O átomo como concepto comezou a existir na antiga Grecia. Máis de 2000 anos despois, aínda hai quen o descoñece. Para ter ‘evidencia científica’ houbo que esperar a pouco máis de hai un século.
Os indicios de que a Terra era redonda foron descubertos polas primeiras civilizacións agrarias. Hai case 3000 anos que se mediu por primeira vez o radio terrestre. Aínda hoxe seguen a existir terraplanistas.
Esas ideas pertencen ó desenvolvemento cinetífico. E eses intervalos de tempo son os períodos de traballo dos científicos. Si, hainos moito máis curtos, pero a necesaria boa proposta do problema, o deseño de métodos de obtención de datos fiables, logo a súa obtención, o tratamento e interpretación deses datos, etc, ata chegar a conclusións con evidencias científicas, leva un tempo non desprezable.
En tempos de coronavirus, tentou forzarse a máquina para ir máis veloz. Pero para medios e políticos, tal parece que a ciencia estivera noutra dimensión cando convén. Para usala como escudo máis que como milagre. A velocidade esixida polas redaccións dos medios ou polos políticos para o respaldo de actuacións diversas era -é- outra da real, sen contar cousas como a moitas veces moi deficiente comprensión dos feitos científicos por parte de xente de ambos colectivos, máis ocupados por outros feitos, e non especialistas. Ese conxunto de realidades fixo que moitas veces se puxera en mans -máis ben en boca- da ciencia como entidade, -nin aínda dos científicos, persoas falibles ó fin- todo tipo de afirmacións. Afirmacións que non ten importado variar de xeito continuo, dunha interpretación libre interesada a outra, sen explicación, co argumento de autoridade que a ciencia sempre rexeitou como tal.
O das máscaras, de innecesarias -ou mesmo desaconselladas- a obrigadas, seguindo diversos pasos nesa variación, e distinguindo por tipos de máscaras, foi paradigmático. Aínda hoxe, a confusión existente entre os diversos tipos, dende a sinxela cirúrxica, ‘que protexe ós outros’ ás FFP2, ‘que protexen a quen as leva’, é evidente, para canto máis ó comezo, cando a recomendación estaba ditada por unha cuestión de desmantelamento e deslocalización industrial e o consecuente desabastecemento. Non importa que aínda se estea a estudar o complexo xeito de propagación aérea en diversas circunstancias (o que pode variar totalmente a probabilidade de transmisión), ‘quedou claro’ que... Que, que quedou claro? Como non sexa que o sentido común debe ser algo básico e máis en ausencia de probas científicas... E iso, o sentido común, queda fóra da lexislación ordinaria, prohibicións, etc.
Ningún comentario:
Publicar un comentario