Por detrás da realidade
Imos por detrás da realidade. Quizais na nosa terra máis que noutras partes, mesmo nalgunha parcela moito máis que nalgunha outra. Pero é algo xeneralizado. Estámolo vendo reflectido máis ás claras que nunca coa pandemia, pero é algo moito máis xeneralizado, non correspondendo tampouco só coa pandemia.
No caso máis actual, o coronavirus, téntase regular a vida para evitar a morte, despois de que esa morte vai presentando algún que outro trazo que a permite clasificar e estudar. Pero os estudos levan o seu tempo, e mentres, a indecisión ou a decisión sen datos claros abondo, no medio dun mar de noticias parciais, da resultados moi limitados. Sábese -mesmo estaba anunciado, como tantas outras cousas que ás veces se cumpren, pero non sempre en tempo e forma- das causas últimas desta pandemia. Causas relacionadas con outros males, coa destrución do noso propio mundo. Pero o que se trata é de poñer parches para mitigar os efectos, non solucionar as causas.
É así. En xeral, no conxunto de amezas globais, estase a tentar regular algo no que as compañías privadas, intereses privados, o beneficio a curto prazo, van por diante das estruturas comunitarias, dos intereses comúns. Dende os patinetes eléctricos á privacidade, pasando polo espolio dos recursos naturais ou a contaminación atmosférica. O que se fai en tódolos casos, por sistema, non é tomar a iniciativa social, senón tentar regular unha actividade que naceu enfocada a un tipo de economía e se tenta limitar axustándose a ela, nunha especie de principio de mínima acción xunto coa consideración e valoración do que xa marca a propia iniciativa a regular. É dicir, reforzando e protexendo os intereses privados. Privados non como oposto a públicos, senón a comúns. E iso ten consecuencias para o futuro, inmediato ou non. Para o xeito de pensar e de actuar. E repercusións para todos neste pequeno mundo no que aínda que pareza que podemos illarnos -que alguén puidera-, interdependemos cos demais.
Vémolo no caso do coronavirus, e non só coa forma de protección individual/colectiva, de resposta dos hospitais privados, da produción e comercialización de máscaras ou respiradores, ou a regulamentación económica paliativa. Pero, como podemos reaccionar como sociedade se alimentamos o encorsetamento nunha estrutura económica que cada vez máis se parece a unha cárcere da que non se pode saír? O da imaxinación ó poder é un vello berro que deu ímpeto a un inicio de revolución que se quedou niso, en inicio. Mais é a imaxinación e traballo na creación de novas relacións, novas institucións e novos xeitos de desempeño institucional ou a identificación e deseño de infraestruturas alternativas de subministro e uso de servizos, o que pode facilitar o acceso ós coñecementos prácticos e a un efecto transformador na sociedade. Un efecto que empodere á sociedade para enfrontarse ós desafíos.
Mentres non se recoñezan na práctica -coñecidas son- cousas como que na actualidade o capital non é democrático, e polo tanto, a democracia non lle afecta, mentres a democracia se ve afectada polo capital, a sociedade estará suxeita ós cartos, e o ‘retorno da inversión’, calquera que sexa, seguirá como unha bóla de neve que no seu avance deixa o camiño despexado, un sendeiro que invita a seguir na mesma dirección, sen saírse.
Hai tempo que somos conscientes de que o coñecemento e a tecnoloxía, esa que tanto nos gusta porque parece que fai milagres, son ferramentas, e non se aplican a anticiparse ós problemas, a actuar sobre as causas, senón a tentar paliar os efectos, indo por detrás: non están a facer de chave das noces. Pero calquera sabe que nun xogo -si, iso que os nenos e os maiores fan para entreterse e entrenarse para a vida- quen vai por detrás, perde.
Ningún comentario:
Publicar un comentario