Onte avísannos de que hoxe estaríamos cerrados. Antes de que saíran as normas no DOG, xa tiñamos diversas informacións, infografías, vídeos... sobre o que non se vai poder facer, moitas deleas, con erros.
O DOG xa saiu. 23 páxinas "só". En espera de redactar algo máis como comentario sobre a medida, podes ir lendo o DOG de onte:
DOG Núm. 132
Domingo, 5 de xullo de 2020
Páx. 26516
I. Disposicións xerais
Consellería de Sanidade
ORDE
do 5 de xullo de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de
prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz,
Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo,
Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación
epidemiolóxica derivada do COVID-19.
Mediante a Resolución do 12 de xuño de
2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse
publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de
2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise
sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan
para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito
acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer
fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da
fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o
levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de
interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do
13 de marzo de 2020.
Así mesmo, mediante a Resolución do 25
de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade,
deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de
xuño de 2020, polo que se introducen determinadas modificacións nas
medidas de prevención previstas no citado Acordo do 12 de xuño de 2020,
sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise
sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan
para a transición cara a unha nova normalidade.
Finalmente, mediante a Orde do 30 de
xuño de 2020 demorouse o restablecemento das actividades dos locais de
discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, e das festas,
verbenas e outros eventos populares, así como das atraccións de feiras,
nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá,
Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e
Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica
derivada do COVID-19.
Conforme o punto sexto do Acordo do
Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas
previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin
de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e
sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou
supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da
consellería competente en materia de sanidade.
Así mesmo, a persoa titular da
consellería competente en materia de sanidade, como autoridade
sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do
acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista
da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou
complementarias ás previstas neste acordo que sexan necesarias.
De acordo co informe sobre a situación
epidemiolóxica no distrito sanitario da Mariña a raíz do abrocho de
COVID-19 elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 4 de xullo
de 2020, seguen a existir no día de hoxe diversos casos relacionados cun
abrocho de COVID-19 que se está a desenvolver no citado distrito
sanitario, que exixen a adopción, con urxencia, de medidas de prevención
específicas neste distrito sanitario, formado polos concellos de Alfoz,
Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo,
Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, para facer fronte ao
abrocho e garantir a súa contención.
Estas medidas teñen o seu fundamento
normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais
en materia de saúde pública, no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de
abril, xeral de sanidade, nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de
outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do
10 de xullo, de saúde de Galicia.
En particular, cómpre salientar que a
Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, prevé, no seu artigo primeiro, que
co obxecto de protexer a saúde pública e previr a súa perda ou
deterioración, as autoridades sanitarias das distintas administracións
públicas poderán, dentro do ámbito das súas competencias, adoptar as
medidas previstas na dita lei cando así o exixan razóns sanitarias de
urxencia ou necesidade.
O artigo segundo habilita as autoridades
sanitarias competentes para adoptaren medidas de recoñecemento,
tratamento, hospitalización ou control cando se aprecien indicios
racionais que permitan supoñer a existencia de perigo para a saúde da
poboación debido á situación sanitaria concreta dunha persoa ou grupo de
persoas ou polas condicións sanitarias en que se desenvolve unha
actividade. E, para o caso concreto de enfermidades transmisibles, o
artigo terceiro dispón que, co fin de controlalas, a autoridade
sanitaria, ademais de realizar as accións preventivas xerais, poderá
adoptar as medidas oportunas para o control dos enfermos, das persoas
que estean ou teñan estado en contacto con estes e do contorno
inmediato, así como as que se consideren necesarias en caso de risco de
carácter transmisible. E o artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,
prevé que as autoridades sanitarias poderán levar a cabo intervencións
públicas nos supostos de riscos para a saúde de terceiras persoas, nos
mesmos termos previstos nos artigos 2 e 3 da Lei orgánica 3/1986, do 14
de abril, antes citados.
Non se recolle, pois, unha lista pechada
de medidas de prevención, senón que poderán adoptarse, de acordo cos
principios de precaución e de proporcionalidade que deben rexer as
actuacións en materia de saúde, as necesarias para facer fronte ao
concreto risco sanitario de que se trate.
En todo caso, e en atención a tales
principios, estas medidas serán reavaliadas nun período non superior a
cinco días naturais desde a publicación desta orde en función da
evolución da situación epidemiolóxica na zona.
Non obstante, dada a proximidade das
eleccións autonómicas do domingo día 12 de xullo, resulta oportuno
aclarar que as limitacións á mobilidade previstas nesta orde non poden
afectar o exercicio dun dereito fundamental como é o de sufraxio, polo
que se considerará en todo caso xustificada a entrada ou saída do ámbito
territorial delimitado para o exercicio deste dereito. Así mesmo, polas
mesmas razóns, cómpre indicar, tanto para o caso do distrito sanitario
da Mariña como para o resto do territorio da Comunidade Autónoma, que as
medidas específicas para contactos estreitos, previstas nesta orde e,
con carácter xeral, no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de
xuño de 2020, antes citado, consistentes no illamento ou corentena
“salvo causas debidamente xustificadas”, non impiden tampouco o
exercicio do dereito fundamental de sufraxio, por considerarse,
evidentemente, unha causa xustificada para a saída do domicilio, sen
prexuízo de que deban cumprirse as medidas de seguridade establecidas e,
en particular, o uso de máscara cirúrxica en todo momento, e a saída se
limite ao tempo estritamente necesario para o exercicio deste dereito
ao voto. Para estes efectos, a Consellería de Sanidade cursará as
oportunas instrucións para que esta cuestión se aclare nas comunicacións
que teña o Centro de Seguimento de Contactos do Servizo Galego de Saúde
con estas persoas.
As medidas de prevención que se recollen
nesta orde teñen un evidente fundamento sanitario, dados os riscos de
transmisión dunha enfermidade contaxiosa como a que nos ocupa, e a
vixilancia, inspección e control do seu cumprimento corresponden aos
concellos, sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade,
tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e
alcaldesas (artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de
Galicia), as competencias dos concellos do control sanitario de
actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía, dos
lugares de convivencia humana (artigo 80.3 da lei citada), así como da
súa competencia para a ordenación e control do dominio público.
Polo tanto, os alcaldes e alcaldesas,
como autoridade sanitaria, deben garantir nas referidas actividades,
servizos e lugares de convivencia humana, os dereitos e deberes
sanitarios da cidadanía (artigo 33.2 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de
saúde de Galicia), e polo tanto, garantir a vixilancia, inspección e
control do cumprimento das medidas preventivas aprobadas pola
Administración autonómica e daquelas que, no seu desenvolvemento, e
atendendo á situación concreta, poida establecer o concello.
Así mesmo, as forzas e corpos de
seguridade teñen un papel fundamental no necesario control do
cumprimento das medidas de prevención, papel que veñen desempeñando
durante toda esta crise sanitaria, a través da formulación das
correspondentes denuncias e remisión ás autoridades competentes, nos
casos en que se detecte o seu incumprimento. Debe recordarse a este
respecto que o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de
2020, declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio da
Comunidade Autónoma de Galicia e activou o Plan territorial de
emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de
interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do
coronavirus COVID-19. Tendo en conta a existencia dunha declaración de
emerxencia sanitaria resulta esencial a colaboración das forzas e corpos
de seguridade coa finalidade de preservar a seguridade e a convivencia
cidadá.
En particular, entendemos que debe
facerse especial fincapé nos aspectos que se están a incumprir de xeito
frecuente como é a utilización de máscaras nas rúas, cumprir os límites
de capacidade e impedir as aglomeracións.
Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do
10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición
de autoridade sanitaria, polo que é competente para a adopción das
medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario
derivado do abrocho de COVID-19 que se está a desenvolver no distrito
sanitario da Mariña, coa urxencia que a protección da saúde pública
demanda.
Na súa virtude, en aplicación do punto
sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020,
sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise
sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan
para a transición cara a unha nova normalidade, e na condición de
autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de
xullo,
DISPOÑO:
Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación
O obxecto desta orde é establecer
determinadas medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros,
Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada,
O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da
situación epidemiolóxica derivada do COVID-19.
Segundo. Medidas de prevención
No ámbito territorial previsto no punto
anterior serán de aplicación as medidas de prevención específicas
contidas no anexo, así como as previstas nos puntos terceiro e cuarto
desta orde.
Terceiro. Restricións
á mobilidade e ás agrupacións de persoas para a protección da saúde das
persoas ante a existencia dun risco de carácter transmisible
1. Á vista da evolución da situación
epidemiolóxica e coa finalidade de controlar a transmisión da
enfermidade, adóptanse as seguintes medidas de prevención de modo
temporal, durante o período ao cal se estenda a eficacia das medidas
previstas na presente orde de acordo co seu punto sexto:
a) Limítase a entrada e saída de persoas
do ámbito territorial determinado polos concellos de Alfoz, Barreiros,
Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada,
O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, a partir das 00.00 horas do día 6
de xullo de 2020.
Non obstante a anterior limitación, poderase entrar e saír do ámbito territorial delimitado polas seguintes razóns:
1º) Desprazamento ao lugar de traballo
para efectuar a prestación laboral, profesional ou empresarial,
incluíndo o transporte, a prestación de servizos, o comercio e as
actividades empresariais e económicas.
2º) Retorno ao lugar de residencia habitual.
3º) Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
4º) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
5º) Calquera outra actividade de análoga natureza.
A limitación de entrada e saída do
ámbito territorial delimitado non afectará a circulación por autovías e
outras vías de comunicación cando se trate de mobilidade con orixe e
destino fóra del, sempre e cando non comporte a mobilidade fóra destas
vías.
b) Dentro do ámbito territorial
delimitado na letra a) poderá circularse sen limitacións, salvo nos
casos indicados nos números 1.2 (Persoas con sintomatoloxía) e 1.5
(Medidas específicas para casos e contactos estreitos) do anexo desta
orde. Sen prexuízo do indicado, para a colaboración coas autoridades
sanitarias e de acordo co principio de precaución, recoméndase á
poboación do ámbito territorial delimitado a permanencia nos seus
municipios de residencia e limitar a mobilidade aos casos
imprescindibles mentres se manteña a efectividade das medidas
establecidas nesta orde.
c) Limítanse os grupos para o
desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou
social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, a un
máximo de dez persoas, excepto no caso de persoas conviventes en que
non se aplicará esta limitación.
2. O incumprimento das medidas de
prevención establecidas neste punto poderá dar lugar á imposición das
sancións e a outras responsabilidades previstas no ordenamento xurídico.
3. En particular, para os efectos da
execución e control destas medidas de prevención, no marco da situación
de emerxencia sanitaria declarada polo Acordo do Consello da Xunta de
Galicia, do 13 de marzo de 2020, solicitarase a colaboración das forzas e
corpos de seguridade.
4. Para a execución das medidas
previstas neste punto buscarase sempre con preferencia a colaboración
voluntaria das persoas destinatarias coas autoridades sanitarias. Non
obstante, malia que estas medidas non se individualizan en persoas
determinadas dada a súa adopción con carácter xeral, tendo en conta que
nos casos de ausencia de colaboración voluntaria a súa execución pode
requirir a adopción de actos de imposición coactiva que poden supoñer
restricións de dereitos fundamentais, e para coadxuvar na súa plena
efectividade, solicitarase a súa ratificación xudicial, de acordo co
previsto no número 6 do artigo 8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo,
reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Cuarto. Outras medidas
1. Mantense a vixencia da demora no
restablecemento das actividades dos locais de discotecas e demais
establecementos de lecer nocturno, e das festas, verbenas e outros
eventos populares, así como das atraccións de feiras, nos concellos de
Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol,
Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como
consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do
COVID-19, prevista na Orde do 30 de xuño de 2020, durante o período a
que se estenda a eficacia das medidas previstas na presente orde de
acordo co seu punto sexto.
2. En todo o non previsto nesta orde, e
no que sexa compatible con ela, serán de aplicación, no ámbito
territorial previsto no punto primeiro, as medidas que, con carácter
xeral, se establecen no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de
xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á
crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III
do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción
vixente.
Quinto. Control do cumprimento das medidas e réxime sancionador
1. A vixilancia, inspección e control do
cumprimento das medidas de prevención que se recollen nesta orde, e a
garantía dos dereitos e deberes sanitarios da cidadanía, corresponderán
aos concellos, sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade,
tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e
alcaldesas de acordo co artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de
saúde de Galicia, e as competencias dos concellos de control sanitario
de actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía e dos
lugares de convivencia humana, de acordo co artigo 80.3 do mesmo texto
legal, así como da súa competencia para a ordenación e control do
dominio público.
2. Así mesmo, os órganos de inspección
da Administración autonómica, no ámbito das súas competencias, poderán
realizar as actividades de inspección e control oportunas para a
vixilancia e comprobación do cumprimento das medidas de prevención
aplicables.
3. As forzas e corpos de seguridade
darán traslado das denuncias que formulen polo incumprimento das medidas
de prevención ás autoridades competentes.
Sexto. Eficacia
Esta orde terá efectos desde as 00.00
horas do 6 de xullo de 2020. Non obstante, as medidas recollidas nel
serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun
período non superior a cinco días naturais desde a publicación da
presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da
situación epidemiolóxica e sanitaria.
Para estes efectos, poderán ser obxecto
de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa
titular da consellería competente en materia de sanidade.
Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2020
Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade
Conselleiro de Sanidade
ANEXO
Medidas de prevención específicas
1. Obrigas xerais.
1.1. Obrigas de cautela e protección.
Todos os cidadáns deberán adoptar as
medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da
enfermidade COVID-19, así como a propia exposición aos ditos riscos.
Este deber de cautela e protección será igualmente exixible aos
titulares de calquera actividade.
Así mesmo, deberán respectarse as
medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades
sanitarias para a prevención do COVID-19.
1.2. Persoas con sintomatoloxía.
Calquera persoa que experimente algún
dos síntomas máis comúns compatibles co COVID-19, tales como febre,
calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do
gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral,
diarrea ou vómitos, deberá permanecer no seu domicilio e comunicalo ao
seu servizo sanitario coa maior brevidade.
Igualmente, se existen conviventes no
domicilio, deberá evitar o contacto con eles e, se é posible, usar unha
habitación de forma exclusiva ata recibir instrucións do seu servizo
sanitario.
1.3. Distancia de seguridade interpersoal.
Deberá cumprirse a medida de mantemento
da distancia de seguridade interpersoal establecida polo Real decreto
lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención
e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo
COVID-19, de, polo menos, 1,5 metros ou, na súa falta, medidas
alternativas de protección física con uso de máscara, de hixiene
adecuada e etiqueta respiratoria.
1.4. Obrigatoriedade do uso de máscaras.
1. Será obrigatorio o uso da máscara en
todo momento, tanto cando se estea na vía pública e en espazos ao aire
libre como cando se estea en espazos pechados de uso público ou que se
encontren abertos ao público, e se poida concorrer no mesmo espazo con
outras persoas, coa excepción dos casos previstos na presente orde, así
como nos supostos previstos no artigo 6.2 do Real decreto lei 21/2020,
do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e
coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo
COVID-19.
Ademais, é obrigatorio o uso axeitado da
máscara, é dicir, esta deberá cubrir desde parte do tabique nasal ata o
queixo, incluído.
3. O tipo de máscara que se debe
empregar non deberá estar provista de válvula exhalatoria, agás nos usos
profesionais para os que este tipo de máscara poida estar recomendada.
4. Os titulares dos establecementos, espazos ou locais deberán garantir o cumprimento desta obriga neles.
1.5. Medidas específicas para casos e contactos estreitos.
As persoas que sexan consideradas caso
sospeitoso ou probable de infección polo virus SARS-CoV-2, por teren
infección respiratoria aguda grave con cadro clínico ou radiolóxico
compatible co COVID-19, ou que estean pendentes dos resultados de probas
diagnósticas por este motivo, as que sexan consideradas como caso
confirmado con infección activa e as consideradas contacto estreito dun
caso sospeitoso, probable ou confirmado, deberán seguir as condicións de
illamento ou corentena que lles sexan indicadas desde os dispositivos
asistenciais ou de saúde pública, sen poder abandonar o seu domicilio ou
lugar de illamento ou corentena en ningún caso, salvo autorización
expresa do servizo sanitario por causas debidamente xustificadas.
2. Medidas xerais de hixiene e prevención.
Sen prexuízo das normas ou protocolos
específicos que se establezan, serán aplicables a todos os
establecementos, locais de negocio, instalacións e espazos de uso
público e actividades de carácter público, as medidas xerais de hixiene e
prevención establecidas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do
12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer
fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a
fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na
redacción vixente.
3. Limitacións de capacidade e medidas de prevención específicas por sectores.
3.1. Velorios e enterros.
1. Os velorios poderán realizarse en
todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, debidamente
habilitadas, cun límite máximo, en cada momento, de vinte e cinco
persoas en espazos ao aire libre ou de dez persoas en espazos pechados,
sexan ou non conviventes.
2. A participación na comitiva para o
enterramento ou despedida para cremación da persoa falecida restrínxese a
un máximo de vinte e cinco persoas, entre familiares e achegados,
ademais, de ser o caso, do ministro de culto ou persoa asimilada da
confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida
do defunto.
3.2. Lugares de culto.
1. A asistencia a lugares de culto non
poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade. A capacidade
máxima deberá publicarse en lugar visible do espazo destinado ao culto.
2. Non se poderá utilizar o exterior dos edificios nin a vía pública para a celebración de actos de culto.
3.3. Cerimonias nupciais e outras celebracións relixiosas ou civís.
1. No caso de que estas cerimonias ou
celebracións se leven a cabo en lugares de culto, deberán aplicarse as
regras de capacidade e as medidas de hixiene e prevención na celebración
de actos de culto relixioso recollidas especificamente nesta orde e, no
que sexa compatible co disposto nela, no Acordo do Consello da Xunta de
Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias
para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez
superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova
normalidade, na redacción vixente. Deberanse evitar, en calquera caso,
as aglomeracións á entrada e saída dos lugares de culto.
2. As celebracións que puidesen ter
lugar tras a cerimonia en establecementos de hostalaría e restauración
axustaranse ás condicións e á capacidade previstas para a prestación do
servizo nestes establecementos. En calquera caso, deberase respectar un
máximo de cen persoas en espazos ao aire libre ou de cincuenta persoas
en espazos pechados.
3.4. Establecementos e locais comerciais
retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao
público que non formen parte de centros ou parques comerciais.
1. Os establecementos e locais
comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos
ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais non
poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade total. No caso
de establecementos ou locais distribuídos en varios andares, a presenza
de clientes en cada un deles deberá gardar esta mesma proporción.
Deberán establecerse as medidas
necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal
nos locais e establecementos ou, na súa falta, a utilización de medidas
alternativas de protección física con uso de máscara.
2. Procurarase a atención con servizo preferente para maiores de 65 anos.
3.5. Establecementos que teñan a condición de centros e parques comerciais ou que formen parte deles.
1. Os establecementos e locais
comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos
ao público situados en centros e parques comerciais non poderán superar
o cincuenta por cento da súa capacidade total. No caso de
establecementos ou locais distribuídos en varios andares, a presenza de
clientes en cada un deles deberá gardar esta mesma proporción.
2. Non se permitirá a permanencia de
clientes nas zonas comúns excepto para o tránsito entre os
establecementos, salvo na actividade de hostalería e restauración que se
leve a cabo nas ditas zonas, a cal se deberá axustar ao previsto
especificamente para estas actividades. Queda prohibida a utilización de
zonas recreativas como poden ser zonas infantís, ludotecas ou áreas de
descanso, que deben permanecer pechadas.
3. Deberanse establecer as medidas
necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal no
interior dos locais e establecementos e nas zonas comúns ou, na súa
falta, a utilización de medidas alternativas de protección física con
uso de máscara, e deberán evitarse as aglomeracións de persoas que
comprometan o cumprimento destas medidas.
4. Procurarase a atención con servizo preferente para maiores de 65 anos.
3.6. Mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública.
1. No caso dos mercados que desenvolven a
súa actividade na vía pública ao aire libre ou de venda non sedentaria,
coñecidos como feiras, non poderán superar o cincuenta por cento dos
postos habituais ou autorizados, limitando a afluencia de clientes de
maneira que se asegure o mantemento da distancia de seguridade
interpersoal.
Os concellos poderán aumentar a
superficie habilitada ou habilitar novos días para o exercicio desta
actividade para compensar esta limitación.
Á hora de determinar os comerciantes que
poden exercer a súa actividade, o concello poderá priorizar aqueles que
comercializan produtos alimentarios e de primeira necesidade,
asegurando que non sexan manipulados os produtos comercializados neles
por parte dos consumidores.
3.7. Actividades en academias,
autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de
formación e actividade formativa xestionada ou financiada pola
Administración autonómica en centros e entidades de formación.
A actividade que se realice nestes
centros poderá impartirse dun modo presencial sempre que non se supere
unha capacidade do cincuenta por cento respecto do máximo permitido e
cun máximo de dez persoas por grupo.
3.8. Establecementos de hostalaría e restauración.
1. Os establecementos de hostalaría e
restauración non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade
para consumo no interior do local.
2. O consumo dentro do local poderá
realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e
deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade
interpersoal entre clientes ou, de ser o caso, grupos de clientes. Non
está permitido o consumo na barra.
3. As terrazas ao aire libre dos
establecementos de hostalaría e restauración limitarán a súa capacidade
ao cincuenta por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente
anterior con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa
autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por
primeira vez.
Consideraranse terrazas ao aire libre
todo espazo non cuberto ou todo espazo que, estando cuberto, estea
rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos.
No caso de que o establecemento de
hostalaría e restauración obtivese o permiso do concello para
incrementar a superficie destinada a terraza ao aire libre, poderase
incrementar o número de mesas previsto no primeiro parágrafo deste
número 3, respectando, en todo caso, unha proporción do cincuenta por
cento entre mesas e superficie dispoñible e sempre que se manteña o
espazo necesario para a circulación peonil no tramo da vía pública en
que se sitúe a terraza.
4. En todo caso, deberá asegurarse que
se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas
ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de dez
persoas por mesa ou agrupación de mesas. En calquera caso, deberase
respectar un máximo de cen persoas en espazos ao aire libre ou de
cincuenta persoas en espazos pechados.
5. O emprego de máscaras será
obrigatorio para todos os traballadores e clientes do establecemento
salvo no momento específico do consumo.
6. Os establecementos de hostalaría e
restauración deberán pechar non máis tarde das 23.30 horas, sen que
poida permitirse o acceso de ningún cliente nin expedir consumición
ningunha desde esa hora, e cun período máximo de desaloxo de trinta
minutos.
3.9. Condicións para ocupación de zonas comúns de hoteis e aloxamentos turísticos.
1. A ocupación das zonas comúns dos hoteis e aloxamentos turísticos non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade.
Para iso, cada establecemento deberá
determinar a capacidade dos distintos espazos comúns, así como aqueles
lugares en que se poderán realizar eventos e as condicións máis seguras
para a súa realización conforme a capacidade máxima prevista e de acordo
coas medidas de hixiene, protección e distancia mínima establecidas.
2. As actividades de animación ou clases
grupais deberán deseñarse e planificarse cunha capacidade máxima de dez
persoas, incluídos os monitores, e deberanse establecer as medidas
necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o
desenvolvemento da actividade excepto no caso de persoas conviventes.
3.10. Albergues turísticos.
Na modalidade de aloxamento turístico de albergue permitirase unha capacidade máxima do cincuenta por cento da máxima permitida.
3.11. Bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais.
1. Nas bibliotecas, arquivos, museos e
salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais, tanto
de titularidade pública como privada, poderán realizarse actividades
presenciais sen superar o cincuenta por cento da capacidade máxima
permitida.
2. Este límite de ocupación será
aplicable tamén á realización de actividades culturais nestes espazos e
cun máximo de ata dez persoas nas actividades de grupos, incluído o
monitor ou guía, e deberán establecerse as medidas necesarias para
procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o
desenvolvemento da actividade excepto no caso de persoas conviventes.
3.12. Actividade en cines, teatros,
auditorios, circos de toldo e espazos similares, así como en recintos ao
aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos
públicos e actividades recreativas.
1. Os cines, teatros, auditorios, circos
de toldo e espazos similares poderán desenvolver a súa actividade,
contando con butacas preasignadas, sempre que non superen o cincuenta
por cento da capacidade permitida en cada sala.
2. No caso doutros recintos, locais e
establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades
recreativas distintos dos previstos no parágrafo anterior, poderán
desenvolver a súa actividade sempre que o público permaneza sentado e
que non se supere o cincuenta por cento da capacidade permitida,
3. En calquera caso, será de aplicación
un límite máximo de sesenta persoas para lugares pechados e de cento
cincuenta persoas tratándose de actividades ao aire libre.
Non obstante, poderase ampliar o límite
indicado ata un máximo de cen persoas para lugares pechados e trescentas
persoas tratándose de actividades ao aire libre, logo da autorización
da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas
organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste
caso a solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das
actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de
prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento
de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto
da nova normalidade polo COVID-19 en España, elaborado polo Centro de
Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de
Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou
aqueles outros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.
3.13. Centros de lecer infantil.
Os centros de lecer infantil poderán
levar a cabo súa actividade cumprindo o Protocolo en materia de lecer
infantil para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19
aprobado pola Orde da Consellería de Sanidade do 30 de xuño de 2020, e
cunha capacidade máxima do cincuenta por cento do seu total.
3.14. Actividades e instalacións deportivas.
1. A práctica da actividade física e
deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma
individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de dez
persoas de forma simultánea.
Nas instalacións e centros deportivos
poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata dez persoas, sen
contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da
capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas
necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o
desenvolvemento da actividade.
A práctica da actividade deportiva
federada de competencia autonómica poderá realizarse de forma individual
ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de dez persoas
simultaneamente no caso dos adestramentos. Non se aplicará este límite
nas competicións onde as regras federativas garantan espazos
diferenciados para cada equipo. No caso de realizarse en instalacións
deportivas, a práctica axustarase ademais aos termos establecidos no
parágrafo anterior.
2. Exceptúase o uso da máscara
exclusivamente no momento de realizar a actividade física sempre que se
poida garantir a distancia de seguridade interpersoal, baixo a
responsabilidade do deportista e do titular da instalación ou centro
deportivo. Utilizarase a máscara durante todo o tempo de circulación
entre espazos comúns nas instalacións ou centros deportivos.
3.15. Celebración de eventos deportivos, de adestramentos e de competicións deportivas con público
A celebración de eventos deportivos,
adestramentos, competicións deportivas que se celebren en instalacións
deportivas ou na vía pública poderán desenvolverse con público sempre
que este permaneza sentado, que non se supere o cincuenta por cento da
capacidade permitida da instalación ou do espazo de que se trate e cun
límite de sesenta persoas para lugares pechados e de cento cincuenta
persoas tratándose de actividades ao aire libre.
Non obstante, poderase ampliar o límite
indicado ata un máximo de cen persoas para lugares pechados e trescentas
persoas tratándose de actividades ao aire libre, logo da autorización
da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas
organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste
caso a solicitude dos titulares, promotores u organizadores das
actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de
prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento
de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto
da nova normalidade polo COVID-19 en España, elaborado polo Centro de
Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de
Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou
aqueles outros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.
3.16. Piscinas.
1. As piscinas ao aire libre ou
cubertas, para uso deportivo ou recreativo, deberán respectar o límite
do cincuenta por cento da súa capacidade, tanto no relativo ao acceso
como durante a propia práctica deportiva ou recreativa e sen que poidan
exceder o límite de cen persoas de ocupación. Quedan exentas destas
limitacións as piscinas unifamiliares de uso privado.
2. Nas zonas de estancia das piscinas
establecerase unha distribución espacial para manter distancia de
seguridade interpersoal entre os usuarios e cun máximo de dez persoas
por grupo, excepto no caso de persoas conviventes en que non se aplicará
esta limitación.
3. Exceptúase o uso da máscara no momento do baño.
3.17. Especificidades para determinadas actividades de natureza e turísticas.
Poderán realizarse actividades de
turismo activo e de natureza, organizadas por empresas habilitadas como
empresas de turismo activo, e a actividade de guía turístico, para
grupos de ata un máximo de dez persoas, e deberán establecerse as
medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal
durante o desenvolvemento da actividade excepto no caso de persoas
conviventes.
3.18. Centros de interpretación e visitantes, aulas da natureza, casetas e puntos de información.
Nos centros de interpretación e
visitantes, nas aulas da natureza, casetas e puntos de información da
Rede galega de espazos protexidos non se poderá exceder o cincuenta por
cento da súa capacidade e deberá respectarse o máximo de dez persoas nas
actividades de grupos, incluído o monitor ou guía. Ademais, deberanse
establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade
interpersoal durante o desenvolvemento da actividade excepto no caso de
persoas conviventes.
3.19. Realización de actividades de tempo libre dirixidas á poboación infantil e xuvenil.
1. Poderanse realizar actividades de
tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil, cando estas se
leven a cabo ao aire libre, sempre que se limite o número de
participantes ao cincuenta por cento da súa asistencia máxima habitual,
cun máximo de cen participantes, incluídos os monitores. Cando estas
actividades se realicen en espazos pechados, non se deberá superar o
cincuenta por cento da capacidade máxima do recinto, cun máximo de
cincuenta participantes, incluídos os monitores.
2. As actividades deberán realizarse en
grupos de ata dez persoas participantes, incluíndo os monitores
correspondentes, que deberán traballar sen contacto entre os demais
grupos.
3.20. Uso das praias.
1. Os concellos deberán establecer
limitacións tanto de acceso como de capacidade das praias co fin de
asegurar que se poida respectar a distancia interpersoal de seguridade
entre usuarios. Para os efectos de calcular a capacidade máxima
permitida por cada praia, considerarase que a superficie de praia que
vai ocupar cada usuario será de polo menos catro metros cadrados.
2. A situación dos obxectos persoais,
toallas, hamacas e elementos similares levarase a cabo de forma que se
poida manter a distancia de seguridade interpersoal con respecto a
outros usuarios. Deberá, ademais, respectarse o límite máximo de dez
persoas por grupo, excepto no caso de persoas conviventes, en que non se
aplicará esta limitación.
3. Exceptúase o uso da máscara no momento do baño.
3.21. Centros recreativos turísticos, zoolóxicos, acuarios ou similares.
1. Os centros recreativos turísticos,
zoolóxicos, acuarios ou similares poderán realizar a súa actividade
sempre que se limite a súa capacidade total ao cincuenta por cento.
2. As visitas de grupos serán dun máximo
de dez persoas, incluído o monitor ou guía, e deberanse establecer as
medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal
durante o desenvolvemento da actividade excepto no caso de persoas
conviventes.
3.22. Parques e zonas deportivas de uso público ao aire libre.
Os parques infantís, parques
biosaudables, zonas deportivas, pistas skate ou espazos de uso público
ao aire libre similares poderán estar abertos ao público sempre que
neles se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada
catro metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto.
3.23. Celebración de congresos, encontros, reunións de negocio, conferencias, eventos e actos similares.
1. Poderanse celebrar congresos,
encontros, reunións de negocio, conferencias e eventos e actos similares
promovidos por calquera entidade, de natureza pública ou privada,
sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade permitida
do lugar de celebración e cun límite máximo de sesenta persoas para
lugares pechados e de cento cincuenta persoas tratándose de actividades
ao aire libre.
Non obstante, poderase ampliar o límite
indicado ata un máximo de cen persoas para lugares pechados e trescentas
persoas tratándose de actividades ao aire libre, logo da autorización
da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas
organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste
caso a solicitude dos titulares, promotores u organizadores das
actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de
prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento
de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto
da nova normalidade por COVID-19 en España, elaborado polo Centro de
Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de
Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou
aqueles outros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.
O recollido neste número será tamén de
aplicación para reunións profesionais, xuntas de comunidades de
propietarios e eventos similares.
3.24. Discotecas e resto de establecementos de lecer nocturno.
1. Poderán estar abertas ao público as
terrazas ao aire libre destes establecementos, para consumo sentado en
mesa, limitando a súa capacidade ao cincuenta por cento das mesas
permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente
licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de
que a licenza sexa concedida por primeira vez.
Consideraranse terrazas ao aire libre
todo espazo exterior ao local non cuberto ou todo espazo que, estando
cuberto, estea rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros
ou paramentos.
2. En todo caso, deberá asegurarse que
se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas
ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de dez
persoas por mesa ou agrupación de mesas. En calquera caso, deberase
respectar un máximo de cen persoas.
3. O emprego de máscaras será
obrigatorio para todos os traballadores e clientes do establecemento
salvo no momento específico do consumo.
4. A actividade deberá pechar non máis
tarde das 23.30 horas, sen que poida permitirse o acceso de ningún
cliente nin expedir consumición ningunha desde esa hora, e cun período
máximo de desaloxo de trinta minutos.
3.25. Establecementos e locais de xogo e apostas.
1. Os casinos, establecementos de xogos
colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, salas de bingo, salóns
recreativos, rifas e tómbolas, locais específicos de apostas e outros
locais e instalacións asimilables aos de actividade recreativa de xogos e
apostas, conforme estableza a normativa sectorial en materia de xogo,
poderán realizar a súa actividade sempre que non se supere o cincuenta
por cento da capacidade permitida.
2. En todo caso, deberá asegurarse que
se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas
ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de dez
persoas por mesa ou agrupación de mesas. En calquera caso, deberase
respectar un máximo de cen persoas en espazos ao aire libre ou de
cincuenta persoas en espazos pechados.
3. O emprego de máscaras será
obrigatorio para todos os traballadores e clientes do establecemento
salvo no momento específico do consumo, no caso de prestación do servizo
de hostalaría ou restauración.
4. Os establecementos e locais deberán
pechar non máis tarde das 23.30 horas, sen que poida permitirse o acceso
de ningún cliente nin expedir consumición ningunha desde esa hora, e
cun período máximo de desaloxo de trinta minutos.
3.26. Limitación de capacidade para outros locais ou establecementos comerciais.
1. Con carácter xeral, calquera outro
local ou establecemento comercial para o cal non se recollan
expresamente unhas condicións de capacidade na presente orde, nin en
protocolos ou normativa específica que lles sexa aplicable, non poderá
superar o cincuenta por cento da capacidade autorizada ou establecida.
En calquera caso, deberase respectar un máximo de sesenta persoas para
lugares pechados e de cento cincuenta persoas tratándose de actividades
ao aire libre.
Non obstante, poderase ampliar o límite
indicado ata un máximo de cen persoas para lugares pechados e trescentas
persoas tratándose de actividades ao aire libre, logo da autorización
da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas
organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste
caso a solicitude dos titulares, promotores u organizadores das
actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de
prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento
de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto
da nova normalidade por COVID-19 en España, elaborado polo Centro de
Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de
Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou
aqueles outros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.
O disposto neste número 1 non será de
aplicación nos establecementos comerciais de alimentación, bebidas,
produtos e bens de primeira necesidade, establecementos farmacéuticos,
servizos médicos ou sanitarios, ópticas, produtos ortopédicos, produtos
hixiénicos, salóns de peiteado, prensa e papelaría, combustible para a
automoción, estancos, equipamentos tecnolóxicos e de telecomunicacións,
alimentos para animais de compañía, comercio pola internet, telefónico
ou correspondencia, tinturarías e lavandarías, sen prexuízo da
necesidade de cumprir as obrigas xerais previstas na presente orde e as
medidas xerais de hixiene e protección.
2. As actividades en grupos deberán
realizarse ata un máximo de dez persoas participantes, incluídos os
monitores, guías ou encargados correspondentes, e deberanse establecer
as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade
interpersoal durante o desenvolvemento da actividade excepto no caso de
persoas conviventes.
3. En calquera caso, poderase suspender a
actividade de calquera establecemento que, a xuízo da autoridade
competente, poida supor un risco de contaxio polas condicións en que se
estea desenvolvendo.
4. Realización das probas ABAU.
1. A realización das probas da ABAU programadas poderá levarse a cabo cumprindo os protocolos previstos para a súa celebración.
2. Deberá procurarse evitar as
aglomeracións ao inicio e á saída dos lugares en que se realicen as
probas e rexerá o límite dun máximo de dez persoas por grupo nas zonas
externas ás aulas de realización da proba e no exterior dos lugares en
que se realicen.
3. Poderá exceptuarse o uso da máscara no momento de realización da proba sempre que o alumno permaneza sentado.
5. Medidas en relación coa ocupación e
uso dos vehículos no transporte terrestre de competencia da Comunidade
Autónoma de Galicia.
1. Nos transportes en motocicletas,
ciclomotores e vehículos categoría L, en xeral, que estean provistos con
dúas prazas homologadas (condutor e pasaxeiro) poderán viaxar dúas
persoas. O uso de luvas será obrigatorio por parte do pasaxeiro e tamén
por parte do condutor no caso de motocicletas e ciclomotores destinados
ao uso compartido. Para estes efectos, serán admitidas as luvas de
protección de motoristas.
2. Nos transportes privados particulares
e privados complementarios de persoas en vehículos de ata nove prazas,
incluído o condutor, poderán desprazarse dúas persoas por cada fila de
asentos.
3. Nos transportes públicos de viaxeiros
en vehículos de ata nove prazas, incluído o condutor, poderán
desprazarse dúas persoas por cada fila adicional de asentos respecto da
do condutor.
4. Nos vehículos en que, polas súas
características técnicas, unicamente se dispoña dunha fila de asentos,
como no suposto de cabinas de vehículos pesados, furgonetas ou outros,
limítase a ocupación total a dous ocupantes, agás que se trate de
persoas que viaxen xuntas e convivan no mesmo domicilio.
5. No transporte público regular,
discrecional e privado complementario de viaxeiros, nos vehículos que
dispoñan de asentos, limítase a ocupación total de prazas de xeito que
os pasaxeiros teñan un asento baleiro contiguo que os separe de calquera
outro pasaxeiro, agás que se trate de persoas que viaxen xuntas e
convivan no mesmo domicilio.
No caso de vehículos nos cales todos os
viaxeiros deban viaxar sentados, cumprirán o requisito de separación
indicado no parágrafo anterior aqueles asentos situados a carón da zona
de paso que non teñan ningún outro contiguo.
Non se poderá ocupar a primeira fila
situada inmediatamente detrás do posto de condución, cando se encontren
no mesmo habitáculo, agás que o vehículo dispoña dun anteparo que separe
o espazo do posto de condución desa primeira fila.
6. No transporte público regular,
discrecional e privado complementario de viaxeiros, nos vehículos que
teñan autorizadas prazas de pé, procurarase que as persoas manteñan
entre si a máxima distancia posible, e establecerase como referencia de
ocupación a de dous viaxeiros por cada metro cadrado na zona habilitada
para viaxar de pé. Con carácter xeral, entenderase cumprido este
requisito mediante a redución da capacidade das prazas previstas para
viaxar de pé en vehículos de clase I e A, a unha cuarta parte das prazas
de pé, e nos de clase II, a un terzo das ditas prazas de pé.
7. En todos os supostos previstos nesta
epígrafe será obrigatorio o uso de máscara por parte de todos os
ocupantes dos vehículos, agás nos recollidos no número 2, cando todos os
ocupantes do vehículo convivan no mesmo domicilio.
Nos transportes en motocicletas,
ciclomotores e vehículos categoría L, cando viaxen dous ocupantes,
deberán levar máscara ou casco integral cando non convivan no mesmo
domicilio.
8. O establecido nesta epígrafe non será
de aplicación aos vehículos que se atopen unicamente en tránsito polos
concellos indicados no ámbito territorial desta orde, cando a súa orixe e
destino sexa fóra deles e sen recollida de pasaxeiros nestes concellos.
Neste caso será de aplicación o previsto nos acordos do Consello da
Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención
necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19,
unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova
normalidade e, do 25 de xuño de 2020, na súa redacción vixente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario