía pechar a comarca. Anunciouse pero non se fixo ata abondas horas despois, para que á xente lle dera tempo a espallarse e espallar por fóra o que xa se estaba a espallar por dentro. E é curioso: anunciouse o peche para os días laborables da semana. Só. Polo que parece, as finde están blindadas ó contaxio e o período de incubación da enfermidade debeu reducirse de xeito máxico a como moito eses cinco días. Dixen xa que que na finde seguinte habí eleccións previstas? Non, creo que non o dixen. Pero non debe ter importancia, non? Como tampouco deben tela cousas como que é precisamente na finde cando se recibe máis xente de fóra da comarca ou se producen maiores aglomeracións dentro e fóra dos locais de consumo nouturno, restrinxido durante eses días laborables.
O caso é que a comarca pechouse. Non importa que a case totalidade dos casos estivera concentrada nuns poucos lugares, a subzona hospitalaria (na prensa caciquiana din 'zona', pero non se decatan, nin os medios nin o goberno, de que foi engulida pola zona hospitalaria da capital, que para iso é capital) queda pechada para todos. Aquí non hai 'customized production', senón Ford modelo T de calqueira cor, sempre que sexa negra. E é que dentro dasubzona a xente pode moverse: non fai falta protección extra, despois de infestada -a lembrar que 'o virus non naceu aquí'-.
O mesmo día do anuncio, comezaron a difundirse infografías, vídeos, esquemas... coas medidas antes de que saíran as 23 páxinas de boletín oficial extraordinario nas que se especifican. O normal é que haxa abondos erros nesas 'prenovas', non? Pois iso. Hóuboos.
Tamén, facendo un pequeno cálculo, saen a case cinco páxinas de boletín caciquiano por día. Algo moito para que a xente se entere, non?
Pero, razoando así, os Caciquianos entran por onde queren os seus caciques, (así se chaman nesa terra os que fan favores e se desfán en conseguir o favor do voto) que consiste en opinar se unha medida é así ou asá, máis que se ten ou non apoio lóxico cos datos dispoñibles. E aínda máis, que se é lóxico impoñer as medidas do xeito que se fai en Caciquia, formalmente unha democracia que se ten queixado -e moito- da falta de democracia de quen detenta o mando no estado no que está.
Non, non, non vou seguir contando o conto. Porque nese lugar, moi moi achegado, a historia está en curso, e non se sabe nin que vai pasar co dereito da xente confinada a participar nas eleccións (entre outras cousas, o voto por correo xa pechou, e cónstame de que noutras eleccións previstas para meses atrás, moitos sobres non chegaron). E pode que antes de que alguén vexa este escrito, teñan variado as medidas (xa se sabe, incubación de xeometría variable), mesmo xa se teña ampliado o prazo de aplicación. Aínda que polo que teño entendido, a versión que predomina nos mentideiros é que rematarán de pechar por dúas semanas, pero despois das eleccións.
Así pois, pareceranos raro que a niveis administrativos inferiores, ata o nivel local, pasen cousas de carácter máis reducido, pero non menos absurdas? Haberá que poñer máis exemplos: parece que sabemos moi pouco de Caciquia e os seus pobos.
--Notas posteriores:
1.Segundo descubrín despois, 'Caciquia' non é un invento meu, senón que xa o recolle Vilar Ponte en Antón Villar Ponte, «Pretextos cotidianos. El único sistema posible para anular el caciquismo», E.P.G. 30-VI-1933, páx. 10. 2.Segundo Chenchu, Ribabeo non foi idea súa en orixe, senón de Coté Díaz.
Ningún comentario:
Publicar un comentario