20200710
Variacións no peche da Mariña? Le o DOG e déixate de contos.
Seguindo coa idea de que e mellor ter información de primeira man, o mesmo que deixei o DOG extraordinario de 5 de xullo, aquí queda o extraordinario de hoxe, "Nº 137-Bis"
I. Disposicións xerais
Consellería de Sanidade
ORDE do 10 de xullo de 2020 sobre medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19.
Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.
Así mesmo, mediante a Resolución do 25 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de xuño de 2020, polo que se introducen determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no citado Acordo do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.
E mediante a Orde do 30 de xuño de 2020 demorouse o restablecemento das actividades dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, e das festas, verbenas e outros eventos populares, así como das atraccións de feiras, nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19.
Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.
Así mesmo, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas neste acordo que sexan necesarias.
En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19, e sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 4 de xullo de 2020, ditouse a Orde do 5 de xullo de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19. Na orde recolléronse medidas de prevención específicas de aplicación no ámbito territorial dos ditos concellos para facer fronte ao abrocho existente de COVID-19 e para garantir a súa contención.
Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.
No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 6 de xullo de 2020, e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de modificación ou deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.
Ademais, as medidas previstas no punto terceiro da orde, relativas ás restricións á mobilidade e ás agrupacións de persoas para a protección da saúde das persoas ante a existencia dun risco de carácter transmisible, foron obxecto de ratificación xudicial mediante o Auto 40/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo, do 8 de xullo de 2020.
En cumprimento do disposto no punto sexto da Orde do 5 de xullo de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas previstas nela co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria.
Neste sentido, á vista do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, a evolución da situación epidemiolóxica impón o mantemento das medidas de prevención previstas na Orde do 5 de xullo de 2020, coa única modificación consistente no levantamento parcial das restricións da mobilidade, que agora se limitan partindo de dous ámbitos diferentes: por un lado, o concello de Burela, onde se concentra a maior incidencia do abrocho e, por outro, un cinto exterior a Burela, formado polos concellos de Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo, ámbito cunhas condicións epidemiolóxicas similares e diferentes do resto do ámbito territorial, polo número de casos confirmados e de contactos estreitos deles. Levántanse, pola contra, as restricións á mobilidade no resto dos concellos incluídos no ámbito territorial a que se estende a regulación da orde.
As medidas deberán seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.
Procede clarexar, ademais, tendo en conta que as medidas se manterán durante a xornada electoral do próximo 12 de xullo de 2020, que, tal e como se advertiu na Orde do 5 de xullo de 2020, as limitacións á mobilidade previstas non poden afectar o exercicio dun dereito fundamental como é o de sufraxio, polo que se considerará en todo caso xustificada a entrada ou saída do concello de Burela e do ámbito formado polos concellos de Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo para o exercicio deste dereito. Así mesmo, polas mesmas razóns, cómpre indicar, tanto para o caso do distrito sanitario da Mariña como para o resto do territorio da Comunidade Autónoma, que as medidas específicas para contactos estreitos, previstas na Orde do 5 de xullo de 2020 e, con carácter xeral, no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 25 de xuño de 2020 antes citado, consistentes na corentena “salvo causas debidamente xustificadas”, non impiden tampouco o exercicio do dereito fundamental de sufraxio, por considerarse, evidentemente, unha causa xustificada para a saída do domicilio, sen prexuízo de que deban cumprirse as medidas de seguridade establecidas e, en particular, o uso de máscara cirúrxica en todo momento, e que a saída se limite ao tempo estritamente necesario para o exercicio deste dereito ao voto. Para estes efectos, a Consellería de Sanidade cursou as oportunas instrucións para que esta cuestión se aclare nas comunicacións que teña o Centro de Seguimento de Contactos do Servizo Galego de Saúde con estas persoas.
Procede engadir, neste sentido, que a Xunta Electoral Central indicou, confirmando a postura da Xunta Electoral de Galicia, que existen condicións axeitadas de circulación para poder ir votar, coa excepción de segmentos reducidos de poboación, por motivos sanitarios suficientemente xustificados no marco da situación de pandemia en que se están a desenvolver as eleccións, así como que a autoridade sanitaria estableceu as condicións adecuadas para garantir o dereito á saúde dos votantes, así como o das diferentes persoas que interveñen ao longo do proceso electoral.
Por outra banda, as medidas de prevención recollidas na Orde do 5 de xullo e nesta orde que a modifica teñen un evidente fundamento sanitario, dados os riscos de transmisión dunha enfermidade contaxiosa como a que nos ocupa. A vixilancia, a inspección e o control do seu cumprimento corresponden aos concellos, dentro das súas competencias e sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e alcaldesas (artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia), as competencias dos concellos do control sanitario de actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía, dos lugares de convivencia humana (artigo 80.3 da lei citada), así como da súa competencia para a ordenación e control do dominio público.
Cabe lembrar, a este respecto, que o Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, recolle no seu artigo 3.2 que corresponderán aos órganos competentes da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas e das entidades locais, no ámbito das súas respectivas competencias, as funcións de vixilancia, inspección e control do correcto cumprimento das medidas establecidas neste real decreto lei.
Polo tanto, os alcaldes e alcaldesas, como autoridade sanitaria, deben garantir, nas referidas actividades, servizos e lugares de convivencia humana, os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía (artigo 33.2 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia) e, polo tanto, garantir a vixilancia, a inspección e o control do cumprimento das medidas preventivas aprobadas pola Administración autonómica e daquelas que, no seu desenvolvemento e atendendo á situación concreta, poida establecer o concello.
Así mesmo, as forzas e corpos de seguridade teñen un papel fundamental no necesario control do cumprimento das medidas de prevención, papel que veñen desempeñando durante toda esta crise sanitaria, a través da formulación das correspondentes denuncias e remisión ás autoridades competentes, nos casos en que se detecte o seu incumprimento. Débese lembrar, a este respecto, que o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19. Tendo en conta a existencia dunha declaración de emerxencia sanitaria, resulta esencial a colaboración das forzas e corpos de seguridade coa finalidade de preservar a seguridade e a convivencia cidadá.
En atención ao exposto, en aplicación do punto sexto da Orde do 5 de xullo de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,
DISPOÑO:
Primeiro. Mantemento das medidas de prevención previstas na Orde do 5 de xullo de 2020
Atendida a evolución da situación epidemiolóxica, mantense a eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 5 de xullo de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19, sen prexuízo do indicado no punto segundo desta orde.
Segundo. Modificación do punto terceiro da Orde do 5 de xullo de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19
As letras a) e b) do punto terceiro da Orde do 5 de xullo de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19, quedan redactadas como segue:
«a) Limítase a entrada e saída de persoas do concello de Burela, a partir das 00.00 horas do día 11 de xullo de 2020.
Así mesmo, a partir das 00.00 horas do día 11 de xullo de 2020, limítase a entrada e saída de persoas do ámbito territorial delimitado conxuntamente polos concellos de Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo.
Non obstante as anteriores limitacións, poderase entrar e saír do concello de Burela e do ámbito territorial delimitado no parágrafo anterior polas seguintes razóns:
1º) Desprazamento ao lugar de traballo para efectuar a prestación laboral, profesional ou empresarial, incluídos o transporte, a prestación de servizos, o comercio e as actividades empresariais e económicas.
2º) Retorno ao lugar de residencia habitual.
3º) Asistencia e coidado de maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
4º) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
5º) Por desprazamentos ao Hospital da Mariña ou desde o Hospital da Mariña, ou do mesmo modo, aos puntos de atención continuada de acordo coa asignación correspondente.
6º) Calquera outra actividade de análoga natureza.
As limitacións de entrada e saída indicadas non afectarán a circulación por autovías e outras vías de comunicación cando se trate de mobilidade con orixe e destino fóra do concello de Burela ou fóra do ámbito territorial delimitado no segundo parágrafo desta letra a), sempre e cando non comporte a mobilidade fóra destas vías.
b) No interior do concello de Burela e do ámbito territorial delimitado no segundo parágrafo da letra a), así como no restante ámbito territorial incluído nesta orde (concellos de Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Trabada, O Valadouro e O Vicedo) poderá circularse sen limitacións, salvo nos casos indicados nos números 1.2 (Persoas con sintomatoloxía) e 1.5 (Medidas específicas para casos e contactos estreitos) do anexo desta orde. Sen prexuízo do indicado, para a colaboración coas autoridades sanitarias e de acordo co principio de precaución, recoméndaselle á poboación do dito ámbito territorial permanecer nos seus municipios de residencia e limitar a mobilidade aos casos imprescindibles mentres se manteña a efectividade das medidas establecidas nesta orde».
Terceiro. Seguimento e avaliación
As medidas previstas na Orde do 5 de xullo de 2020 cuxa eficacia se mantén e a introducida no punto segundo da presente orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.
Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2020
Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade
Etiquetas:
coronavirus
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario