20200906

A normalidade non voltará: que bonita terriña... e como nola estamos cargando

Vai rematando o verán, e no ciclo estacional, achegándose o outono. Un ano máis, como se ven producindo por milenios e miles de milenios. Normal... aparentemente.

De sempre, por pequenas flutuacións, non hai dous anos iguais, dos outonos iguais... por moito que a Terra siga a ter equinoccios ou solsticios periódicos virtualmente idénticos. É momento de traer a colación aquelo de que non volveremos ver o mesmo río: a auga será outra, e nós, tamén. E iso, en situación 'normal'.

Traio a definición de normal do dicionario da RAG, e collo a primeira acepción, a máis axeitada ó caso: "Conforme á norma, ao que é o máis frecuente ou habitual". Máis frecuente... pero unha frecuencia pode variar. As frecuencias varían. E así, agora é máis frecuente que veña unha vaga de calor do que o era hai uns anos. A un conxunto de feitos como ese, de cambios de frecuencias de fenómenos climáticos, e outros feitos asociados, chamámoslle cambio climático. E agora, estamos en pleno cambio doutro tipo de frecuencias, variando outra normalidade. Ou é que hai tan só un ano era frecuente ver pola rúa á xente con máscara? Aínda no antroido, coa diversidade de máscaras, eran minoría. Unha frecuencia que ten variado. E con ela, outros cambios pequenos ou grandes, sutís ou non tanto, que están a sentar as bases dunha normalidade con frecuencias diferentes. E dun deseño social tamén diferente. E económico. E si, tamén político, por moito que poda vir con máis atraso, a remolque, ó poder concitar máis defensa á nosa costa. Que todos os cambios nas frecuencas en que suceden / facemos que sucedan as cousas sexan para ben ou para mal, iso xa é fariña doutro costal.

Onte mesmo, na presentación dun libro, o autor chamabase á historia , a que o renacemento viñera despois da peste, ou os sistemas públicos de saúde despois da gripe española, para manter a afirmación de que a crise deixará un mundo mellor, aínda que quizáis non de xeito inmediato. E despois lembráballe eu que o xuízo sobre esas melloras facíamolo nós, a posteriori, os supervivintes nese novo mundo, os afeitos a el, dende a nosa perspectiva. Chegarían ó mesmo resultado positivo as persoas que sufriron a época da peste ou da gripe española? Hoxe podemos dicir que o renacemento representou unha mellora indiscutible en moitos campos, o mesmo que o establecemento dun sistema universal de saúde. Pero, seguro que non terían chegado cambios mellores, ou máis rápido, ou outros, se non se tivera sufrido a peste ou a gripe española?

Non, a normalidade non voltará, porque en certa forma, non temos saído dela; sinxelamente, estase a transformar, coma sempre, pero máis rápido. Non sei por que medio chegou a min hai uns días unha frase de Victor Hugo que me deixou pensando: "Cal é o perigo da situación actual? A ignorancia, aínda máis que a miseria." E si, a ignorancia, máis aínda a ignorancia miserenta -a que fai alarde- é un auténtico perigo 'aquí e agora'. Mais tamén representa un perigo para o futuro a ignorancia como sociedade, a ignorancia voluntaria dos nosos propios recursos para mellorar unha situación. E ese é un feito que se está a producir cada vez máis a miúdo, en base a intereses particulares considerados por riba dos intereses xerais. Non temos normalidade á que voltar, pero mentres cambiamos o normal, seguimos a cargarnos a nosa bonita terriña.

Ningún comentario: