20200816

Novelle

 

Novelle

Pode que non o coñezas: non foi político, nin artista, nin celebridade mediática... mais a súa influencia a nivel Galicia non é desprezable.

Coñecín a Javier Novelle no ano 2000. Coñecímonos. Ou máis ben, deba dicir coñeceume: preparando el a 5ª edición do Día da Ciencia na Rúa, tivo noticia da Feira da Ciencia que mantíñamos no daquela IFP Porta da Auga e achegouse a Ribadeo para ollar a nosa VI edición e invitarnos a participar na Coruña. Dende aquela, non faltou a participación ribadense na festa científica coruñesa ata o día de hoxe: foi o comezo dunha amizade na que el, sorridor empedernido, desbordante de vida co seu ímpeto calmo, puxo o comezo, e agora, o final.

Morreu hai un par de días, xusto a piques do seu setenta cumpreanos, pero moitos anos despois de que a súa vitalidade quedara para min impresa na constatación da amizade. Era difícil non facerse amigo del a pouco trato que se tivera. Podías comezar relacionándote con el a nivel profesional, como foi o meu caso, mais, animado, xeneroso, activo, de seguida pasabas a ser cómplice da súa amizade.

A súa vida vese malamente compendiada na introdución do artigo que lle adica a Galipedia: “Francisco Javier Novelle Secades, nado en Teberga (Asturias) o 15 de agosto de 1950 e morto na Coruña o 14 de agosto de 2020, foi un activista difusor científico e profesor que desenvolveu a súa actividade en Galicia.” Malamente non porque non sexa reflexo da realidade, senón porque un relato referenciado como o que é necesario na Galipedia non é capaz de reflectir toda a vivez dunha vida na que a súa actividade cara á sociedade non pode separarse das vivencias internas, dos amigos, do desenvolver diario. Pode poñerse nun artigo enciclopédico o seu cariño pola terra natal, algo íntimo, lugar onde se sentía a gusto e retornaba unha e outra vez? Non. Todo o máis, pode poñerse algo como que gustaba de visitala. Hai unha diferencia grande que calquera que teña sentimentos parellos pode recoñecer.

Profesor no IES Calvo Sotelo de A Coruña, ós seus alumnos tíñaos presentes de continuo, pero será coñecido e recoñecido polo impulso que levou ó Día da Ciencia na Rúa ó que é na actualidade: un referente galego de difusión científica. Pode dicirse que, como instrumento, tiña a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, da que entrou a formar parte na súa primeira directiva aló polo 1993, rematando como presidente o día da súa morte. E, dentro da asociación, cousas como as visitas periódicas a diferentes lugares da xeografía galega, sexa para recoller cogomelos, empaparse da historia dun lugar, estudar a xeoloxía dunha zona, entender o funcionamento dun laboratorio, dar un paseo sentido por unha fraga... ou moitas outras, deron impulso a un núcleo non só de amizade, senón de coñecemento e transmisión de vitalidade ás persoas e ó entorno. E non foi a única asociación na que puxo o seu gran de area. Distinguindo ben os campos de actuación, tamén foi presidente e impulsor da Asociación de Ensinantes de Fabricación Mecánica.

O mesmo que un artigo enciclopédico ten uns límites estritos, unha pequena semblanza tamén ten limitacións: non pode traer á persoa con todas as súas luces e sombras, e menos aínda a riqueza dunha vida. En algún lugar hai que cortar, sabendo que non se chega amosar nin a punta do iceberg.

Javier, mentres a terra non cubra ós teus amigos, seguirás vivo. E despois, os efectos das túas obras han continuar relevantes aínda por moito tempo.

--

Lembranza no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

Ningún comentario: