CAÑIZARES versus BILL GATES.
"A Fundación Bill e Melinda Gates leva feito máis polos humildes deste mundo nos seus vinte anos de existencia o que a Igrexa Católica nos seus vinte séculos".
Lía, fai uns días, que saltaban as alarmas no Vaticano como consecuencia da viaxe que o Papa Ratzinger facía a Ratisbona, temendo que aproveitase o mesmo para fundar, cos opositores a Francisco, un novo e alternativo papado. Non sería a primeira vez. As forzas máis reaccionarias e fascistas que pasean seus solideos polos palacios catedralicios non soportan o talante humanitario, caritativo e bondadoso deste entrañable "gaucho".
A Igrexa Española, palio do franquismo durante corenta anos e entusiasta colaboradora do xenocidio cometido, non é allea a este movemento contrario á idea do Papa Francisco de volver aos inicios. De achegar a Igrexa aos pobres, recuperar a humildade das institucións eclesiásticas e facelas máis empáticas coas necesidades do pobo, en suma, volver situala no lugar no que O fundador do cristianismo a fixara... entre os pobres, os desamparados, os humildes.
Os ultras Rouco, Reig Pla, Munilla, Cañizares, intimidadores diabólicos de enfermizas mentes, sucios pensamentos e deplorables condutas, intentan, coa entusiasta colaboración das súas plataformas informativas: ABC, a COPE (Cadena Obispos Por España), 13 TV etc., evitar que o actual pastor do rebaño se desvíe do camiño polo que tan a gusto transitan, retozando na luxuria, a avaricia, a gula, a soberbia... pecados capitais que se pasan polo forro das súas sotanas.
E ao final parece ser que o motivo da inquietante viaxe de Ratzinger, para o que houbo que alertar aos gobernos vaticano, italiano e alemán, utilizar un voo privado e mobilizar ao seu médico persoal e a unha das relixiosas que viven con el, debeuse a que foi a visitar ao seu irmán maior... a monseñor Georg Ratzinger... si home, a ese suposto pedófilo vinculado ao abuso de 547 nenos que pasaron polo coro católico que dirixiu durante máis de trinta anos na Catedral de Ratisbona. Debeuno de ir confesar e por suposto a absolver.
Cañizares, "o que ningunea a pederastia" o portador dunha "capa magna" de cinco metros de fina seda, que Pablo VI xa desaconsellou en 1969, acusa, desde o seu inocente púlpito, á fundación Bill e Melinda Gates de financiar investigacións que perseguen a obtención dunha vacuna contra o coronavirus fabricada con células de fetos abortados. A este personaxe o seu pai non debeu de advertilo, de adolescente, de que a masturbación pode conducir a un á demencia. Haberá que mirar se tamén lle nacen pelos na palma da man.
A Fundación Bill e Melinda Gates, creada por este altruísta matrimonio no ano 1994, ten como obxectivo a erradicación da pobreza no mundo e o investimento en programas de educación e asistencia sanitaria. A súa Fundación dedicou a estes obxectivos, nos últimos 20 anos, uns 50 000 millóns de euros. A fundación de Amancio Ortega dedicou, no mesmo periodo de tempo, uns 500 millóns. A Igrexa Católica recibiu en España, dos nosos impostos, 285 millóns o último ano. Destinou 12 millóns de euros a cubrir as perdas de 13TV dese exercicio (leva investido nesta infame canle desde a súa posta en marcha máis de 80 millóns de euros). A Carlos Herrera, por inocular odio á súa audiencia desde a "cristiá" emisora, pagáronlle un salario de 7 millóns de euros. A Cáritas Española, cun orzamento no ano 2019 de 337 millóns de euros, a Igrexas Católica destinoulle 6 millóns. Así, con dous collóns. Están tan absortos inmatriculando bens que non lles queda tempo de exercer a caridade.
Nota: Inmatricular, como ben sabe o lector, é inscribir por vez primeira un ben inmueble no rexistro da propiedade. Isto é o que empezou a facer a Igrexa Española desde febreiro de 1946 por unha lei franquista (pensada para pagar os servizos prestados), que daba aos sacerdotes atribucións de notarios; desde entón fixérono de xeito compulsivo en todo o país e teñen inmatriculado todo tipo de inmuebles e propiedades: solares, casas, frontóns, aparcamentos, cemiterios... En 1998 o goberno de Aznar concedeulle máis atribuciones aínda e permitiu que se inmatricularan lugares de culto, algo que coa anterior lei non estaba permitido, polo que ademais de rexistrar ao seu nome todo outro tipo de bens, pasaron a inmatricular igrexas, ermidas, catedrais, mezquitas... moitos dos cales están declarados BIC (Bens de Interese Cultural). A día de hoxe levan máis de 30 000 propiedades rexistradas. Esta avaricia desbocada converteu á Igrexa Católica na sociedade inmobiliaria máis importante deste país.
Ti segue, non sexas parvo, poñéndolles a X na declaración da renda. Deus? non sei, pero os seus medios de comunicación episcopais "non evanxélicos" agradecerancho.
Asdo: Jorge Sampedro Reimúndez
Ningún comentario:
Publicar un comentario