O MIRADOR DE COMADO. SANTIAGO DE REINANTE. Barreiros.(LUGO)
COMO CHEGAR: Na estrada N-634, en S. Miguel de Reinante (c. km 565,8), cóllese a estrada de Remourelle; no km 3,4, desviación á esquerda por unha pista forestal sen asfaltar (2,2 km). Ruta sinalizada.
Atópase no monte Comado, a unha altitude de 471 m, excelente mirador da rasa Cantábrica, onde se pode observar dende Tapia de Casariego (Asturias) ata o cabo de Burela; en días claros vénse os Farallóns de S. Cibrao.
Aos seus pés o Xacemento Arqueolóxico de A Roda, xacemento circular (crómlech) coñecido como o “Stonehenge galego“, do Bronce Medio (2000 a.C.) e a famosa praia de Augasantas, coñecida como “a praia das Catedrais”
A 650 m temos Penalonga, punto máis elevado do Concello de Barreiros con 516 m de altura. Podemos ver dende aquí parte dos concellos de Trabada, Mondoñedo, Valadouro (Serra do Xistral...), a Frouseira... e a escasa distancia o Mondigo (569 m) no concello de Ribadeo.
Durante anos Comado foi unha zona de referencia do parapente de Galicia, chegando a celebrarse probas das primeiras ligas de parapente galegas, recentemente recuperadas. Comado figura entre as mellores zonas para voar de Galicia. Xullo Villarino, presidente do Club Parapente de Ferrol, afirma que "A Mariña é unha das das mellores zonas de Galicia para voar, ten despegues moi bos, de auténtico privilexo, sobre todo Comado en Barreiros". Na actualidade (outubre 2017) a zona de Comado ten o mellor récord global de “Máxima Altura” (media 1119 m)
Dende 2013 celébrase no mes de outubro a subida ao Monte Comado. Un sábado dispútase a media km vertical con saída da Praia de Arealonga e o trail infantil na cima do monte. E o domingo, dous trails, un de 26 km e outro de 13 km.
O ALTO DE COMADO
Ó par da brisa temprana
entre salgueiros subía
paxariños, verde prado,
paso tras paso chegaba
aló o Alto de Comado.
Nunca ollos humanos viron
o que dalí se divisa,
A Mariña case enteira
nubes de color de rosa
músicas e máis cantares
nunca sentidos na vida.
Decateime que había un banco,
¡¡ senteime !!
máis sen apartar a vista,
desta estampa mariñana
digna de calquer artista.
As casiñas fomegando
os xardíns todos floridos
e polo medio do mar
os barquiños navegando.
Xa empeza a caer a noite
o ceo cheo de estrelas
eu alí agardando a lúa
para escribir os poemas.
MARICARMEN SANTAMARINA
1 comentario:
Unha aclaración, pedida por outro medio: si, pódese subir en coche pola ruta marcada e apuntada nesta entrada.
Publicar un comentario