20200911

A FERVENZA DO POZO LEXOSO. Emilio Piñeiroa Lozano

O Concello de Ribadeo presenta grandes contrastes que ofrecen ao visitante infinidade de espazos e sensacións diferentes, dende a costa bañada polo Cantábrico (praia das Catedrais, os Castros, Rinlo, Illa Pancha, a ría…) ata os bucólicos vales e montañas do interior.

Na visita ao interior do Concello, parada obrigatoria é a fervenza do pozo Lexoso, cada vez máis visitada. Atópase na parroquia de Arante, entre Remourelle e Vilamaríz.

Con vexetación autóctona: salgueiros, loureiros, acivros, piñeiros, fentos…

Fauna: corzos, xabaríns, raposos, esquíos, corvos, pombos, ras, troitas… pero unha pequena recomendación durante a visita:

“Se ti calas, os animais falan;

se ti falas, eles calan”

COMO CHEGAR: Estrada LU-133 (Vilamar-Reme), km 11.

Dende Ribadeo: pasamos Covelas, o encoro de Lexoso, á dereita deixamos a estrada de Noceda, á esquerda a pista de Vilamariz, e na subida, antes de chegar a Remourelle (km 11) collemos á dereita un camiño forestal que nos leva (200m aprox.) á Fervenza Pozo Lexoso.

Dende a rotonda de Barreiros, Vilamar, Trabada, seguimos dirección Ribadeo; pasamos Remourelle e na baixada (km 11) collemos á esquerda o único camiño forestal, a 200 m aprox., atopamos a Fervenza Pozo Lexoso.

2 comentarios:

pancho dixo...

É unha pena que tan bellísimo lugar das fadas estea esquecido no monte sen desfrutar del

agremon dixo...

Desfrutable para quen está no segredo...